As traballadoras de axuda no fogar pelexan ante Xunta e concellos pola suba salarial do 6,5% que esixe o seu convenio

Concentración de traballadoras de axuda no fogar ante a delegación da Xunta en Lugo © CIG

As traballadoras do SAF teñen dereito a unha actualización dos seus salarios en base ao incremento anual do IPC, segundo indica o seu convenio colectivo sectorial e a numerosas sentenzas xudiciais. Isto debería significar un aumento do 6,5% este ano

O sector dos coidados a persoas maiores e dependentes, realizado polas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), é un dos máis precarizados, con duras condicións laborais e salarios reducidos. Ademais, trátase dun ámbito sometido a privatizacións e externalizacións que nos últimos anos levaron a unha degradación das condicións para o persoal e, en consecuencia, da atención que reciben os e as usuarias. En Galicia ao redor de oito mil persoas -o 95% mulleres- traballan nos servizos de axuda en domicilio.

As traballadoras do SAF teñen dereito a unha actualización dos seus salarios en base ao incremento anual do IPC, segundo indica o seu convenio colectivo sectorial e a numerosas sentenzas xudiciais. No actual contexto de aumento histórico dos prezos, isto debería significar un aumento salarial do 6,5% este ano, acorde coa suba do IPC no 2021. Porén, son moitas as empresas que non están a aplicar esta actualización salarial e, igualmente, son moitos os concellos e administracións que non llo están a esixir a estas compañías, que xestionan un servizo público externalizado.

CC.OO e UGT anunciaron este xoves o inicio dun calendario de mobilizacións no sector da axuda no fogar que incluirá unha folga e unha manifestación á que están chamadas as case dez mil traballadoras e traballadores empregados nesta actividade en Galicia.

Unha muller en situación de dependencia © CIG

Son moitas as empresas que non están a aplicar esta actualización salarial e, igualmente, son moitos os concellos e administracións que non llo están a esixir a estas compañías, que xestionan un servizo público externalizado

Estas resistencias a mellorar as condicións laborais do persoal do SAF en base á legalidade levaron nos últimos meses a un incremento das protestas de sindicatos e traballadoras. Tamén de entidades coma a Marcha Mundial das Mulleres, que a pasada semana, coincidindo cunha concentración ante o Concello de Teo polo cumprimento do convenio, animou á veciñanza a sumarse ás reivindicacións deste colectivo. "Débese prestar o servizo en condicións de traballo dignas como corresponde cunha actividade esencial da que depende o benestar das persoas maiores e dependentes en situación de vulnerabilidade", reclama a Marcha, que demanda a actualización salarial do 6,5%.

Ademais, a entidade feminista insta á Xunta a dotar cun incremento económico estes servizos "para que reverta en melloras para as familias e para as condicións laborais das traballadoras". Advirte tamén de que os concellos "teñen a obriga de supervisaren as empresas concesionarias e de garantiren os dereitos laborais, en cuestións relativas á xornada, descansos e pagamento por quilometraxe, pois o traballo realízase en domicilios particulares aos que as empregadas se desprazan nos seus propios vehículos".

Os sindicatos levan anos poñendo estas demandas enriba da mesa e moi especialmente este ano, dada a gran diferenza existente entre o incremento salarial ofrecido por moitas empresas e o fixado polo convenio. O pasado mes de abril a CIG iniciou unha campaña de protestas para reclamar condicións dignas para o persoal de Axuda no Fogar.

O pasado mes de abril a CIG iniciou unha campaña de protestas para reclamar condicións dignas para o persoal de Axuda no Fogar

O sindicato anunciou igualmente que non continuaría a participar na negociación do novo convenio colectivo do sector mentres non se actualizasen os soldos co incremento do 6,5% do IPC de 2021 en todos os conceptos económicos do actual convenio. Neste momento está aínda a negociarse un novo convenio colectivo sectorial que leva 12 anos sen ser actualizado, pero os sindicatos denuncian que a resistencia da patronal a actualizar os salarios está a bloquear un posible acordo. Adolfo Naya, secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, denuncia que nestes anos as patronais nunca puxeron en cuestión a suba salarial referenciada no IPC recollida no convenio "porque era cativa, pero agora que toca subir un 6,5% néganse a pagalo".

Ademais da mellora salarial, a CIG demanda tamén a redución da xornada semanal, que se compute como tempo efectivo de traballo desde que se sae até que se regresa ao propio domicilio, descanso mínimo semanal de 48 horas sen interrupción, que se aumente o prezo do quilometraxe e a cobertura das baixas ao 100% para todos os casos.

Concentración de traballadoras de axuda no fogar © CIG

Está a negociarse un novo convenio colectivo sectorial que leva 12 anos sen ser actualizado, pero os sindicatos denuncian que a patronal está a bloquear un posible acordo

“Non se pode negociar un novo convenio cando non cumpren o actual; o 6,5% non se negocia, actualización salarial xa”, sinalaba a CIG nese momento, no que levou a cabo concentracións ante a sede de varias das empresas máis importantes do sector, como Clece ou Atendo. Dende entón a CIG vén protagonizando concentracións en distintos puntos de Galicia, varias delas ante as sedes dos Concellos, para demandar que as administracións locais lles esixan ás empresas concesionarias dos seus servizos o cumprimento dos convenios. Así o fixeron en Teo, Narón, Vigo, Ames, Vilalba, Carballo, Chantada, Ponteareas, Monforte, Ferrol, A Coruña ou Ourense.

