“Somos actrices, é dicir mulleres traballadoras, e como tais sentímonos dobremente agredidas. Esa escravitude por adscribirnos a uns modelos marcadamente sexistas e uniformizadores para así sermos aceptadas e entrar, manternos ‘naquel perfil’ para poder traballar, non fai máis que restar potencial ás nosas capacidades como actrices, e nosoutras temos moito que dicir ao respecto”. E esta tiranía, “como mulleres, case nos retrotrae ao ideal fascista e católico da Sección Femenina subxugadas aos tres eses: submisión, servizo, sacrificio. Mulleres minorizadas no carácter, na súa independencia e na súa liberdade. Ata que punto nós somos responsables tamén desta perda de dignidade como mulleres e como traballadoras?”.
Son palabras de Mónica Camaño na mesa que reuniu, no encontro Mulleres Creando do Festival Internacional de Teatro de Ourense, (FITO), unha representación de profesionais do audiovisual para falar da “tiranía do perfil”. Era xa o último dos debates abertos en Mulleres Creando, actividade paralela do FITO organizada pola actriz, creadora escénica e produtora teatral Marta Pérez. E houbo diferencias. Mais tamén confluencias. Vínculos que agromaron ou se reforzaron durante o encontro. Sororidade. Dicíao a dramaturga e actriz Claro Gayo xa perto do remate das xornadas: “eu comprométome a escribir para vós, non só por min. Sodes moi estimulantes. Mais parece mentira que teña que haber encontros coma este para chegar a isto”. Porque iso foi. Encontro. Reforzo mutuo.
Mónica Camaño apelou á acción. Ao que as mulleres si poden facer para mudar as cousas. Non ceder á chantaxe. “No noso labor”, -dicía-, “ten que persistir, máis que nunca, a pegada da dignidade feminista para non sucumbirmos en escenarios-escaparates-escravizantes, para abandonar a vida morta das princesas, como ben di o verso de Lupe Gómez. Non pode ser doutro xeito”. Coma ela, a directora e actriz Mariana Carballal sinalou que “temos a responsabilidade íntima e profunda de mudar a situación. É machismo. E nós mesmas impómonos a tiranía cando cumprimos co perfil que nos mandan. Aínda que tampouco hai que cargar contra o 5% de guionistas mulleres que temos. Tamén son vítimas”. Ao que a actriz Anabell Gago respondía: “Cando nos recoñecemos como vítimas, ás veces tamén evitamos a nosa responsabilidade”. Desde o público, a actriz Rebeca Montero matizaba: “a base do problema non é que somos. É o medo ao que temos que dicir”.
"No noso labor ten que persistir a pegada da dignidade feminista para non sucumbirmos en escenarios-escaparates-escravizantes"
Mensaxe de forza foi tamén, na mesma mesa, a da actriz Fina Calleja. “Como nacín nunha familia de mulleres fortes, independentes e seguras tardei uns aniños en decatarme de que, fóra do universo familiar, as regras do xogo eran ben distintas”, contou. Para despois relatar situacións como, nunha cea con José Luis García Berlanga, ter que escoitar: “As actrices novas deben ter claro que se non empezan a triunfar aos quince anos, ben, como moito aos dezaoito… digo para triunfar no cine, e isto pasa desde Carmencita Sevilla ata Penélope Cruz: se non fixeron a esa idade xa non o farán. Poden refuxiarse no teatro e ‘resistir’ ata os corenta anos para facer papeis de nais, de avoas, pero secundariamente”.
Ao que Calleja contesta: “A verdade é que eu non son Penélope Cruz e abracei o teatro por vontade e non como refuxio. No audiovisual fun costureira, pescantina, muller maltratada pero, sobre todo a ‘a muller do alcalde’. Berlanga comigo cravouna. Pretendo resistir todo o que poida nesta profesión. Non aspiro a ser Sarita Montiel nin Penélope Cruz pero, sempre que podo, brindo por Amparo Baró, Amparo Rivelles e, se fai falla, por Florinda Chico”.
Desde o persoal falara tamén a actriz Anabell Gago, que comentou que unha vez que estaba no desemprego participara nun casting de tetas. “Despois arrepentinme”, asegurou. E, en concordancia con Mónica Camaño, apuntou a “sorpresa” que lle causan os “vídeobooks de actrices que se presentan como chicas sexy-boom, que non se parecen a como son realmente”. E preguntou, “por que temos que encorsetarnos nestes papeis? E se nos negamos a aceptalos?”. A actriz Marián Bañobre, que apelou ao humor como forza de combate, relatou tamén anécdotas como cando lle dixeron: “Estás guapísima. Non tiveras dous fillos?”.
