Malia que deputadas e deputados teñen dereito a solicitar datos en poder da administración, o Goberno galego ocúltallo sen argumentar o motivo e remíteos a unha web na que non se ofrece ningún sobre os centros sociosanitarios
Máis dun ano despois do comezo da pandemia da COVID-19, a Xunta segue mantendo en segredo en que centro vivían as 790 persoas usuarias de residencias de maiores ou discapacidade falecidas ata agora segundo os seus propios datos. Empresas privadas propietarias de residencias néganse a que o Goberno galego desvele o detalle de mortes en cada centro en aplicación da Lei de Transparencia, pero tampouco o Parlamento, malia a súa función de control do poder executivo, logra ter acceso a eses datos.
BNG e PSdeG levan meses intentando obter por distintas vías o detalle de falecementos en cada residencia atopándose enfronte a negativa de PP e Xunta a través de diversas estratexias que van desde adiar a resposta a contestar coa falacia de eludir a cuestión, isto é, responder con algo distinto ao que se pregunta.
A comisión de estudo para a reactivación creada na Cámara aínda agarda non polo detalle dos falecementos senón por unha "análise sobre o impacto do coronavirus nas residencias" que a Xunta di que "require de maior tempo de preparación"
A oposición intentou que o detalle de falecementos en cada residencia fose un do cento e medio de documentos solicitados a diversas administracións e entidades de todo tipo como base do traballo da comisión de estudo sobre a reactivación económica e social de Galicia pola crise da COVID-19 que vén desenvolvendo os seus traballos no Parlamento desde finais do pasado ano. Porén, a maioría absoluta do PP fixo que o plan de traballo desa comisión aprobado a finais de outubro non incluíse a solicitude á Xunta dun documento só cos datos senón unha “análise sobre o impacto do coronavirus nas residencias de Galicia, a cargo de expertos sanitarios”.
A finais de febreiro, tras recibir a maioría do resto de documentos solicitados, o Parlamento lembrou á Xunta que ese sobre o impacto da COVID-19 nas residencias aínda non fora entregado, ao que o Goberno galego respondeu argumentando “está sendo elaborado por investigadores da USC, polo que nos atopamos ante un documento científico que require de maior tempo de preparación”. “Unha vez finalizado, será remitido ao Parlamento”, despachou a Xunta.
BNG e PSdeG empregaron sen éxito mecanismos como a solicitude de documentación en poder da administración, a moción ou a pregunta por escrito, saldados na maioría dos casos cunha resposta tipo na que se recorre á falacia de non contestar á pregunta que se formula
Á marxe da vía da comisión de estudo, o PSdeG tamén pediu o detalle do impacto da pandemia en cada centro a través do mecanismo que o Regulamento do Parlamento habilita para que deputados e deputadas poidan fiscalizar ao executivo accedendo a todo tipo de documentos no seu poder. O artigo 9 do Regulamento da Cámara establece que “para o mellor cumprimento das súas funcións parlamentarias, os deputados, logo de coñecemento do respectivo grupo parlamentario, terán a facultade de solicitar das administracións públicas os datos, informes ou documentos que consten en poder destas”. E engade que a administración “deberá facilitar a documentación solicitada ou manifestar á Presidencia do Parlamento, en prazo non superior a trinta días e para o seu máis conveniente traslado á persoa solicitante, as razóns fundadas en dereito que o impidan”.
A solicitude do PSdeG “ao abeiro do disposto no artigo 9 do Regulamento” para que a Xunta facilitase a “relación diaria das cifras de contaxios desglosadas por residencias dende o inicio da pandemia” foi formulada o 3 de novembro, pero a Xunta non contestou ata dous meses e medio despois, o 18 de xaneiro. Resposta na non facilita os datos que solicitan os socialistas senón que os remite á web coronavirus.sergas.gal, na que non hai ningún tipo de información sobre a evolución da pandemia nas residencias senón no conxunto da sociedade, e á “información” que o Goberno galego “traslada aos medios de comunicación” sobre casos positivos en residencias pero na que non se relacionan os falecementos con centros concretos. A resposta non cumpre coa esixencia do Regulamento do Parlamento de que a administración debe explicitar as “razóns fundadas en dereito” polas que non entrega os datos que se lle solicitan.
Tampouco tivo sorte o BNG ao intentar que a Xunta divulgase a información a través doutro procedemento parlamentario, unha moción, coa que xa en outubro quería que a Cámara instase ao Goberno galego a “publicar, de maneira transparente e accesible para o conxunto da poboación, os datos referidos á incidencia da COVID-19 nas residencias de maiores desde o inicio da pandemia indicando, cando menos, o número de contaxios e falecementos por residencia”. Ese era un dos cinco puntos que contiña a moción do BNG, pero o PP limitouse a rexeitala en bloque, sen sequera intentar emendala ou negociala.
Xunto con eses procedementos, nacionalistas e socialistas tamén empregaron o da pregunta escrita á Xunta para solicitar todo tipo de datos detallados sobre o impacto da pandemia nas residencias ou noutros eidos, cuestións que o Goberno galego vén contestando cunha resposta similar en todos os casos que remite á web coronavirus.sergas.gal, onde só se ofrece a cifra global de falecementos en residencias pero non o detalle.
A próxima semana o BNG volverá a intentar obter algún dato máis e a situación nas residencias será o tema sobre o que xire a pregunta da súa voceira nacional, Ana Pontón, na sesión de control a Feijóo.