Ana Vallés: "É Europa a decadente, a que vive do seu pasado, a que se aferra ao poder"

Momento dun ensaio de 'Circo de pulgas' Dominio Público Praza Pública

Ana Vallés dirixe a última obra de Sarabela, O rei morre, versión libre do texto de Ionesco. Con ela, a directora retoma algúns dos temas tratados en pezas anteriores súas con Matarile. Ademais de facer un traballo de mudanza do xeito de actuar dos membros de Sarabela. Matarile vén de estrear, tamén, no Festival Internacional de Teatro de Ourense, FITO, -organizado por Sarabela- a súa nova peza, Circo de pulgas. E as conexións volven. Con O rei morre, con Antes de la metralla ou con El cuello de la jirafa. O universo creativo de Ana Vallés, desde distintas perspectivas.

Xa colaboraras antes con outras compañías…

Si, pero esta é a primeira vez que traballo cunha compañía feita e pechada, cun grupo estable, e cun texto previo. Xa traballara con Teatro de la Abadía, pero escollera eu o elenco e non tiñamos un texto previo. Traballar con Sarabela foi un reto, si.

Na obra nótase a túa pegada e a de Ánxeles Cuña. Queda un pouco como entre as dúas.

Eu penso que atopamos a maneira de entendernos e que eles deron moito, que se meteron moito na miña maneira de traballar. A verdade é que eu estaba preocupada, temerosa ao principio, porque non era fácil: eles traballan sempre a partir dun texto, desde hai 30 anos.

E ti todo o contrario…

Si. Eu díxenlles, antes de nada, que non aprendesen o texto. A primeira semana traballamos os personaxes e o corpo. Non empezamos polo texto, quero dicir. Foi un traballo físico, visual, que despois foi levándonos ao texto. Eu quería que se metesen no meu xogo: improvisar, facer propostas, non cinguirse ao texto… Deixe a pel, pero foi moi gratificante. Foi un proceso moi rico, moi de descubrimento de atopar maneiras de entenderse, ata que eles xa sabían sen que eu lles dixese: maneiras de falar, de andar…

"Eu díxenlles, antes de nada, que non aprendesen o texto. A primeira semana traballamos os personaxes e o corpo"

A túa relación con Sarabela vén de hai tempo…

Si. Ánxeles Cuña chamárame cando foi directora do CDG, e ademais temos moita relación de ir ao FITO. Sarabela é un equipo de sacar o sombreiro, polo traballo que fan en Ourense… Somos moi próximos, tendo maneiras de entender o teatro moi diferentes. Chamáronme eles e, claro, sabían ben cal é a miña maneira de traballar. Non esperaban de min que dirixise un texto. Só con iso xa tiñamos moito traballo feito.

"Sarabela é un equipo de sacar o sombreiro"

Mantense un dobre xogo entre os ensaios/a representación. Os actores traballando e falando entre eles… Iso permite achegalo máis ao teu xeito de facer teatro: sen personaxes no sentido clásico…

Sobre iso, atopamos un pretexto moi bo no texto de Ionesco, porque ao principio xa se anuncia que o rei vai morrer. Ao actor que interpreta o rei xa lle di: vas morrer ao final da representación. Iso deume para formulalo como un grupo de actores ensaiando unha obra de teatro. E esa foi unha boa opción para poder ir entrando e saíndo. Mesmo, cando estabamos ensaiando no Auditorio, os técnicos non sabían se estabamos ensaiando ou actuando.

E iso dá lugar a bromas coma a da cuarta parede de Fernando…

Si, claro. Pon en evidencia todo o xogo escénico. Fina pregúntalle a Fernando por que tenta tocar a parede se non a hai, e el di que é que é a cuarta parede… Iso ten que ver ademais con a onde miramos, que é ao espectador: falámoslle directamente…

Fernando interpreta un rei que se resiste a marchar, malia estar a destrozar o país. Un tema sempre actual.

A obra trata da morte de todo poder, e do ocultamento, do aferramento do poder ao poder. Esa é a primeira lectura. Despois pode haber outras, como a relación de cada persoa coa súa propia morte. Porque rexeitamos a morte como se nunca nos fose pasar. Falamos da morte como se fose un accidente, o resultado dunha situación catastrófica, e non algo natural.