"Por que temos que encorsetarnos nestes papeis? E se nos negamos a aceptalos?"
Segundo a produtora Belén Pichel, o problema reside na “estandarización estética, que afecta aos dous sexos. Pero no caso das mulleres multiplícase por mil”. Mais, como Anabell Gago e Mónica Camaño, subliñou tamén que “algunhas actrices poden estar a deixarse secuestrar pola tiranía. Por desesperación laboral e obedecendo a esa imposición social”. Para enmarcar a situación, a actriz Casilda Alfaro achegou algúns datos: “Entre 1999 e 2008”, -dixo-, “de 1256 películas estreadas, so 83 foron dirixidas por mulleres: O 6,6%. Entre o ano 2000 e o 2006, de 871 películas, apenas un 15% foi escrito por unha muller e ó redor dun 20% producido por unha empresa produtora que tivese á fronte unha muller. Os homes son unha abafante maioría nas categorías profesionais relacionadas coas funcións artísticas, directivas e técnicas. Os únicos departamentos que dirixen habitualmente as mulleres son os de vestiario, perruquería e maquillaxe. Na década dos noventa e grazas ao “Decreto Miró” incorpóranse un bo número de mulleres á dirección. De 251, 33 son mulleres. Que foi desta xeración? Pois que a maioría so conseguiron dirixir unha película en 20 anos!”.
Alén diso, -sostivo Alfaro-, “as películas dirixidas por homes outorgan o protagonismo a personaxes masculinos nun 80% dos casos e mostran as mulleres como seres pasivos, que non teñen vida máis aló da súa relación co varón. Pola contra, as mulleres directoras tenden a ter como protagonistas a personaxes do seu mesmo sexo, aínda que en menos proporción que os homes (nun 70% dos casos), e presentan en xeral, personaxes femininos máis complexos, ricos e realistas cós das películas dirixidas e escritas por homes. Polo tanto, as actrices sofren unha indiscutible falta de oportunidades profesionais. As actrices atópanse non só cos obstáculos habituais na profesión, senón tamén con menos papeis, -en 2006: 442 mulleres fronte a 764 homes-, e con poucas oportunidades de encarnar personaxes protagonistas femininos ou secundarios potentes e orixinais. A imaxe estereotipada que das mulleres ofrece o cine premia ás actrices máis novas e convencionalmente “guapas” e exclúe ás interpretes en función da súa idade ou dun aspecto físico que non responde ao patrón de beleza estandarizado”.
Na mesma liña, Beñén Constenla salientaba os roles estereotipados e a dobre discriminación das mulleres maiores. “Non pretendo ser a ‘chica’ da película, senón ser a muller á que lle pasan cousas, con maiúsculas. Cada vez hai máis mulleres guionistas, dramaturgas, pero a maioría non describen mulleres reais. As produtoras botan atrás esas historias. Segundo a industria, o público non quere ver mulleres maduras, cando a audiencia seguidora é maiormente feminina. E ou aceptas unha estrutura totalmente machista ou é dificilísimo formar parte dos ‘medios’, e falo en todos eles. É difícil, por non dicir imposible, ver unha presentadora de informativos fea, vella ou gorda. Na TV unha muller de certa idade é unha especie de acompañamento do marido, do fillo, do neto… Unha ‘señora’ achega pouco profesionalmente porque non valoramos a experiencia”, afirmou. “As nosas voces”, -engadía Ánxeles Cuña-, foron ademais “borradas da historia”.
