Eroski Paraíso: a historia do país dende os 'cubalibres' de media tarde á peixaría do súper, agora no cinema

Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, nunha secuencia de 'Eroski Paraíso' © Chévere/Ollovivo

A xornalista Marta Veiga destacaba hai poucos días en Twitter unha feliz coincidencia na carteleira do Codex Cinema de Lugo, a afortunada aventura que reviviu os foran os multicines de máis éxito da cidade da Muralla nos últimos 90 e primeiros dous mil, coas súas oito salas a pleno rendemento. Nos Codex de Lugo, a salas moitas veces dadas por mortas, van cadrar dende este venres tres filmes galegos, de estrea e en galego, elementos dados por mortos, se cadra, tantas ou máis veces que as devanditas salas.

Tras reunir unhas 30.000 persoas nos teatros, 'Eroski Paraíso' chega este 13 de decembro ás salas de cinema coa dirección de Jorge Coira e Xesús Ron

Ás exitosas O que arde e Longa noite únese nesa e noutras carteleiras este venres Eroski Paraíso, o traballo que naceu como peza teatral de Chévere e que, tras reunir unhas 30.000 persoas nos teatros, tornou en película da man de Jorge Coira e Xesús Ron. Tras as primeiras proxeccións -algunhas concorridísimas, como a desenvolvida no Auditorio de Galicia dentro do festival Cineuropa-, chega este 13 de decembro ás salas, comezando por oito noutras tantas vilas e cidades e, en breves, noutras oito máis.

Álex grava a historia da nai e do pai, agora divorciados, pero acaba narrando a historia do país

Eroski Paraíso sitúanos na rodaxe dun documental, o que prepara Álex (Cris Iglesias), filla de emigrantes galegos que medrou entre as Canarias e Catalunya e que con 25 anos volve ao seu Muros natal para gravar unha peza sobre a desaparecida discoteca Paraíso, onde se coñeceron os seus pais e onde agora hai un hipermercado Eroski. Álex grava a historia da nai, Eva (Patricia de Lorenzo) e do pai, Toño (Miguel de Lira), que levan anos divorciados. Pero acaba narrando, en boa medida, a historia do país todo. Da memoria dos proxenitores e mesmo da memoria perdida do avó, doente de Alzhéimer, que presencia a rodaxe dende a súa ausencia.

Toño volve de Canarias cargado de agasallos, de retranca, de saudades e de historias regadas por aqueles cubalibres de media tarde nos que navegaba a rapazada toda da comarca, de Noia á vila Muros e de Louro ao Pindo. Quixo a casualidade que nunha desas tardes batese con Eva no Paraíso, e daquel encontro discotequeiro de finais dos 80 naceu Alejandra, Álex. 

Toño (Miguel de Lira), Álex (Cris Iglesias) e Eva (Patricia de Lorenzo), en Eroski Paraíso © Chévere/Ollovivo

Agora o Paraíso xa non existe pero Eva segue nel, cunha interpretación de Patricia de Lorenzo que axita tan forte a risa como o desacougo

Agora o Paraíso xa non existe pero Eva segue nel, traballando na peixaría do súper e restándolle importancia a uns avatares vitais que, do idioma aos sufrimentos, dos amores aos desarraigos, son pezas indispensables da historia de Galicia colocadas nunha interpretación de Patricia de Lorenzo que axita tan forte a risa como o desacougo. Como a película toda. Como, ao cabo, o país. Drama e comedia a proporcións equilibradas ou desequilibradas, segundo o momento.

A produción de Chévere e Ollovivo comeza o seu percorrido comercial por NUMAX (Santiago), Dúplex (Ferrol), Multicines Norte (Vigo), Códex (Lugo), Teatro Lauro Olmo (O Barco), Cines Viveiro (Viveiro) e Cines Seixo (Marín). En breve chegará tamén á Coruña, Caldas, Cee, A Rúa, As Pontes, Verín, Leiro, A Estrada ou Ribadeo

Localidades e salas que acollen as primeiras proxeccións de Eroski Paraíso © Chévere/Ollovivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.