"Falamos da morte como se fose un accidente, o resultado dunha situación catastrófica, e non algo natural"

Fina Calleja interpreta un personaxe interesante. Está perto do rei e dille a verdade…

Non é só a que foi a muller do rei. Comparada coa muller nova, xa está de volta e media. Eu quería afirmala como muller, coma un personaxe vital, forte, non só coma un mal agoiro que anuncia a morte. Ela representa a reafirmación da vida.

A escenografía ten un toque teu tamén. E o atrezzo: hai perrucas…

Na escenografía tivemos a Coti Faro, que estudou na ESAD. Propuxémoslle facer o espazo e estamos moi contentos co resultado. O chan é precioso, e ademais dános un acotamento do espazo moi bonito -coma un dameiro- para que os actores poidan entrar e saír. Pelexamos, ademais, moito os efectos que ten, coma o vento…

Fonso Míguez tamén é unha novidade… Ten un diálogo con Fernando sobre a precariedade no teatro...

Fonso fai como de comodín. Cobre varios personaxes que non estaban cubertos na obra, o cal nos di tamén algo da precariedade. Mais iso xurdiu ao preparar a escena. O texto está improvisado por eles. Rindo un pouco da imaxe do artista como alguén que vive do conto.

Fernando ten un texto en alemán, ao Hitler. Nate ten partes en francés… O rexistro, en xeral, é a comicidade...

E o humor deles, que se mestura. Realmente, o espertar do rei foi, durante moito tempo, unha cerimonia. Tiña música e todo. Había todo un protocolo do espertar real. Nate é o personaxe que dá as acotacións que veñen no texto. Tantas, que Fernando dille que non insista tanto, que xa sabemos… A min resúltame moi graciosa esa tendencia a facer acotacións de todo o que ten que facer o actor. Aínda pasa hoxe, no teatro contemporáneo, e é como se se estivese a escribir teatro doutra época. Esa especie de necesidade de controlar todo: o que fai o espectador, o actor… E non é así. Danme ganas de dicir: deixádeme a min, non sentedes cátedra!

"A min resúltame moi graciosa esa tendencia a facer acotacións de todo o que ten que facer o actor"

Dicías antes que o texto pode ter varias lecturas.

Si, unha primeira lectura é a do rei que se resiste a morrer, un monarca absoluto, co seu discurso de “eu son o sol”. Pero para min tamén pode ser unha maneira de cuestionar a prepotencia do home branco occidental, que pensa que é o centro do universo. Sabemos que somos nós os que xiramos arredor do sol, pero aínda así… Vamos devorando todo: colonizamos todo o planeta, expoliámolo… e iso tamén é poder absoluto. As pegadas dos séculos de dominación e submisión seguen aí. Europa segue a vivir do seu pasado, das súas glorias pasadas: iso vese nos museos, por exemplo. É Europa a decadente, a que vive do seu pasado, a que se aferra ao poder.

"Para min tamén pode ser unha maneira de cuestionar a prepotencia do home branco occidental, que pensa que é o centro do universo"

O rei está un pouco caricaturizado, si.

É un pouco fantoche, un home que se presenta como o máis grande e acaba sendo o anano que se vai. Tamén é unha representación da figura masculina coma o polo dominante, que non é así porque é Fina quen lle di ao pan, pan, e ao viño, viño. Un rei ao que só lle queda morrer, que mira o corpo de Nate. A beleza fronte á decadencia. Eu pertenzo á cultura europea e tamén podo comprender a decadencia e mesmo a beleza que pode haber nela.

Sabela Gago ten un personaxe masculino…

Si, vai vestida de home. É o médico verdugo, pero tamén é unha das tres divas, noutro momento. Gustoume moito traballar con ela: a fisicidade que ten, a súa flexibilidade… Deume unha opción corporal moi interesante, como un corpo incerto, unha deconstrución da figura, como se se fose desfacer. Ademais encántalle bailar. Bailamos desde o primeiro día, e está moi ben atopar ese punto no que o corpo se pon en movemento, desfruta e quere máis movemento.

Hai unha evolución no personaxe de Fernando. Pasa por distintas fases, baile con cadeira incluído.

Iso está no texto de Ionesco. Chega un momento no que se converte un home. Xa non é un “ser superior”. O traballo que fixo Fernando foi moi duro: adelgazou 6 kilos. Eu non lle impuxen nada, fixemos traballo físico e el foise achegando ao resultado que pode verse. Todos traballaron moi duro e con moita xenerosidade.

Imaxes de 'O rei morre' Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.