Dende que nacera en 1994 como Mostra Ibérica de Teatro Universitario, con grupos de España, Galicia e Portugal, a MITEU de Ourense non deixou de crecer exponencialmente, pasando dun ano para outro a mudar ese I polo de Iberoamericano e en pouco tempo facerse Internacional, que é como quedou e o que representa hoxe. 18 edicións que viron pasar centos de compañías de moitas nacionalidades diferentes: Portugal, Italia, México, Arxentina, Sáhara, Palestina... ata convertirse no que é: un referente da vida cultural da cidade, o festival máis importante de Ourense e unha das citas teatrais máis relevantes da Galiza e do Estado. Así llo confirman os seus invitados de todo o mundo a Fernando Dacosta (Ourense, 1969), director da Mostra e da Aula de Teatro Universitario da cidade das Burgas.
Este actor, director e dramaturgo, licenciado en Filoloxía Hispánica e membro da emblemática compañía Sarabela, cunha amplísima bagaxe no oficio, é o máximo responsable da MITEU, o que a vai preparando ao longo do ano e, tras dúas semanas de actividade incesante (“unha loucura”), o que poderá dicir que foi todo un éxito porque ano tras ano, e contra os tempos e as administracións, vai superando os seus records de asistencia grazas a un público fiel e unha programación cada vez máis completa e esixente. Pequeno de estatura e cun corazón grande, este home di en voz baixiña con gran serenidade e sempre cun sorriso no bico verdades coma puños, tan contundentes como as súas montaxes teatrais ou a mensaxe de Benvida da XVIII MITEU.
18 anos. A filla medra e faise maior. Que se sente? Que conseguiu a MITEU neste tempo? Cal é o seu segredo do éxito? E que lle queda por conseguir?
Creo que nestes 18 anos a MITEU conseguiu ser unha cita cultural na cidade de Ourense. Como cita que é agárdase un encontro, é dicir, que acudan as dúas partes. A MITEU conseguiu acudir xa 18 anos. Os espectadores, a outra parte citada, tamén. Ese é o maior valor da Mostra, o seu público. Tamén podemos pensar que se conseguiu que por esta cidade pasasen centos e centos de espectáculos, de máis de 30 países dos 5 continentes, que haxa encontro e que floreza a vida durante eses días.
"Cando cada un remate o seu traballo terá un balance ao que aferrarse. Espero que o de AGADIC non sexan os festivais, compañías, teatros... que tiveron que pechar"
Mais non parecen decatarse algunhas autoridades. A Xunta só achega 900 euros, e a AGADIC non garante o apoio no futuro. Que pensa disto?
Gustaríame saber que pensan eles. Este ano hai 900 euros porque é a parte dunha contratación previa. Obviamente só hai que botarlle un ollo ao programa, pensar o que significa en termos de cachés, de aloxamentos, de restaurantes, de viaxes, de produción... para entender que non están cumprindo co seu deber como Axencia. Van sacar unha convocatoria pública, pero estamos a mediados de abril e aínda non saíu. Loxicamente é un risco inmenso facer unha Mostra ou Festival sen ter pechados os orzamentos. Cando cada un remate o seu traballo terá un balance ao que aferrarse. Espero que o deles non sexan os festivais, compañías, teatros... que tiveron que pechar.
Tempos incertos, realidade absurda á que non parece superar a ficción. A MITEU semella que vén amosando cada ano maior compromiso con esa realidade. É así?
Téntase iso. Hai un número de compañías que acoden con regularidade como son as universitarias galegas ou aquelas coas que se establece intercambio. Depende do que eles presenten a Mostra oscilará cara a uns contidos ou outros. Xa no apartado de grupos invitados e compañías profesionais é unha programación que ten a vertente das voces acaladas, daqueles temas e lugares que non están presentes nas primeiras liñas informativas e que precisan contar e ser escoitados para mudar realidades, a carón dunha vertente de humor necesario.
"Polo que se ve entenderon no consulado que no noso país vai todo tan ben que todo o mundo quere quedar... Curioso"
Falando desa realidade adversa, o grupo de teatro tunisiano non poderá actuar nin dar a charla programada porque o consulado español denegoulles o visado, alegando que “poderían quedar en España de maneira irregular”.
