O pasado mes de xuño un traballador inmigrante, que semanas antes chegara a Santiago de Compostela dende o Levante español, apareceu atado a unha árbore na zona de Tordoia despois de ter recibido unha malleira. O home conseguiu liberarse e mandarlle unha mensaxe a través do teléfono móbil a un amigo, que avisou ao 112 e á Garda Civil. A denuncia fixo que se coñecese a situación de explotación laboral que estaban a sufrir un grupo de traballadores inmigrantes a cargo dun empresario agrícola de Santa Comba, investigado no marco da coñecida como Operación Carcelero.
O pasado mes de xuño a denuncia dun traballador inmigrante permitiu coñecer a explotación laboral que varias persoas sufrían a cargo dun empresario agrícola de Santa Comba
Este mércores tivo lugar unha concentración fronte aos Xulgados de Ordes (lugar no que os tres investigados na Operación prestarán declaración por actos de trata de seres humanos), apoiada pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, plataforma que agrupa a ducias de entidades políticas, sindicais e sociais, entre elas o Foro Galego de Inmigración e a CUT, que representa ás vítimas da explotación laboral. No proceso declararon algúns dos traballadores, homes e mulleres procedentes de Brasil, Venezuela, O Salvador ou Marrocos.
O empresario está acusado de manter traballando a varias persoas en situación irregular, sen contratar, abonar ningún salario e pedindo pagamentos por aloxamentos "dos que finalmente eran expulsadas ou directamente non existían"
O empresario está acusado de manter traballando a varias persoas en situación irregular, sen contratar, abonar ningún salario e pedindo pagamentos por aloxamentos "dos que finalmente eran expulsadas ou directamente non existían", sinala Rederefuxiadas, que cualifica de "escravitude" a situación que vivían estes traballadores e traballadoras. O obxecto do contrato eran traballos agrícolas, e as persoas prestaron servizo pechadas en naves e fincas, con prohibición de comunicarse e obrigadas a agocharse das autoridades (Garda Civil e Inspección de Traballo), coa expresa prohibición de contarlle a ninguén a súa situación.
"Na actualidade as vítimas atópanse sen protección xudicial e sen as autorizacións de residencia temporais que corresponden neste tipo de casos", critica Rederefuxiadas
A representación legal dos traballadores e traballadoras explica que o empresario lles cobrou sumas entre os 420 e os 1500 euros por regularizar a súa situación, e mais por autorizacións de traballo e residencia que nunca foron tramitadas. Sinala, ademais, que o home se encargaba persoalmente da captación, traslado e aloxamento desta man de obra gratuíta.
O traballador que denunciou a situación tomara fotografías dos sucesivos pagamentos que fora obrigado a realizar. Porén, no momento en que ademais estaba a fotografar as instalacións nas que traballaba (unha nave en Anxeriz, Tordoia) foi descuberto. Recibiu unha malleira, foi ameazado cunha pistola e atáronlle as man, deixándoo finalmente abandonado no medio do monte.
Rederefuxiadas alerta da "desprotección" que segue a sufrir o traballador que denunciou a situación e o resto dos traballadores explotados: "o empresario ingresou en prisión provisoria pero inexplicablemente foi liberado sen oposición vinte días despois, na actualidade as vítimas atópanse sen protección xudicial e sen as autorizacións de residencia temporais que corresponden neste tipo de casos", sinala.
Rederefuxiadas pide que a Xunta tome medidas de control nas explotacións gandeiras e agrícolas "para que isto non volva suceder"
A entidade critica que a Garda Civil "pese a tramitalo coma un caso de trata, non tramitou os mecanismos de protección e autorizacións temporais para as vítimas que normalmente se aplican" e que a Subdelegación do Goberno "tampouco realizou a xestións necesarias e obrigatorias por Lei para outorgarlles a protección". "A Fiscalía ten competencias para a protección pero, por motivos descoñecidos, non acudiu ás declaracións das vítimas no Xulgado e tampouco lles ofreceu a oferta de protección por colaboración coa xustiza, algo habitual nestes casos", engade. A entidade tamén solicita que se tomen medidas de control por parte da Xunta de Galicia nas explotacións gandeiras e agrícolas "para que isto non volva suceder".