A análise oficial que a Xunta encargou á USC conclúe que “o tamaño do centro e a titularidade” foron “factores que aumentan a incidencia da enfermidade” entre as persoas residentes
Case dous anos despois da chegada da pandemia a Galicia a Xunta segue negándose a dar ao Parlamento o detalle das persoas mortas con COVID-19 en cada residencia galega de maiores ou discapacidade, centros nos que se rexistrou un terzo dos 2.861 falecementos totais computados ata o momento. Escudábase ata agora en que encargara á USC un “documento científico” sobre o impacto da enfermidade nas residencias que requiría de tempo para a súa elaboración.
Este mércores vén de entregar ese documento no Parlamento e, aínda que segue sen detallar o número de falecementos ou casos en cada centro, o informe conclúe que “a taxa de incidencia de COVID-19 foi superior de forma significativa nos centros con titularidade privada en comparación cos centros de titularidade pública”. Se nas residencias públicas tivo COVID unha de cada dez persoas residentes, nas privadas foron dúas de cada dez.
Aínda que a metade das residencias galegas non tiveron nin un só caso, no global 21 de cada cen usuarios contaxiáronse de COVID e 16 de cada cen contaxiados acabaron morrendo
O informe agora entregado no Parlamento e elaborado a petición da Xunta pola Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC analiza os datos oficiais da pandemia ata o 30 de xuño de 2021. Ata aquel momento morreran en Galicia con COVID 2.382 persoas, das que 787 eran usuarias de centros sociosanitarios en xeral, e delas 773 o eran de xeriátricos e 17 de centros de discapacidade. Tendo en conta que hai preto de 22.000 persoas en residencias en Galicia, e que ata aquel momento deran positivo 4.841, o resultado foi que “21 de cada cen usuarios en centros sociosanitarios galegos contaxiáronse de COVID-19 entre marzo de 2020 e xuño de 2021”, mentres que 16 de cada cen residentes contaxiados acabaron morrendo.
Aínda así, a metade das residencias galegas non tiveron nin un só caso de COVID, mentres que pola súa banda na metade das que si os rexistraron houbo cando menos unha morte.
O estudo analiza os datos en función de variables como o tamaño dos centros, o seu emprazamento en cidades, vilas ou no rural, o seu persoal sanitario ou a súa titularidade. Neste último aspecto o documento limítase a diferenciar entre a titularidade privada e a pública, sen analizar no primeiro caso as empresas concretas nin no segundo se á súa vez a residencia pública ten a súa xestión entregada a unha empresa privada.
Como contexto, das preto de 22.000 prazas existentes en Galicia, 17.000 son completamente privadas, mentres que 4.800 son de titularidade pública, das que 3.900 son da Xunta, que ten a xestión de boa parte delas entregada tamén a empresas privadas. Esa propiedade privada da gran maioría das prazas vén dificultando coñecer o detalle do impacto da COVID nelas máis alá do informe que agora só detalla os datos globais e non por centros. Dos poucos detalles que se coñecen, Praza desvelou que a metade dos falecementos con COVID en residencias da Xunta foron en centros xestionados por DomusVi malia que esa empresa só é a encargada dunha cuarta parte desas 3.900 prazas autonómicas.
Houbo o dobre de probabilidades de resultar contaxiado de COVID nas residencias privadas que nas públicas pero, unha vez producido o contaxio, a probabilidade de morrer foi a mesma
Segundo o informe agora entregado no Parlamento, nas residencias de titularidade privada, sen detallar as empresas, resultaron contaxiados 4.073 residentes, o 23,8% do total deses centros, mentres que nas públicas foron 656, o 13,7%, o que supón case a metade da incidencia. A letalidade, pola contra, é similar nun ou noutro tipo de centros. Isto é, houbo o dobre de probabilidades de resultar contaxiado de COVID nas residencias privadas que nas públicas pero, unha vez producido o contaxio, a probabilidade de morrer foi a mesma, con preto do 16%.
Canto ao tamaño dos centros, o informe considera que foi un factor que aumentou tanto a incidencia como a mortalidade. Os de tamaño medio (entre 60 e 120 usuarios) e grande (máis de 120) tiveron o dobre de incidencia que os pequenos (25% fronte a 13% aproximadamente) e tres puntos máis de taxa de letalidade (16% fronte a 13%). Pero cando os autores do documento axustan os datos en funcións doutras variables como a existencia de habitacións individuais conclúen que “os centros con tamaño medio teñen 2,4 veces máis probabilidade de ter cando menos un episodio de COVID-19 entre os seus usuarios que os pequenos”.
Nos centros sen persoal médico ou de enfermaría a gran maioría das mortes rexistráronse tras trasladar a persoa a un hospital, mentres que nas residencias que si contaban con ese persoal a metade das mortes foron no propio centro
Outras das variables empregadas para realizar a análise foi a existencia ou non de persoal médico ou de enfermaría, de xeito que nos centros que non o tiñan as mortes remataron producíndose no hospital ao que foron trasladadas as persoas contaxiadas. Pola contra, nas residencias con persoal médico ou de enfermaría a metade das mortes foron no propio centro.
E canto á incidencia da enfermidade entre o persoal, o documento di que “un maior número de casos entre os traballadores dos centros supón un maior número de casos e falecidos entre os usuarios”, pero “non se pode saber se foron os traballadores os que introduciron o virus nos centros ou, pola contra, estes se contaxiaron dos usuarios”.
O informe tamén analiza o impacto da pandemia en función das súas vagas, e como a primeira foi a peor para as residencias “suxire que as medidas implantadas nas residencias tiveron o efecto desexado”.