Sen papeis e nun hotel ilegal: desvelada unha trama que explotaba 82 inmigrantes en Begonte

Operación da Garda Civil nunha explotación agrícola en Begonte © Garda Civil

A Garda Civil investiga tres persoas por un delito contra os dereitos dos traballadores

Máis de 80 persoas inmigrantes, de orixe africana e procedentes de Granada, traballando en situación irregular, sen permiso de residencia nin de traballo, nunha explotación agrícola de Begonte e aloxándose nun antigo hotel sen licenza de hostalería. Esa é a situación que vén de desvelar a Garda Civil, que investiga tres persoas por un delito contra os dereitos dos traballadores.

En colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) de Lugo, a policía xudicial da Comandancia da Coruña da Garda Civil investiga estas tres persoas logo dunha inspección realizada nesta explotación de Begonte onde localizaron 82 persoas inmigrantes en situación irregular. 

Imaxes da operación contra a explotación de persoas migrantes en Begonte, fornecidas pola Garda Civil

Segundo explica a Garda Civil. a operación comezou logo de coñecer, a través da alerta dunha residente no inmoble, a presenza de arredor dun cento de persoas de orixe africana que estaban aloxadas nun antigo establecemento hostaleiro de Ordes que carecía de licenza. No aviso aclarábase que os homes atopábanse "desorientadas e sen saber a onde dirixirse", segundo explican as forzas de seguridade. 

As 82 persoas inmigrantes chegaran desde Granada, contratados de xeito irregular por unha empresa de traballo temporal

Foi daquela cando a Garda Civil de Ordes e membros da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Coruña (UOPJ) se desprazaron ao lugar para identificar un cento de persoas en situación irregular e recompilar a través deles información, en colaboración cos servizos sociais, que lograron recolocalas noutros aloxamentos. A investigación e as pescudas sobre a situación descuberta revelou que os inmigrantes viaxaran desde Granada coa promesa de traballar nunha explotación agrícola na provincia de Lugo. 

Chegados a Galicia, as persoas inmigrantes eran distribuídos en inmobles de diferentes localidades, onde debían pagar un importe diario por aloxamento, ademais de abonar o custo do transporte diario ata a leira. Foi daquela cando un operativo conxunto da ITSS de Lugo, a UOPJ da Coruña e efectivos da Garda Civil de Lugo atopou 92 traballadores nun predio de grande extensión. Entre eles, 82 cidadáns estranxeiros en situación irregular, sen permiso de residencia nin de traballo. 

Operación da Garda Civil nunha explotación agrícola en Begonte © Garda Civil

A investigación logrou identificar unha trama empresarial que facilitaba a contratación irregular dos xornaleiros. As compañías responsables da explotación subcontrataban a través dunha empresa de traballo temporal con enderezo en Sevilla. A compañía daba de alta ficticia a un número reducido de traballadores en situación regular, mentres empregaba sen contrato o resto do persoal eventual. A Garda Civil non facilitou o nome das firmas implicadas na trama, que Praza.gal non puido confirmar ata o momento alén de constatar que a única explotación agraria desta dimensión no lugar é a situada en Pacios, dedicada aos arandos e cuxa xestión, como informou El Progreso o pasado novembro -uns tres meses despois da operación policial-, pasou a mans da compañía Berries Passion. 

A operación rematou coa investigación de tres persoas responsables de varias empresas implicadas nestes feitos, que foron postas a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilalba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.