"É un traballo marxinal, un traballo illado, un traballo precario, un traballo sen recoñecemento social, ignorado pola maior parte da sociedade", destaca Elisabeth Matute, líder en Vigo do sindicato de traballadoras do fogar e coidados, con máis de 400 afiliadas na cidade
É unha imaxe moi habitual en calquera cidade, vila ou aldea galega: unha persoa maior acompañada dunha muller nova case moitas veces procedente do estranxeiro, case sempre latinoamericana. Milleiros de mulleres chegadas de Colombia, Venezuela, Perú ou Brasil son as encargadas de coidar as persoas dependentes, unhas horas ou a tempo completo, ou de realizar as tarefas do fogar en moitísimas vivendas. De soster, en definitiva, o día a día dun gran número de familias malia contar haibitualmente con condicións laborais e económicas moi precarias.
Estas mulleres levan a cabo o seu traballo en contextos difíciles: moitas chegan soas ao país, non teñen relacións sociais, atopan grandes dificultades para alugar un piso ou simplemente unha habitación nunha vivenda para compartir.
Ademais, o traballo de fogar e coidados que levan a cabo estas mulleres é moitas veces invisible. Non se fala del, os seus dereitos non son recoñecidos e mesmo cando van sendo recoñecidos, as normativas non son aplicadas. Sobre todo cando estas mulleres non teñen regularizada a súa situación no país. En ocasións esta invisibilización é máis que unha metáfora: milleiros de internas realizan o seu traballo a tempo completo nunha vivenda, da que só saen unhas poucas horas á semana.
A pesar de que nos últimos anos varios decretos veñen consolidando os dereitos laborais para este colectivo, a aplicación da legalidade non sempre é sinxela: "nós non temos unha patronal coa que negociar e á que facer reclamacións, senón que son empregos domésticos, individuais"
No ano 2020 naceu o Sindicato de traballadoras do fogar e os coidados (Sintrahocu). Fíxoo de forma autoorganizada, impulsado polas propias traballadoras migrantes co obxectivo de dignificar as súas condicións laborais, nun sector que nese momento se calculaba que ocupaba a máis de 600.000 mulleres en todo o Estado. En 2021 un grupo de traballadoras de Vigo comezou a formar a agrupación local do sindicato na cidade olívica, que está a experimentar un rápido crecemento nos últimos meses e que xa reúne a máis de 400 afiliadas, a maioría procedentes do estranxeiro. Teñen xa solicitudes para crear agrupacións semellantes na Coruña e Santiago.
"É un traballo marxinal, un traballo illado, un traballo precario, un traballo sen recoñecemento social, ignorado pola maior parte da sociedade", destaca Elisabeth Matute, líder de Sintrahocu en Vigo, que explica que ademais das actividades que habituais realizaría outro tipo de sindicato (asesorar legalmente as afiliadas, facer cumprir a lexislación laboral que lles afecta...), deben comezar por conseguir que as traballadoras e, sobre todo, as persoas que as empregan, sexan conscientes dos seus dereitos.
"Necesitamos que os empregadores entendan que este é un traballo coma calquera outro, que as traballadoras deben cobrar o que é legal e que deben ter os dereitos que lles corresponden: que teñen dereito a enfermar e coller unha baixa, a días libres e días de vacacións..."
O real decreto aprobado hai dous anos, que lles abriu a porta a comezar a cobrar o paro ou a impedir o seu despedimento sen causa, foi completado este outono por un novo decreto (RD 893/2024) que ampliou os seus dereitos e que, incluíu, por exemplo recoñecementos médicos periódicos gratuítos ou o dereito á formación durante a xornada laboral.
Porén, estamos ante un sector que a aplicación destes dereitos é moitas veces difícil. "Nós non temos unha patronal, non temos un gremio forte co que negociar e ao que facer reclamacións, senón que son empregos domésticos, individuais", explica Elisabeth Matute, que alerta contra esta soidade que sofren as empregadas, que se atopan en situacións vulnerables, "pois a maioría son estranxeiras e unha parte moi importante non teñen regularizada a súa situación".
