As traballadoras do fogar cobrarán o paro e non serán despedidas sen causa: a fin dunha "inxustiza histórica"

Empregada do fogar traballando nunha vivenda CC-BY-NC-SA Polina Tankilevitch

"Hai tempo, cando eu empecei a traballar nas casas, non había ninguén que tivese contrato; era todo en negro e o raro era atopar alguén que estivese dada de alta". Fina é unha das tantas empregadas do fogar á que o decreto aprobado este martes polo Consello de Ministros chega tarde. Moi tarde. "Desde hai uns anos, si que cada vez hai máis mulleres contratadas, pero sen paro... E moitas outras que seguen sen amparo legal ningún", explica esta muller que pertenceu ata hai pouco a un colectivo "discriminado" que a nova normativa permitirá gozar de dereitos básicos dos que ata agora carecían. 

Coa aprobación do novo decreto no Consello de Ministros, as traballadoras do fogar terán agora dereito a paro e máis protección fronte ao despedimento, acabando xa cunha situación que as mantiña "excluídas da protección social" e "dun compendio de dereitos" dos que gozan os traballadores ordinarios. Así o destacou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que celebrou a que considera a iniciativa "máis importante" posta en marcha polo seu departamento. 

"As grandes esquecidas", reiterou Díaz ao falar dun colectivo que no 95% son mulleres, "as traballadoras máis vulnerables" e que, lamentou a ministra, tiveron que "agardar ata o primeiro terzo do século XX para conquistar os seus dereitos en sentido pleno"

Traballadora do fogar limpando unha cociña CC-BY-NC-SA Liliana Drew

En Galicia hai 24.000 empregadas do fogar dadas de alta na Seguridade Social, que xa poderán cobrar o paro e non serán despedidas sen causa

Supón unha mudanza radical para estas empregadas do fogar, 24.200 en Galicia -dadas de alta na Seguridade Social, ás que hai que engadir as que traballan sen contrato e que poden elevar a cifra ata as 40.000- e unhas 376.000 no conxunto de España. Un colectivo "feminizado e altamente envellecido", lembrou Díaz, onde máis dun terzo supera os 55 anos e só 17.000 baixan de 30. Máis da metade traballando "a tempo parcial e de maneira precaria", sendo o 44% delas estranxeiras. 

En Galicia, onde o 98% das empregadas do fogar son mulleres, arredor do 20% supera os 60 anos e menos de 700 traballadoras do total de máis de 24.000 baixan dos 30 anos. Ata o 75% dos contratos asinados son parciais.

A partir de agora, non só accederán á prestación por desemprego, senón a "todas as prestacións asistenciais dispoñibles no ordenamento xurídico laboral", accedendo, por exemplo, á cobertura do Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) en caso de insolvencia. Un dereito, o de cobrar o paro, que o Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) recoñeceu nunha sentenza deste mesmo ano logo de que unha traballadora galega o reclamase a finais de 2019 e tras aclarar que o que acontecía en España supoñía unha discriminación por razón de sexo.

Ata 2012, nin tan sequera era obrigado que fosen dadas de alta na Seguridade Social; a día de hoxe, aínda non tiñan dereito a paro

Ata 2012, nin tan sequera era obrigado en España que as traballadoras domésticas estivesen dadas de alta na Seguridade Social se non superaban un número de horas, algo que mudou cunha reforma de 2011 que mellorou a situación pero non impediu que milleiros de empregadas se mantivesen fóra do mercado legal de traballo. Pero aquel decreto mantiña a imposibilidade de cobrar subsidio por desemprego e o contrato verbal, ademais de introducir o dereito ao desistimento unilateral sen xustificación ningunha. En resumo: permitía extinguir un contrato sen alegar causas xustificadas e cunha indemnización mínima

Unha discriminación flagrante que, lembra Yolanda Díaz, foi imposta "por vontade do lexislador" en España e que só existía "neste tipo de relación laboral". Para botar unha traballadora do fogar abondaba con avisala con vinte días de antelación -ou sete se levaba menos dun ano traballando- e pagarlle unha indemnización equivalente a doce días por ano traballado cun límite de seis mensualidades. Agora rexerase polas mesmas condicións que o resto: 20 días e un límite de 12 meses se o despido é obxectivo ou 33 e un máximo de 24 se é improcedente. 

Yolanda Díaz, ministra de Traballo, explica o novo decreto © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

Ademais, no decreto incorpóranse outros dereitos como o de información ou de formalidade de contratos por escrito e medidas para atender a formación. Tamén inclúe unha disposición adicional para desenvolver o estudo de enfermidades profesionais, que terá "nesgo de xénero para este colectivo".  

Segundo explicou Yolanda Díaz, a nova lexislación tamén atende á cobertura da vulnerabilidade das familias que poden precisar dos servizos destas traballadoras. Así, incluirá unha nova bonificación económica -de ata o 80% nas achegas empresarias á cotización por desemprego- que permitirá aos fogares poder contratar as empregadas e que se formalizará nun prazo de seis meses. 

Díaz cualifica a nova norma de "feminista, transversal e inclusiva": "Se hai un traballo que importa é o dos coidados e a limpeza"

A ministra e vicepresidenta do Goberno cualificou a norma de "feminista, transversal e inclusiva" e cre que permite "ter un país mellor". Segundo ela, que a inmensa maioría destas traballadoras fose muller "explica en parte o que lle pasou a este colectivo".

"É unha norma social por excelencia", advertiu Díaz, que lembrou que restitúe dereitos e responde á "condena de España por parte dos tribunais europeos por vulnerar dereitos fundamentais das mulleres". E lembrou, ademais, que se corrixe unha discriminación que tiña un poso "máis profundo" porque o lexislador certificara ata hoxe "unha desvaloración do traballo que realizan estas mulleres que o que facía era perpetuar roles". 

"Vímolo en pandemia e vémolo nas nosas vidas: se hai un traballo que importa é o dos coidados e a limpeza", dixo. "Corriximos unha inxustiza histórica", rematou Teresa Ribera, vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.