Polo que se ve entenderon no consulado que no noso país vai todo tan ben que todo o mundo quere quedar... Curioso. Non sei o que está na cabeza de cada actor que chega de tantos e tantos países á MITEU. É certo que algunha vez quedou algún actor (de miles quedaron en todos estes anos tres), persoas que se non veñen pola Mostra de Teatro acudirán doutro xeito, porque a fame ou a procura de liberdade non coñece barreiras. É unha decisión que vai contra o contacto entre os pobos, entre as culturas. Que redunda no medo ao outro, ao distinto. No medo a que nos coñezamos entre persoas de diversas nacionalidades e con esquemas mentais, sociais, relixiosos, culinarios... diferentes. Estas experiencias son fundamentais para emisores e receptores, para redundar no que ten o ser humano de interesante. Por iso os terroristas atacan medios de transporte, para que teñamos medo a viaxar, para que non coñezamos, e esta xente ten o mesmo pensamento, só que utilizan selos oficiais e grandes cargos no canto de metralla.
E por que Tunisia para a faceta solidaria da MITEU desta edición? (como outros anos foi Sáhara, Marrocos, Palestina...)
Efectivamente a cuestión Palestina xa estivo presente dun ou doutro xeito en tres edicións da MITEU. Tamén un grupo saharauí, Marrocos para contar desde outro punto de vista o día a día dun país tan próximo no xeográfico e distante noutros conceptos (o primeiro ano que os convidamos foi cando o conflito de Perejil). Chile veu o ano no que estabamos á gresca por aquel ditador chamado Pinochet ... Creo que a contracorrente ten un interese formidable.
No caso de Tunisia (que polo menos mantén a exposición de Asemblea de Cooperación Pola Paz) era para saber de primeira man que foi daquela chamada primavera árabe neses alardes poéticos dos medios de comunicación (ou de quen dite esas cousas). Porque pasado o día pasada a romaría, como cando veu Honduras tralo golpe de estado do que xa non sabemos nada, nada, porque, polo que sexa xa non interesa a quen sexa (deberon chegar a acordos coa gran potencia). Interesábanos saber como están agora alí, como vai a chamada democracia, que avances hai respecto á liberdade da muller, como inflúe a relixión no seu día a día...
"O lema Cultura contra a Mentira é tremendamente atinado. Engloba o teatro, a música, a danza, a actores, directores... son tempos duros para todos, tamén para a cultura, transformadora de realidades opresivas porque fai pensar"
E nesa liña de compromiso coa realidade máis actual, a MITEU anuncia que entregará o seu premio de honra á Plataforma das Artes Escénicas.
O seu lema Cultura contra a Mentira é tremendamente atinado. Engloba o teatro, a música, a danza, a actores, directores... son tempos duros para todos, tamén para a cultura, transformadora de realidades opresivas (mesmo da económica) porque fai pensar. A xunta directiva tivo un traballo excelente e cremos que merece recoñecemento.
Na súa mensaxe de Benvida, fala da importancia das palabras, do seu valor e compromiso, e da prostitución que se está a facer por parte de determinada xente de moitas delas.
Si. Paréceme sorprendente. E é algo diario. Discernir o que se quere dicir entre a maraña de palabras dos poderosos é un traballo/xogo estimulante, como o é non repetir as súas consignas sen pensar. Hai que estar alerta porque aínda é fecundo o ventre do que saíu o inmundo, como dixo Brecht.
A MITEU sempre se distinguiu por achegar moitas culturas e realidades de diversas partes do mundo. Como é o proceso para conseguir ter compañías de Ecuador, Tunisia ou (noutras edicións) Guatemala ou Eslovenia?
Laborioso, e máis ao ter pouco orzamento. Botamos man de moitos amigos e teatreiros e exalumnos que andan polo mundo e recomendan. De directores e actores que coñecemos e viron ou traballaron con determinadas persoas que nos poden levar ao contacto. Ademais temos unha colaboración frutífera hai anos con Asemblea de Cooperación Pola Paz que traballa no terreo e achégase a realidades que necesitan ser contadas.
"O teatro universitario é o forno de actores e actrices, directores e directoras, dramaturgos e dramaturgas, é o forno de creadores, daqueles que tomarán as táboas no século acabado de comezar"
A MITEU é teatro universitario pero tamén moito teatro profesional. Que ten de especial o primeiro e que comunicación se establece co segundo?
O teatro universitario é o forno de actores e actrices, directores e directoras, dramaturgos e dramaturgas, é o forno de creadores, daqueles que tomarán as táboas no século acabado de comezar. Son as novas tendencias. O teatro profesional, dentro dunha programación tan ampla, aporta a perspectiva dos que xa levan anos na escena, a súa técnica, o seu bo facer. Son complementarios. E xunto a eles os concertos, as exposicións, a danza, os cursos...
