Esta semana, o Consello Territorial de Servizos Sociais, órgano que xunta o Ministerio de Dereitos Sociais coas consellerías con competencias en materia de política social nas comunidades autónomas, deu o seu visto e prace á reforma do modelo de residencias da terceira idade. O denominado Acordo para mellorar a calidade das residencias e o Sistema de Atención á Dependencia saíu adiante por estreita marxe, cos votos a prol de Canarias, Navarra, Valencia, Asturias, La Rioja, Baleares, Cantabria, Aragón e Melilla (todas con presidencia do PSOE agás Cantabria e Melilla) e o rexeitamento de todas as demais autonomías, entre elas Galicia.
A Xunta votou en contra do novo modelo estatal de residencias, que aumenta ratios de persoal e incrementa cuartos individuais, ao considerar que implica "perda de prazas e postos de traballo"
A reforma das residencias márcase como horizonte o ano 2030 para aplicar mudanzas como o incremento das rateos de persoal (en xeral, un profesional por cada dous residentes), límites de 75 e 120 prazas por centro en función da poboación da localidade en que se constrúan ou a constitución de unidades de convivencia de ata 15 persoas nos centros públicos e concertados. Como informa infoLibre, o documento tamén fixa un mínimo dun 65% de cuartos individuais ou preceptos en materia de persoal como un mínimo dun 80% de contratos indefinidos.
Entre as razóns esgrimidas polo Goberno galego para opoñerse á reforma figura, en verbas da conselleira de Política Social, que ao seu xuízo foi negociado de maneira "escurantista" e ademais, esgrime Fabiola García, os novos requisitos van implicar "perda de prazas e postos de traballo". A Xunta, defende, seguirá defendendo un modelo de seu, máis "realista", mentres continúa reclamando que o Estado achegue o 50% de financiamento dos custos da lei de dependencia, o cal non sucedeu nunca dende a entrada en vigor da norma hai década e media.
O Plan Estratéxico da Xunta ata 2030 promove "aproveitar o nicho de mercado que supón na actualidade o envellecemento, de xeito que sexa unha oportunidade de emprego e de creación de novos retos"
A aprobación do novo modelo coa Xunta en contra e os devanditos argumentos da titular de Política Social chegaron apenas vinte e catro horas despois de que o Goberno galego entregase formalmente ao Parlamento o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030. Trátase do documento adiado en varias ocasións aínda con Alberto Núñez Feijóo como presidente e que, como nas súas dúas anteriores edicións, é un compendio de previsións e obxectivos macroeconómicos, políticos e sociais que pretenden ser as liñas mestras para a acción do Executivo.
O documento, de máis de 900 páxinas, dedica un dos seus "obxectivos estratéxicos" á necesidade de "garantir unha estrutura de servizos de atención das necesidades das familias para favorecer que as persoas poidan levar a cabo o seu proxecto familiar en Galicia", dende "ter o número de fillos e fillas que desexen" ata "impulsar políticas de conciliación". Dentro deste apartado, a Xunta evidencia aspectos como a baixa natalidade ou o progresivo incremento da idade media da poboación.
A continuación, o plan resume os "principais retos e necesidades" neste eido, encabezados por "facer fronte ao problema demográfico de Galicia" e "atender as necesidades das familias". Un deles é "aproveitar o nicho de mercado que supón na actualidade o envellecemento, de xeito que sexa unha oportunidade de emprego e de creación de novos retos". Trátase dunha consideración semellante á que realizara no pasado 2021o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) durante unhas xornadas con empresarios, aínda que agora coa diferenza de estar plasmado nun documento oficial con vontade estratéxica. Xunto a el, aposta por "avanzar cara a un modelo social baseado na infancia e nas persoas maiores".
Esa aposta por "aproveitar o nicho de mercado" do envellecemento é realizada é realizada nun epígrafe distinto ao que o plan dedica á atención ás persoas en situación de dependencia e, en xeral, á poboación da terceira idade. Nel, o documento admite "deficiencias de cobertura en Galicia" en "relación coa atención das persoas maiores", entre elas "carencias na prestación económica de coidados familiares" e "nas prazas públicas residenciais".
Neste ámbito, o plan sinala como unha das "liñas de actuación estratéxicas" o "incremento dos servizos de atención residencial, atención diúrna e axuda no fogar". Achega ademais, noutro treito, algunhas cifras e previsións ao respecto: segundo o Plan Estratéxico, na última década Galicia contou cunha media de 20.302 "prazas residenciais de atención a persoas maiores", cifra que ascendeu ata as 21.158 na media dos últimos cinco anos e ata 21.867 en 2020.
O plan admite "deficiencias de cobertura" na atención á terceira idade, entre elas "nas prazas públicas residenciais" e sinala que a Xunta prevé sumar unhas 4.000 ata 2030, sen aclarar a titularidade pública ou privada ou a súa xestión directa ou concertada
Segundo o Plan, a Xunta traballa coa previsión de que en 2025 haxa en Galicia 24.580 destas prazas residencias da terceira idade. En 2030, proxecta, chegarían ás 26.080, isto é, case unhas 4.200 e un 20% máis que en 2020. Se estas cifras se cumpren, non obstante, o país continuaría lonxe da ratio de 5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos que recomendan diversos organismos . Non en van, as proxeccións demográficas do IGE prevén que en 2030 a poboación galega de 65 ou máis anos esta conformada xa por algo máis de 776.000 persoas, polo que para cumprir ese criterio serían precisas algo máis de 38.000 prazas.
O Goberno galego non detalla no seu plan cal sería a titularidade -pública ou privada- destas novas prazas nin tampouco o modelo de xestión -directo ou concertado- das que sexan sufragadas con fondos públicos. Sucesivos estudos ao respecto acreditan que Galicia segue sendo unha das autonomías con menos prazas en residencias de maiores e que tamén está á cola do Estado en prazas públicas nestes centros.