"Traballadoras somos todas, as que temos emprego e as que non. Esiximos que se incorpore o termo traballadora ao Día Internacional da Muller". Margarida Corral, secretaria das Mulleres da CIG, explica así unha das proclamas do sindicato nesta día "de reivindicación". A central nacionalista levou a cabo este 8 de marzo concentracións ao mediodía en todas as cidades galegas baixo o lema Precarias para "denunciar o enorme deterioro das condicións laborais das mulleres en Galiza; o incremento das desigualdades e os recortes sociais".
A CIG concentrouse ante sedes de confederacións de empresarios, tendas de Inditex e un supermercado de Gadis
E os lugares escollidos non foron casuais. Tendas do grupo Inditex, sedes de confederacións de empresarios e un supermercado de Gadis. "Intentamos escenificar diante dos establecementos de Inditex e das tendas de alimentación a situación de precariedade que sofren as súas traballadoras", explica Margarida Corral, que advirte que "as dependentas de Zara son traballadoras en precario que traballan para outras mulleres precarizadas". "É un paradoxo bastante simbólico", explica.
"Hai unha idea moi estendida de que as mulleres que traballan como dependentas do grupo Inditex teñen salarios dignos e, no mellor dos casos, andan sobre os 800 euros e a maior parte delas non fan máis de 4-6 horas diarias e teñen moitas dificultades para a conciliación", engade a responsable da CIG, que destaca a parcialidade dos contratos, o elevado ritmo dos labores ou as continuas rotacións "mentres a empresa consegue millonarios beneficios a costa da explotación das traballadoras”.
"Hai a idea de que as dependentas de Inditex ten salarios dignos, pero no mellor dos casos cobran 800 euros, teñen contratos parciais e dificultade para conciliar"
Corral destaca tamén a situación na que se atopan as traballadoras de venda, ás que denuncia que “se lles exixe ter boa presenza e sofren discriminacións por razón de idade, xa que a media de idade é de 28 anos e agochan ás de máis de 40 nos almacéns, ou prexubilan ás de máis de 50”. "As probas de selección son case un concurso de beleza", insiste.
Ademais, alerta tamén da situación das traballadoras dos centros loxísticos, que “teñen que facer horas extra para poder sacar nunha xornada de traballo a cantidade de prendas marcadas polos ritmos de robotización”; e ás que son explotadas por estas mesmas empresas "nos países pobres, nas fábricas de confección de roupa".
"Estase a renunciar a certas demandas e o capitalismo pretende comercializar o 8 de marzo"
A secretaria das Mulleres da CIG engade tamén nesta xornada a "necesidade de reivindicarmos o 8 de marzo na lembranza e orixe das reivindicacións, de retomar o termo feminino de clase". Corral cre que "parte da sociedade está asumindo este día como un festivo máis e de celebración". "Nós esiximos que se incorpore o termo 'traballadora' ao Día Internacional da Muller porque este, igual que o 25N é un día de reivindicaicón, tamén o debe ser, como cando as mulleres socialistas saíron á rúa a reivindicar a igualdade laboral". "A loita está moi viva e vixente e sentímonos moletas porque cremos que se está a renunciar a certas demandas e traballadoras somos todas, as que temos traballo e as que non", insiste quen advirte que "xa non son poucos os centros comerciais que aproveitan este día para facer un chamamento á compra e ao consumismo, como se fose o día da pai ou da nai". "O capitalismo pretende comercializar esta data", finaliza.