"Non pretendo ser a ‘chica’ da película, senón ser a muller á que lle pasan cousas, con maiúsculas"
A cuestión da idade saíra tamén na mesa sobre dramaturxia. Mais doutra maneira. Varias das relatoras salientaron que comezaran no teatro cunha certa madurez. “Estou comezando aos 47 anos”, salientara Ana Carreira, para quen o traballo no teatro é “coma un xogo”. Son “directurga”, engadía. Unha directora que fai dramaturxia nos ensaios, cos actores. E cunha canción. E coa escenografía. “Loito”, -sinalou-, “por facer o que me dea a gana como muller, por facer teatro e pola lingua”. Avelina Pérez subliñou, -ademais da “invisibilidade” do traballo das que os seus motores de creación son “a vulnerabilidade, a parte ferida”. E o “adorno”, pois “podemos por exemplo falar da vulnerabilidade con brutalidade”. E o interese no social. O teatro é, para ela, “recuncho de dignidade” nun mundo de frivolidade. Eva Ferreira sinalou que nunca antes fora convidada a unha mesa como dramaturga. E que unha das chaves do seu traballo é “observar a vida”. Esther Carrodeguas optou por non falar. Nunha intervención performática e divertida, na que un texto salientaba cuestións como que “o xénero debe ser transversal, na vida”. Non só no traballo. E na mesa saíron moito as dúbidas. As inseguridades.
Por iso Clara Gayo advertiu: “Coidado, amigas!”. Coas palabras e co que agochan. “Aquí saíron argumentos como son maior, estou nerviosa… case como se non mereceramos estar aquí”, observou. E defendeu a “acción, a reivindicación”, como escolla. Porque, -dixo-, “facer teatro non é unha necesidade. É unha escolla”. “É mellor falar de gozo que de necesidade”, respondeu Ana Carreira, que se declarou ademais “orgullosa de comezar con 47 anos. O que pasa é que teño menos tempo que as máis novas para o erro”. Tamén María Armesto convidou, desde o público, a desterrar os “non sirvo para isto”, a “culpa”. O desculparse por estar. Porque, aínda que negar a inseguridade pode ser unha actitude moi masculina, tampouco conduce a nada quedar prendida nela. “Se estivesen aquí cinco homes en vez de cinco mulleres, falarían da idade ou de que ninguén os coñece?”, preguntou Marta Pérez.
Outro dos debates de Mulleres Creando xurdiu a partir da mesa sobre creación feminina, na que a escritora María Xosé Queizán reivindicou o teatro como “arte política por excelencia” antes de facer, coa crítica e escritora Inma López Silva, unha lectura dramatizada. López Silva salientou que no teatro galego, fronte a outras culturas, o feito de ter a Rosalía de Castro como “referente canónico” puido axudar a que as mulleres atopasen o seu espazo. “O teatro contemporáneo está relativamente protagonizado por mulleres”, afirmou. Aínda que amosou a súa preocupación ante o feito de que as mulleres novas tendan a non recoñecerse como feministas. “E que máis dá se te declaras como feminista, se traballas desde a túa condición de muller. É o discurso o que me importa. Hai que integrar e non excluír a ningunha compañeira por como se defina”, replicou Clara Gayo.
María Xosé Queizán reivindicou o teatro como “arte política por excelencia”
María Xosé Queizán sinalou, porén, que baixo o seu punto de vista “non dá igual. Por portarme e vivir como feminista, eu padecín e padezo persecución e silencio”. Gayo aclarou que “eu si que me posiciono como feminista. Pero penso que o importante é o contido e non o discurso. Ademais, o feminismo está de moda. Hai mulleres que din ser feministas e non o son, e ao revés”. Pola contra, Marta Pérez opinou que “o feminismo non está de moda, está deostado. Pero por que negar que es feminista se o es? Negar as palabras é negar os sistemas de dominación”. Coma ela, María Armesto dixo que “o feminismo non está de moda. Só é o lavado de cara de algo”. Salientou, de feito, que a cultura vai “por detrás das leis”. Pois no cinema “os conflitos que teñen as mulleres son amorosos. Non laborais, existenciais… Non hai mulleres intelixentes, activas, traballadoras. Non reflicte os conflitos das mulleres reais”. E asegurou que “nunca se negou a ningunha muller” por non declararse feminista.
Chus Pato matizou que, ao non declararse feminista, se cadra o que se nega é “o dogma”, é dicir, “as actitudes vitais, as praxes dogmáticas. Porque toda posición política deriva en praxes, en comportamentos identitarios. O feminismo non é o paraíso. Hai persoas moi dogmáticas nel. Persoas que exclúen”. Avelina Pérez engadiu que non hai máis opción que “ser machista ou feminista. É algo básico. Son feminista porque non son machista. Pero hai feminismos, con postulados encontrados. E eu non quero pertencer a nada que teña postulados claros”. Mais, se cadra, as posturas das distintas mulleres non eran contraditorias. Porque se pode ser feminista declarada ou selo na práctica sen enarboralo como bandeira.