CIG-Servizos denuncia que das 250 empresas rexistradas en Galicia tan só catro cumprían este mes de maio co convenio colectivo en canto a ese incremento salarial

No marco da campaña pola dignificación das condicións e un convenio digno para o sector, a CIG instou tamén a través de mediante mocións e preguntas nos plenos a que os Concellos obriguen as empresa concesionarias a aplicar de inmediato o incremento salarial do 6,5%. CIG-Servizos denuncia que das 250 empresas rexistradas de Servizo de Axuda no Fogar en Galicia tan só catro cumprían este mes de maio co convenio colectivo en canto a ese incremento salarial. "O resto ou non pagou ou está aboando a metade (un 3,1% ou 3,2%), un incremento irrisorio cando estamos falando de salarios cativos e tendo en conta o medre imparábel da carestía da vida", denunciaba o sindicato.

A CIG promoveu unha ILP para a creación dun sistema público galego de atención ás persoas, na que, entre outras cuestións, se propuña que todos os SAF estiveran integrados nesa rede pública

Esta mesma semana a CIG tamén reclamou ante o Goberno galego, como administración responsable do servizo, que atenda as demandas das traballadoras e inste as empresas concesionarias a que apliquen de inmediato a suba do 6,5%. O sindicato concentrouse nas diferentes delegacións territoriais da Consellaría de Política Social. Nos últimos anos a Xunta delegou a atención a domicilio nos concellos e estes, á súa vez, privatizaron ou externalizaron a prestación do servizo a través de empresas concesionarias.

Para evitar esta atomización e dignificar os traballados de coidados e mellorar a atención, a CIG promoveu unha ILP para a creación dun sistema público galego de atención ás persoas, na que, entre outras cuestións, se propuña que todos os SAF estiveran integrados nesa rede pública. A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández defende que no novo convenio ten que se garantir que todas as empresas estean reguladas polos mesmos prezos, para evitar “esa piratería que existe agora de ir moitas veces a concursar por 12 euros/hora”.

Galicia está entre as rexións europeas cunha poboación máis envellecida CC-BY-NC-ND Xosé Castro Roig

UGT viu recentemente recoñecido pola Audiencia Nacional que as empresas do Sector da Dependencia deben incrementar un 6,5% os salarios. O sindicato critica que as administracións "adxudican esta prestación ás ofertas máis baixas e que non se preocupan de esixir a calidade dos coidados"

Tamén CCOO e UGT se están a mobilizar polo cumprimento do actual convenio e pola sinatura dun novo acordo que recolla melloras salariais nas condicións laborais. UGT viu recentemente recoñecido pola Audiencia Nacional que as empresas do Sector da Dependencia deben incrementar un 6,5% os salarios. A sentenza do tribunal recoñece o dereito das traballadoras á aplicación da cláusula de revisión salarial automática e ao incremento dos seus conceptos retributivos de 2022 na contía correspondente á porcentaxe do IPC real do ano 2021, un 6,5%.

UGT-Servizos denuncia que a patronal "pretende manter unha posición de resistencia inxustificada á aplicación da normativa" e critica que "a falta de control por parte da Xunta e dos concellos sobre as empresas adxudicatarias dos servizos tamén contribúe á precariedade", advertindo de que estas administracións "adxudican esta prestación ás ofertas máis baixas e que non se preocupan de esixir a calidade dos coidados".

 

"As traballadoras déixanse parte do seu soldo en gastos de combustible e mantemento dos seus vehículos. Xa é hora de que se organicen os servizos xeograficamente para evitar grandes desprazamentos e de que as empresas, tal e como figura no convenio, se fagan cargo do total dos gastos de desprazamento, sen ter que recorrer a medios propios das traballadoras", denuncia tamén UGT.

O Tribunal de Contratación Pública de Galicia tamén lles deu a razón a Comisións Obreiras, lembrando que os concellos deben garantir o incremento salarial do 6,5% para este ano nas licitacións do SAF

O Tribunal de Contratación Pública de Galicia tamén lles deu a razón aos sindicatos, neste caso a Comisións Obreiras, lembrando que os concellos deben garantir o incremento salarial do 6,5% para este ano nas licitacións do Servizo de Axuda no Fogar. Na súa resolución o tribunal desbotou os argumentos empregados polo Concello de Monforte para xustificar un incremento salarial do 2,5%. Comisións Obreiras gañou xa unha sentenza no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no ano 2013, que dende entón recoñece o dereito das traballadoras dos SAF a que todos os seus conceptos salariais se actualizasen anualmente conforme ao IPC. "Desde aquela, case dez mil traballadoras e traballadores do sector viron incrementados os seus salarios un 16,8%", lembra Luís Rodas, de de CCOO.

De igual xeito, a CIG logrou a anulación do concurso de licitación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello do Porriño tras presentar un recurso diante do Tribunal Administrativo de Contratación Pública, debido a que o Goberno local non incluía a revisión salarial conforme ao IPC e fixaba o prezo máximo do servizo en 19 euros por hora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.