Os salarios son moi baixos e os horarios, interminables. "As internas están 24 horas, pero non se lles recoñecen máis que 40 horas de traballo á semana, aínda que moitas só teñen libre entre o sábado pola mañá e o domingo pola noite", explica
"Necesitamos que os empregadores entendan que este é un traballo coma calquera outro, que as traballadoras deben cobrar o que é legal e que deben ter os dereitos que lles corresponden: que teñen dereito a enfermar e coller unha baixa, a días libres e días de vacacións...", di Matute. "Os empregadores non son propietarios das empregadas domésticas. Moita xente se cre por riba das normas, outros simplemente non coñecen a legalidade, porque ata agora houbo pouca información para os empregadores", engade.
Os salarios son moi baixos e os horarios, interminables. "As internas están 24 horas, pero non se lles recoñecen máis que 40 horas de traballo á semana, aínda que moitas só teñen libre entre o sábado pola mañá e o domingo pola noite", explica a representante de Sintrahocu Vigo. "Cando dicimos que unha traballadora está ben pagada é porque recibe o salario mínimo por esas horas, aínda que traballe moito máis", sinala.
A situación é peor para as mulleres que non teñen regularizada a súa situación administrativa en España, alerta Matute. "Se non teñen papeis a maioría pensa que o salario e os dereitos son 'ao gusto do consumidor'. Páganlles o que lles parece", di
A situación é moito peor para as mulleres que non teñen regularizada a súa situación administrativa en España, as sen papeis, alerta Elisabeth Matute. "Se non teñen papeis a maioría pensa que o salario e os dereitos son 'ao gusto do consumidor'. Páganlles o que lles parece. Coñezo unha que está cobrando 500 euros por traballar todos os días de 8 da tarde a 8 da mañá", di Matute que a pesar de todo é optimista: "estamos contentas de que por fin se estea falando do traballo doméstico, ata hai 3 anos non se falaba practicamente do tema. Vanse conseguindo cousas".
Apoio emocional
Sintrahocu é algo máis que un sindicato. "Unha parte importante da nosa actividade vai dedicada a facer un traballo de coidado emocional das nosas compañeiras. Un dos nosos retos é que elas teñan o recoñecemento necesario polo seu labor e que elas tamén se sintan traballadoras de pleno dereito, como calquera outra", explica Matute.
O traballo no fogar e de coidados é duro fisicamente. "Na súa saúde soportan moitas cousas que non deberían. Van traballar enfermas ou lesionadas, teñen que cargar moito peso, levantando por si soas a persoas máis pesadas que elas. Por medo a non perder o traballo, moitas calan moitas cousas e non denuncian", explica Matute.
Sintrahocu é algo máis que un sindicato. "Unha parte importante da nosa actividade vai dedicada a facer un traballo de coidado emocional das nosas compañeiras", explica
Pero sobre todo é duro emocionalmente. Por iso dende o sindicato poñen o foco na saúde mental das súas afiliadas. "Moitas están coidando de persoas maiores en aldeas lonxe das ciddas, case sen días libres (un día cada dúas semanas), sen contacto social con ninguén. É fácil que se lles vaia a cabeza, que estean deprimidas ou tristes. Por iso para nós é tan importante coidar as nosas compañeiras. Necesitan ter xente coa que falar, xente que as escoite, alimentar as súas vidas con outras vivencias e non vivir nunha especie de escravitude", di. "Estas mulleres van ás aldeas, onde ninguén quere ir traballar. Os velliños están recontentos de ter unha persoas coa que falar. Pero para moitas resulta un traballo moi duro, por iso hai que apoiar estas mulleres", destaca.
No sindicato, queremos ser "un alivio e unha esperanza para as mulleres que traballan no servizo doméstico, queremos que se sintan acompañadas, que saiban que non están soas", explica a representante de Sintrahocu Vigo. "Hai moitísimas mulleres que están traballando neste sector aínda que teñen unha moi boa formación noutras profesións: hai enxeñeiras, mestras, enfermeiras...", di. "Queremos que a súa saúde mental non se deteriore, quedemos axudalas nos distintos procesos, queremos axudalas a formarse neste novo lugar onde viñeron vivir", engade.
"Moitas están coidando de persoas maiores en aldeas lonxe das ciddas, case sen días libres (un día cada dúas semanas), sen contacto social con ninguén. É fácil que se lles vaia a cabeza, que estean deprimidas ou tristes. Por iso para nós é tan importante coidar as nosas compañeiras."
