DomusVi preitea para que a Xunta oculte as mortes en cada centro privado malia que para a Valedora do Pobo “debe considerarse que é información pública” por ser “adquirida por Política Social no exercicio das súas funcións”
En Galicia hai algo máis de 22.000 prazas residenciais de servizos sociais das que apenas unha quinta parte son públicas e o resto privadas, algunhas delas concertadas. En todas elas morreron desde a chegada da COVID a Galicia 790 persoas, pero ano e medio despois dese total aínda só se coñece o detalle oficial de apenas 80 falecementos, o 10%, os rexistrados nas residencias de titularidade da Xunta. DomusVi, empresa líder do sector, preitea para que a Xunta oculte as mortes en cada centro privado malia que para a Valedora do Pobo “debe considerarse que é información pública” por ser “adquirida por Política Social no exercicio das súas funcións”.
Praza.gal leva meses recorrendo á Lei de Transparencia para, mediante solicitudes formais de información, tentar coñecer en que centro se produciron cada unha das 790 mortes rexistradas oficialmente en residencias. Primeiro a Consellería de Sanidade rexeitou contestar amparándose nunha das excepcións que contempla a lei para non facilitar datos, a de que estes requirían dun proceso de reelaboración.
Unha posterior petición idéntica á Consellería de Política Social, responsable de supervisar todos os centros, tanto públicos como privados, foi respondida por ese departamento de xeito distinto ao de Sanidade, resolvendo “conceder o acceso á información” solicitada “por estar no ámbito de aplicación” das leis estatal e galega de transparencia e sen establecer ningún matiz ao respecto. Porén, a propia consellería de Política Social incumpriu a súa resolución e só facilitou o total de falecidos e non o detalle de “cada unha das residencias”, como sinalaba a petición que ela mesma aceptara.
Tras esa resposta este diario reclamou ante a Comisión da Transparencia de Galicia, que xestiona a Valedora do Pobo, e que considerou que “a información que se solicita é información adquirida pola Consellería de Política Social no exercicio das súas funcións, polo que debe considerarse que é información pública, tendo o interesado dereito a que se lle proporcione”.
Pero así como as leis de transparencia tanto estatal como galega consideran “información pública” e que polo tanto pode ser solicitada por calquera cidadán os “contidos ou documentos” que obren en poder dalgunha administración e que fosen elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións, tamén prevé que cando esta poida afectar a terceiras persoas a administración debe someter a petición ás súas alegacións. Nin Sanidade nin Política Social o fixeron antes de rexeitar facilitar os datos que se lle solicitaban, pero unha vez que a Valedora considerou que o reclamado era “información pública” Política Social decidiu consultar ás residencias privadas se podía facilitar ou non os seus datos.
Xa só en dúas das residencias privadas de DomusVi, con datos parciais, houbo máis mortos que no medio cento de residencias públicas da Xunta
As alegacións do sector foron rexeitadas pola Xunta, pero DomusVi recorreu ante a xustiza ordinaria para que o Goberno galego siga mantendo ocultos os seus datos, malia transcender nos últimos meses algunhas cifras parciais como que a finais do ano pasado xa morreran con COVID 50 residentes no seu centro de Santiago, 32 noutro de Vigo ou 31 en Cangas. Isto é, xa só en dúas das súas residencias, con datos parciais, houbo máis mortos que no medio cento de residencias públicas da Xunta. E nestas, as que a administración encomendou a súa xestión a DomusVi foron das peor paradas.
O recurso xudicial de DomusVi, conxugado co feito de que o 80% das prazas do sector son privadas, mantén polo tanto na escuridade o detalle da maior parte de falecementos en residencias desde o comezo da pandemia, datos que a Xunta e o PP tamén veñen rexeitando facilitar ao Parlamento de Galicia e que só se coñecen parcialmente por informacións que se foron publicando a nivel global ou para cada residencia por algúns medios de comunicación hai xa meses pero sen que sexa posible dispoñer aínda dunha lista oficial actualizada.
No Parlamento a conselleira delegada de DomusVi renegou dun sistema público de residencias no que ao seu ver "déixase de falar de custo para falar só de dereitos"
Neste panorama de menor mortandade con COVID nas residencias públicas pero maior nas que a xestión foi entregada a mans privadas, e xunto co escurantismo nos datos, o pasado novembro a conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, compareceu no Parlamento de Galicia cunha intervención na que eludiu responsabilidades polas mortes nas residencias e advertiu dos perigos dun sistema público, do que renegou. "Prográmanse paraísos terreais, recórrese facilmente á idea de estatalizar o servizo e crear consorcios e empresas públicas e déixase de falar de custo para falar só de dereitos", advertiu naquela comparecencia, alertando da suba no gasto que suporía a mudanza que, dixo, deixaría fóra moita xente de escasos recursos.