Na mesa sobre dirección falouse, por outra banda, de formas de facer que poden dar respostas ás preguntas sobre se existe a creación en feminino, máis alá de que sexa realizada por mulleres. Gena Baamonde, -que noutro momento do encontro reivindicou a Dorotea Bárcena-, falou da emoción e da palabra. Do corpo. Da procura de métodos de investigación e dirección “sen dor”. Da observación da realidade. Diana Mera reflexionou sobre a necesidade de romper as cadeas que nos atan como mulleres. De superación. Marta Pazos salientou a importancia do corpo feminino como punto de partida do seu traballo. Da performance, con referentes como Ana Mendieta. Do posdrama. Do encontro e da ilusión. Da rede, e doutra cuestión que xa saíra nas outras mesas: a horizontalidade. Contraria ás xerarquías patriarcais. Sen esencialismos xa que, como asegurou Anabell Gago, os xeitos de traballar das mulleres tamén poden ser machistas.
Saíu, tamén, en diversas ocasións nas distintas mesas, unha idea que formulara Mariana González: a mudanza de pel. “Unha muller non ten lugar como artista ata que proba unha e outra vez que non será eliminada”, dixo Louise Bourgeois en 1971, segundo lembrou González. Cincuenta anos despois, “esta observación segue sendo actual”. Mais as mulleres foron “abrindo espazos íntimos e sociais nos que iamos a tentas, apoiándonos noutras, pero demasiadas veces finxindo unha seguridade que non sentiamos porque non tiveramos espazos de práctica”. Mulleres que foron “empoderándonos” ao alimentar unha xenealoxía.
"As mulleres foron abrindo espazos íntimos e sociais nos que iamos a tentas, apoiándonos noutras"
E ese tipo de inseguridade pode ser, segundo González, o que acompaña aqueles momentos das nosas vidas “nos que debemos deixar ir algo que ata agora fora preciado por nós”. É dicir, “momentos de crise que nos deixan vulnerables por un tempo”. A vulnerabilidade, quizais, á que se refería Avelina Pérez. A que parte da reacción ante a realidade que nos atravesa. E demasiadas veces “recibimos descualificacións por asumir eses momentos: histérica, sensible, demasiado emocional, fráxil, contraditoria, cambiante. E porén para as serpes, antigo símbolo feminino trocado de sentido polo discurso patriarcal, a muda de pel é sinal de vida e de saúde”, xa que “nós, serpes, renovamos o noso poder con cada cambio de pel”.
Margarita Borja subliñou, pola súa banda, que as mulleres creadoras “atoparon linguaxes propias, sen responder ás receitas dadas”, dando lugar a “unha escena renacida cunha potencia que non se recoñece”, en boa medida apoiada nunha “rede tecida entre nós, para non desaparecer”. Da mesma maneira, Blandinne Pélissier salientou como, malia que a cultura se considera “vangardista e progresista”, reproduce comportamentos machistas. En tódolos países, ademais, -afirmou-, a lexislación tende a ocuparse das mulleres só como “vítimas” .E os espazos creados para visibilizar o traballo feminino son “utilizados para lavar a cara” mentres o groso das institucións, os “grandes espazos de significación”, seguen a ser dominados por homes. Sendo os espazos femininos “connotados” mentres os controlados por homes son considerados universais, non marcados.
"Malia que a cultura se considera vangardista e progresista, reproduce comportamentos machistas"
O tema saíu tamén no debate sobre produción, no que Avelina Pérez sinalaba que a ela tendían a contratala só en circuítos de igualdade. Clara Gayo explicou que ela, en parte por iso, non era activa coa produción. Marián Bañobre replicou, porén, que se querían que as súas obras fosen representadas polas compañías, debían moverse para dárllelas a coñecer. E ese é un dos obxectivos da Asociación de Dramaturgos e Dramaturgas, que está a nacer. Na inauguración do encontro, Marta Pérez reivindicara a fin da “negación” das mulleres nas artes escénicas e no audiovisual. Pois “cada vez é máis esaxerado como nos usurpan os espazos”, xa que “o patriarcado tamén está nas artes escénicas”. E expresou un desexo: que o encontro fose o xermolo de algo. E foino de ideas que se deberán desenvolver. Discutiuse. Irmandouse. Revisáronse conceptos e posicións. E gañouse forza, a través do colectivo.