Un contexto de obstáculos no día a día: o empadroamento, atopar unha vivenda...
Elisabeth Matute relata a sucesión de atrancos que estas mulleres atopan no día a día, sobre todo as que acaban de chegar a España. "As mulleres sen papeis sofren todo tipo de abusos e non queren denunciar por medo, porque necesitan enviar diñeiro ás súas familias no seu país", alerta.
Un dos principais problemas é atopar un lugar no que vivir. É sabido que o acceso a unha vivenda de alugueiro é cada vez máis difícil en Galicia; aos prezos elevadísimos que sofre calquera persoa engádense as dificultades que teñen que afrontar as persoas chegadas dende outro país, que mesmo tendo os cartos para pagar, non atopan quen lles alugue un inmoble.
"Hai moitos que directamente din: se es estranxeira, non te alugo", denuncia Matute, que engade que "hai familias que mesmo para que lles aluguen unha habitación nun piso compartido teñen que presentar un montón de documentación, practicamente ata os antecedentes penais dos seus avós", bromea, entre críticas ao "clasismo" e á xenofobia que demostran moitos propietarios. "O problema do alugueiro afecta a todos, pero moito máis se es estranxeira", conclúe.
Un dos principais problemas é atopar un lugar no que vivir, e sen unha vivenda faise moito máis difícil conseguir o empadroamento. "Hai moitos que directamente din: se es estranxeira, non te alugo", denuncia
Sen unha vivenda faise moito máis difícil conseguir o empadroamento, imprescindible "para poder ter acceso á seguridade social, á tarxeta sanitaria ou ao inicio do periodo de arraigo de tres anos", di Elisabeth Mature que denuncia que "moitas teñen que pagar para conseguir os papeis necesarios para o seu empadroamento no Concello". "O primeiro que necesitamos é apoio para axudar a estas mulleres a solucionar as súas condicións de vida, sobre todo no momento da chegada", remata.
O traballo diario de Sintrahocu: un espazo de apoio
Por estes motivos, o traballo de Sintrahocu moitas veces é o dun espazo de apoio, un lugar no que non sentirse soa, unha persoa á que mirar aos ollos ou da que recibir un abrazo. Son moitas as actividades que realiza o sindicato en Vigo, sempre co apoio doutras entidades e espazos (como Amorada, Faladoiros Vigo ou Intermon Oxfam).
Teñen cursos de cociña galega (“con orgullo moitas nos fan saber que as felicitaron polo que prepararon nos fogares, onde poñen en práctica o aprendido”, destacan); tamén sesións de "compartir saberes", nas que unhas a outras se ensinan cousas para facer máis doado ou seu día a día no traballo, poñendo os seus coñecementos ao servizo das demais; organizan proxeccións, por exemplo da serie Lucrecia: un crimen de odio, sobre o asasinato de Lucrecia Pérez en 1992 en Madrid; e tamén ofrecen cursos e clases para que as afiliadas coñezan os seus dereitos e aprendan a realizar os trámites que necesitan como traballadoras estranxeiras.
Son moitas as actividades do sindicato en Vigo: cursos de cociña galega, sesións de "compartir saberes", proxeccións e un curso de galego proposto polas afiliadas, que querían comunicarse mellor coas persoas que coidan, que en moitos casos só falan galego
Unha das súas últimas iniciativas, que está a ser todo un éxito, é a organización de cursos de galego, unha proposta que naceu das propias afiliadas, que querían comunicarse mellor coas persoas que coidan, que en moitos casos só falan en galego. Elisabeth Matute destaca que "cando a xente maior sente que polo menos a entendes, que fas un esforzo, gañas moito en cercanía con elas". Conta, ademais, que “outras compañeiras, que coidan persoas con Alzheimer, querían cantarlles cancións en galego, porque pensaban que iso lles podería gustar e alegralas”.
Dende o sindicato destacan o "orgullo" por ver "o interese das afiliadas que asisten ao curso de galego" e salientan "a importancia de adaptarnos, integrarnos na súa cultura, dende a lingua, co convencemento de que seguimos avanzando na nosa integración en Galicia".