O seu irmanamento con Covilhâ segue dando bos froitos: unha vez máis, veñen a Ourense. Como a Banda Kurenai de Xénova (terceiro ano consecutivo).
Con Covilhâ temos unha relación de irmáns desde o ano 96. Entendémonos e admirámonos desde propostas teatrais diferenciadas. Duns anos a esta parte tamén pasou isto con Xénova, e ao longo dos anos pasa con grupos que van de Lisboa a Pamplona, ou de Zaragoza a Aveiro.
"É importante que as letras galegas ollen para o teatro, un dos sectores onde a diglosia é claramente á inversa que no resto da sociedade"
Vidal Bolaño, grande do teatro galego homenaxeado nas Letras Galegas de 2013, estará moi presente na MITEU con catro montaxes distintas.
Coa colaboración do CDG conseguiuse que varias Aulas montasen textos do noso querido autor. É importante que as letras galegas ollen para o teatro, un dos sectores onde a diglosia é claramente á inversa que no resto da sociedade.
Tamén o humor estará moi presente, con pílulas vitamínicas como as de Jango Edwards, Yllana, Os Irmáns Lumieira ou A Contrabutaca. É máis necesario que nunca o humor nestes tempos?
É fundamental. É o que nos distingue das feras, o humor.
A compañía Sarabela, da que vostede é membro, vén de obter nos Premios María Casares dez candidaturas e tres premios pola súa última montaxe, Viaxe a Ningunha Parte, adaptación do clásico de Fernando Fernán Gómez. Este texto fala do oficio dos actores de teatro, tamén chamados cómicos ou titiriteiros. Que me diría da súa profesión, que anime á xente a lanzarse a ela a pesar do duro dos tempos?
Se algo ten este ataque económico que sufrimos (bautizado como crise) é que nos fai ver que pode quedar sen traballo calquera. Daquela, fai o que sintas, o que che guste, sen pensar só en que será o que che asegure o pan. Lamentablemente podemos ou non podemos gañar o pan con calquera profesión. A dos teatreiros está pasando por momentos moi duros pero, cal non?... Desconfiemos desas que sacan tallada.
"A dos teatreiros está pasando por momentos moi duros pero, cal non?... Desconfiemos desas que sacan tallada"
Vén de dicir que o seu maior desexo é poder continuar coa MITEU. Tamén é todo un logro do festival. É a supervivencia o signo destes tempos?
Quizais si. Coa maior dignidade posible. Sen renunciar a ideas e a soños. Pero hai que vivir, seguir, loitar. No caso contrario, se desfalecemos, estaremos arrodeados de carroñeiros de seguida.
"Non me interesan como teatreiros os tipejos que levan as rendas hoxe en día, son moi malos actores"
Móllese: a quen dos nosos políticos poría de protagonista dun sainete, dunha farsa ou dunha comedia, a quen de bufón, a quen de heroe dunha traxedia?
Creo que hai unha trama shakespeariana montada. Intrigas palaciegas, obsesión polo poder, asasinatos (reais ou mediáticos) para acceder ao poder, para desestabilizar os estados... Economía, Horacio, economía... que diría Hamlet. Pero esa, a do palacio, é a perspectiva deles. Nos matadeiros pásase fame polas especulacións dos diversos trusts. Aí xa non é Shakespeare, é Brecht. Non me interesan como teatreiros os tipejos que levan as rendas hoxe en día, son moi malos actores.
18 anos dan para moito, e de seguro que terá moitas lembranzas. Pode contarnos ou citar algunha anécdota ou recordo da MITEU que o emocione especialmente?
Moitísimas... pero vou tirar polo lado artístico. Quizais o que máis me marca é cando estás no patio de butacas, chegas coa cabeza chea das cousas de xestión e a historia e as propostas artísticas que ves te trasladan, e entón o que me queda marcado é ter estado nun baile húngaro, pero en Hungría, e marcoume estar baixo a ocupación en Palestina, cando veu o grupo palestino aquí a actuar, e por exemplo este ano, no tango que vimos (en referencia á obra Gemma Suns, de Fervor de Buenos Aires), parecía que estábamos nun boliche nun momento determinado, quizais eses momentos de obras; un pico que se meteron uns actores brasileiros na segunda MITEU, hai moitos anos, deixoume marcado... hai momentos nos que deixas de estar no patio de butacas e flúes cara a onde eles están, e eses momentos me parecen únicos e ademais son a recarga necesaria para pensar en facer unha segunda MITEU realmente.
Que é o mellor que pode facer o público e a sociedade en xeral para apoiar a MITEU e festivais como a MITEU?
Acudir e sentila súa.