Promover a presenza das creadoras e visibilizar o seu traballo son promesas moitas veces repetidas, declaracións de intencións que habitualmente se repiten dende institucións e entidades, sobre todo coincidindo con datas sinaladas, como pode ser o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, que se celebra este martes. Dende o Festival de Cans quérese establecer un conxunto de medidas concretas que garanten que estes obxectivos non queden nun simple pronunciamento sen aplicación práctica.
O certame vén de presentar un Decálogo para promover a visibilidade das mulleres, particularmente as mulleres creadoras, dentro de todas as súas seccións e homenaxes. Algunhas das medidas xa foron aplicándose ao longo das distintas edicións do festival, sobre todo nos últimos anos, pero os seus e as súas responsables queren "darlle unha maior énfase" e formalizar o compromiso, comezando por facelo patente na décimo terceira edición, que se celebrará entre o 18 e o 21 de maio.
O festival comprométese a facer chegar este conxunto de medidas a outros certames de cine, música e artes escénicas, así como a asociacións e institucións, para que as impulsen tamén
Ademais, o festival comprométese a facer chegar este decálogo a outros certames de cine, música e artes escénicas, así como a asociacións, institucións sectoriais e Administracións Públicas, "co ánimo de que as impulsen tamén entre os criterios das súas convocatorias e axudas". Desde a organización de Cans considérase que "a presenza feminina no cine e nos seus ámbitos é moi escasa, polo que se pretende xerar un debate e invitar á reflexión para buscar solucións". "A elaboración deste decálogo é, polo tanto, un punto de partida para incitar á análise crítica. A partir de aí, o Festival de Cans formula a necesidade de facer máis visible o traballo das mulleres e deixa clara a súa vontade de introducir todas as melloras posibles que axuden a equilibrar a súa presenza en todos os ámbitos dos festivais", destacan.
Desde a organización de Cans considérase que "a presenza feminina no cine e nos seus ámbitos é moi escasa, polo que se pretende xerar un debate e invitar á reflexión para buscar solucións"
As dez medidas
- O xurado principal do festival (7 persoas), terá como mínimo unha participación do 40% de mulleres de recoñecido prestixio do mundo da cine e os seus ámbitos.
- O xurado das veciñas e veciños de Cans (5 persoas), terá como mínimo unha participación do 40% de mulleres elixidas entre as veciñas de Cans.
- O xurado do concurso de videoclips (4 persoas), terá como mínimo unha participación do 50% de mulleres profesionais de recoñecido prestixio do mundo do cine ou da música.
- O Festival de Cans comprométese a dar visibilidade e recoñecer o traballo das profesionais mulleres no seu máximo recoñecemento, o Premio Pedigree. O compromiso é reforzar a visibilidade do seu labor profesional, e que non pasen máis de dúas edicións consecutivas sen que sexa recoñecida unha muller.
- O Festival de Cans comprométese a contar na selección oficial de curtas a concurso co maior número de mulleres realizadoras posibles, en función da calidade artística e do material recibido.
- O festival de Cans comprométese a contar na selección oficial de videoclips a concurso co maior número de realizadoras posibles en función da calidade artística do material recibido.
- O Festival de Cans comprométese a reforzar os coloquios que desenvolva dentro da súa programación coa presenza do maior número de mulleres creadoras posible.
- Na sección “A que andas”, destinada á posta en valor de guións que están próximos a producirse (5/6 proxectos), o festival comprométese a realizar unha selección dun mínimo dun 40% de guións escritos ou dirixidos por mulleres.
- Na sección “Fill@s de Cans”, destinada a mostrar as primeiras imaxes de filmes inéditos que se van estrear (5/6 proxectos), o festival comprométese a realizar unha selección dun mínimo dun 40% de filmes dirixidos ou producidos por mulleres.
- O Festival de Cans comprométese a incorporar o maior número de mulleres posibles en lugares de responsabilidade e coordinación de áreas específicas do festival.