Quen che “axuda na casa”?

Hai unhas semanas compartín no meu muro do facebook un artigo de Beatriz Gimeno publicado en www.pikaramagazine.com titulado ¿Es compatible ser feminista y tener empleada doméstica? cuxo resumo inicial dicía “Beatriz Gimeno considera prioritario debatir sobre cómo intervienen las lógicas patriarcales y capitalistas en la contratación de las limpiadoras. ¿A quién libera y a quién precariza? ¿Es posible revalorizar este trabajo y desligarlo del género?”. Pareceume moi interesante porque analizaba de forma rigorosa e sistemática algunhas cuestións relacionadas coa decisión de ter unha persoa “axudando na casa” que se me pasaron pola cabeza ao longo da miña vida, máis como intuicións que como pensamentos elaborados. Ademais poñía enriba da mesa moitas reflexións, desde diferentes perspectivas, sen pechar o debate, ao contrario, explicitando a necesidade de darlle aínda moitas voltas a este tema. Como imaxinara, en pouco tempo apareceron unha boa cantidade de comentarios e bastante discusión. Atopeinos todos eles moi interesantes e, sobre todo, agradecín que se valorase positivamente que o asunto daba moito que falar.

Analizaba de forma rigorosa e sistemática algunhas cuestións relacionadas coa decisión de ter unha persoa “axudando na casa” que se me pasaron pola cabeza ao longo da miña vida

Un dos argumentos máis repetidos era a necesidade de respectar o traballo doméstico remunerado e que as traballadoras gozasen de condicións laborais dignas, con salarios xustos e afiliación á Seguridade Social. Insistíase en equiparar o traballo doméstico remunerado a calquera outra profesión, en dereitos e consideración social. Como non estar de acordo? Eu, por suposto, estou totalmente de acordo. Porén, a realidade é ben diferente, está moi lonxe destes desexos. Nin a lei do 85 nin o decreto-lei de 2012 equiparan, nin de lonxe, as condicións laborais das traballadoras domésticas co resto das traballadoras garantindo así que a nosa sociedade siga contando con servizos de coidado a baixo custe. Nin lexislativamente nin socialmente se recoñece este traballo, ao fin e ao cabo por que recoñecer e dignificar o traballo doméstico remunerado cando non recoñecemos nin valoramos o non remunerado? Este é un traballo que as mulleres fixeron sempre (e fan) de balde. Nunca custou cartos, ao contrario, aforrounos, non hai máis que ver as contas satélite. Non é un traballo como outro calquera, intúo que se realmente fose un traballo “como outro calquera” habería homes incorporándose a el pero o certo é que non. É máis, tampouco se incorporan ao da súa propia casa cando están no desemprego, mesmo cando a súa parella si traballa.

Non é un traballo como outro calquera, intúo que se realmente fose un traballo “como outro calquera” habería homes incorporándose a el pero o certo é que non

Xa só falando das condicións laborais do servizo doméstico habería moito que dicir pero recoñezo que a parte do debate que máis me interesa é menos material, é a parte simbólica. Asumamos que acadamos condicións laborais dignas e iguais, e, deixando esa cuestión atrás, nos preguntamos por que e para que se contrata unha persoa. Haberá moitos motivos e non pretendo responder enumerando casuísticas nin meterme en cuestións de clase porque atopo un denominador común en todas as clases sociais, como sempre que falamos das desigualdades de xénero, que é do que levamos falando desde o principio do artigo, así que só me quero centrar nesa variábel: o traballo doméstico realízano as mulleres maioritariamente. Xa que logo o servizo doméstico permítelles ás mulleres dedicar ese tempo a outras cousas pero, sobre todo, permítelles aos homes manterse alleos, á marxe. É unha tolemia pensar que un reparto diferente das responsabilidades dunha casa entre as persoas que nela conviven, unha organización dos tempos que teña en conta o traballo retribuído e o non retribuído, facilitaría moito as cousas? Eu creo que non.

O traballo doméstico realízano as mulleres maioritariamente. Xa que logo o servizo doméstico permítelles ás mulleres dedicar ese tempo a outras cousas pero, sobre todo, permítelles aos homes manterse alleos, á marxe

Máis que comparar o servizo doméstico con calquera outra profesión, paréceme máis interesante comparalo coas tarefas asumidas polas mulleres con repercusións nas nosas condicións laborais como, por exemplo, a crianza dos fillos e fillas e o coidado das persoas dependentes (que podemos incluír ou non nas tarefas que desenvolve o servizo doméstico). Mentres a repercusión dos traballos de coidado na vida laboral de homes e mulleres sexa tan diferente a discriminación laboral manterase. O coidado sempre é un problema para as mulleres porque para os homes non o é, seguen a esquivar a responsabilidade. Co traballo doméstico pasa o mesmo, seguimos a buscar recursos para solucionar as dificultades das mulleres sen que lles afecte aos homes, a conciliación é cousa nosa, para criar, para coidar, para limpar... Iso mantén a orde simbólica exactamente igual, o reparto non muda. Por iso é tan doado retroceder, que os dereitos que pensábamos conquistados pasen a ser un luxo que xa non nos podemos permitir, un espellismo que desaparece levándonos da glamourosa portada do Vogue ao austero uniforme da sección feminina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.