Eroski Paraíso, do teatro ao cinema con Chévere e Jorge Coira

Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, en Eroski Paraíso © Chévere

Eroski Paraíso estreouse na primavera de 2016 e pouco despois xa tornou nunha das montaxes máis aclamadas de Chévere e tamén das máis queridas polo público. O espectáculo teatral achegábanos a Álex, unha moza estudante de cinema en Barcelona que apostaba por realizar a súa primeira película documental centrada na desaparecida sala de festas O'Paraíso, en Muros, onde se coñeceran os seus pais. Este diálogo xeracional entre discotecas e supermercados triunfou nos teatros e agora quere facelo tamén no cinema baixo a dirección de Jorge Coira.

Chévere e a produtora audiovisual OlloVivo teñen en marcha no auditorio Constante Liste da Ramallosa, en Teo, a gravación de Eroski Paraíso: o filme. A alianza entre as dúas produtoras converte a obra de teatro nunha película protagonizada por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias e Luís Martínez. Alén dos recursos de ambas compañías audiovisuais a rodaxe que encabeza Coira, "sen subvencións públicas", está apoiada por Vegalsa-Eroski, por Deleite e mais polo Concello de Teo, onde Chévere é compañía residente.

Jorge Coira dirixe a "nova lectura "cinematográfica" do espectáculo teatral, producida por Chévere e OlloVivo co apoio de Eroski e Deleite

Como na obra de teatro, no filme de Eroski Paraíso o público será convidado a explorar os límites entre ficción e documental, entre realidade e representación do real. No fondo atopará unha reflexión sobre as mudanzas da sociedade dende os anos 80 do século pasado ata a actualidade, mudanzas tan radicais como a experimentada pola vella discoteca de Muros, que agora é un supermercado.

A película non será unha mera filmación dunha obra de teatro. O traballo de Coira pretende "unha nova lectura do espectáculo teatral de Chévere mediante a tradución ao medio cinematográfico".

Chévere e OlloVivo dan así unha nova vida a unha obra que en dous anos xa foi vista por unhas 24.000 persoas máis de medio cento de vilas e cidades de todo o Estado. Entre outubro deste ano e xaneiro de 2019 volverá ser representada nunha xira de despedida que pasará por varias localidades galegas -A Coruña, Vigo, Pontevedra, Gondomar e Teo-, así como por varias comunidades autónomas e tamén por París. Despois deixará de representarse "para sempre". Pero quedará o recordo, o filme e tamén o texto da obra, publicado por Kalandraka dentro da colección Biblioteca de Teatro.

Un momento de 'Eroski Paraíso' © Matteo Bertolino - Chévere

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.