Varias empresas do grupo argumentaban que os datos podían danar a súa imaxe, pero a sentenza salienta que o interese público debe estar por riba dos seus “motivos privados de interese económico”
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fixo pública este martes a súa primeira sentenza recoñecendo o dereito da cidadanía a coñecer o número de mortes con COVID-19 en cada unha das residencias de maiores de Galicia. Rexeita así o recurso de varias empresas do grupo DomusVi que reclamaban que o Goberno galego non atendese a varias peticións de transparencia formuladas ao respecto por varios xornalistas, entre elas por Praza.gal. A primeira sentenza emitida agora, en relación a unha petición de transparencia de infoLibre, conclúe que a Xunta si pode facilitarlle eses datos, como xa decidira facer o Goberno galego.
A sentenza aínda non é firme, e contra ela cabe recurso de casación nun prazo de 30 días, polo que a divulgación dos datos aínda se vai demorar. A sentenza pronúnciase sobre a divulgación dos datos das residencias privadas, pero Praza.gal xa publicou o pasado agosto, a través doutra petición de transparencia, as cifras de falecementos en residencias da Xunta, que permitiron comprobar que os centros de titularidade pública xestionados por DomusVi presentaron maior mortalidade que o resto.
Segundo di agora o TSXG, nunha sentenza asinada por tres maxistrados da que foi relator Luís Villares, “debe primar o dereito ao acceso á información pública pola concorrencia dun imperioso interese xeral en coñecer, tamén no campo do sector das residencias privadas de maiores, a eficacia na xestión da pandemia da COVID-19, como medio de fornecer á cidadanía de elementos que poidan conformar unha opinión pública libre, algo ineludible para a boa saúde democrática de calquera país”.
A sentenza di que o interese público de divulgar os datos “resulta prevalecente sobre a limitación por motivos privados de interese económico propostos polas empresas”, e salienta que xa se divulgaron os datos das residencias públicas, como fixo Praza.gal hai uns meses
A sentenza destaca que os datos de mortes en cada residencia foron recollidos pola Consellería de Política Social "en exercicio das súas funcións" e que, por tanto, teñen "a natureza de información pública" que lle atribúe a lei de transparencia. Os maxistrados rexeitan na sentenza que o acceso á información solicitada vulnere o dereito á protección de datos de carácter persoal das persoas usuarias das residencias, como alegaban as empresas recorrentes, pois salientan que “os datos solicitados están completamente disociados de ningún tipo de información, de maneira que non resulta posible dese só dato numérico identificar a persoa ningunha”.
No relativo á afectación da honra e a propia imaxe das empresas, o tribunal considera que “non pode vulnerar a honra dunha mercantil a difusión pública de datos reais e estatísticos sobre a incidencia da pandemia en cada un dos centros”. Ademais, os maxistrados explican que, en realidade, as empresas demandantes reprochan “que os datos van ser emitidos descontextualizados ou non explicados, o que pode levar á cidadanía a formarse unha opinión equivocada sobre a forma de xestión da pandemia no centro”.
A Sala destaca que eses mesmos datos xa foron ofrecidos en relación ás residencias públicas, como fixo Praza.gal, “polo que a información estatística desagregada só completa o mapa territorial e situacional pretendido pola normativa en base á cal se produciu a recollida de datos”. Por iso, conclúen que non publicalos “deixaría ás entidades privadas nunha inxustificada situación de opacidade, que tamén podería dar lugar a especulacións sobre as razóns de non facelo”. A Sala conclúe na sentenza que o interese público “resulta prevalecente sobre a limitación por motivos privados de interese económico propostos polas empresas”.
“Non pode descoñecerse que dificilmente se pode concibir asunto sobre o que exista un maior interese público que xustifique transparencia na actuación e o acceso á información que a xestión da pandemia, pola convulsión social que produciu, os danos persoais e o sufrimento que ocasionou, así como a limitación de dereitos e liberdades e perdas económicas que supuxo”, recalca o tribunal no ditame.
Nel asegura que, neste contexto, “non é admisible que un interese particular de determinadas residencias privadas de carácter económico non correctamente acreditado, fundado en que a cidadanía poida relacionar unha hipotética falta de dilixencia na xestión da pandemia nos centros co número de contaxios e falecementos, deba impoñerse sobre o dereito a coñecer os datos, que en si mesmos están desprovistos de toda connotación ou valoración e cos que se pretende render contas da xestión administrativa da pandemia”. Ademais, engade que non se debe esquecer que as residencias privadas de maiores foron declaradas operadores dos servizos esenciais.
A sentenza tamén valora o feito de que a solicitude de transparencia a realizase un xornalista. Fronte aos argumentos das empresas de que é irrelevante a súa profesión, o tribunal considera que non é que un xornalista teña máis dereito que calquera outro cidadán a obter os datos, “senón que o seu dereito non só é un fin en si mesmo senón instrumental do exercicio dun dereito fundamental e por isto mesmo suxeito dunha máis intensa protección xurídica e mesmo xurisdicional”.