A Garda Civil investiga dúas persoas por delitos contra os traballadores e trata de seres humanos por facelos vivir en "condicións deplorables" na propia obra na que traballaban doce horas ao día
A Garda Civil de Vigo investiga por presuntos delitos contra os dereitos dos traballadores e trata de seres humanos a un home e unha muller que tiñan a catro migrantes sen papeis explotados na construción de apartamentos turísticos no Porriño. As vítimas vivían "en condicións deplorables" no propio baixo no que realizaban a obra na que traballaban doce horas ao día.
Segundo a Garda Civil, o 17 de novembro o seu posto do Porriño recibiu unha denuncia informando da presenza de varias persoas estranxeiras sen papeis traballando nun baixo na construción de vivendas turísticas. A investigación comprobou a presenza de catro varóns que residían en Madrid, onde foron captados para realizar a obra coa promesa de pagarlles 80 euros diarios.
"Levaban sufrindo esta situación desde o mes de agosto e sen cobrar diñeiro algún, motivo polo cal estiveron sen comer ata cinco días", di a Garda Civil
Cando chegan a destino foron levados ata a obra "instándoos a vivir no lugar, sen ningún tipo de condicións hixiénicas, sen cuarto de baño e tendo unha simple billa con auga, un colchón e dous sofás". Alí tiñan que "reformar dito baixo para a construción de apartamentos turísticos, comezando a xornada laboral ás 8 horas e finalizando ás 21 horas, con soamente unha hora de descanso para comer".
A Garda Civil sinala que as catro vítimas "levaban sufrindo esta situación desde o mes de agosto e sen cobrar diñeiro algún, motivo polo cal estiveron sen comer ata cinco días". Ademais de iniciar a investigación penal, os axentes puxeron estes feitos en coñecemento da delegación provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra.