O Goberno galego desbota as alegacións das empresas e, tras negarse primeiro a detallar os datos, di agora que deben ser públicos pero haberá que esperar dous meses por se os centros recorren á xustiza para mantelos ocultos
Varias residencias privadas de persoas maiores ou con discapacidade presentaron ante a Xunta alegacións rexeitando que a Consellería de Política Social poida desvelar cantas persoas morreron en cada centro con diagnóstico positivo por COVID-19 desde o comezo da pandemia. Así se lle solicitou á Xunta en varias peticións oficiais de transparencia, unha delas formulada por Praza.gal o pasado novembro, que inicialmente recibiu respostas negativas tanto de Sanidade como de Política Social e que, tras varios recursos e coa intervención da Valedora do Pobo, agora o segundo departamento contesta en sentido positivo.
Política Social di agora que aínda que os datos poidan afectar a empresas privadas, a información sobre os falecementos, 790 mortes desde o comezo da pandemia, “foi adquirida pola consellería no exercicio das súas funcións, polo que se entende como información pública” e resolve conceder o acceso á mesma. Porén, a Lei de Transparencia contempla que cando terceiros interesados alegasen en contra da divulgación dun dato a administración debe agardar dous meses antes de facilitar a información ao solicitante por se os implicados queren recorrer ante a xustiza ordinaria en contra da súa decisión. Se as residencias formulan recurso contencioso-administrativo contra a Xunta para que non entregue os datos, haberá que agardar ao que decidan os xulgados, e se non, a Xunta xa poderá facilitar a información.
Primeiro Sanidade negouse a facilitar os datos argumentando que tería que "reelaboralos", despois Política Social só facilitou o total de mortes pero sen detallalas e agora, tras intervir a Valedora do Pobo, admite finalmente que debe ser "información pública"
Ata agora a negativa da Xunta a facilitar o detalle de cantos falecementos se produciron en cada centro de maiores ou discapacidade de Galicia desde o comezo da pandemia viña traducíndose en todo tipo de respostas a similares peticións formais de transparencia que recibiron diversos apercibimentos por parte da Comisión da Transparencia, o órgano dependente da Valedora do Pobo encargado de velar pola aplicación desa lei. Tras unha primeira petición formal en novembro de Praza.gal á Consellería de Sanidade, esta negouse a facilitar os datos amparándose nunha das excepcións que contempla a lei para non facelo, a de que estes requirían dun proceso de reelaboración.
Unha posterior petición idéntica á Consellería de Política Social, da que dependen os centros, foi respondida por ese departamento de xeito distinto ao de Sanidade, resolvendo “conceder o acceso á información” solicitada “por estar no ámbito de aplicación” das leis estatal e galega de transparencia e sen establecer ningún matiz ao respecto. Porén, a propia consellería de Política Social incumpriu a súa resolución e só facilitou o total de falecidos e non o detalle de “cada unha das residencias”, como sinalaba a petición que ela mesma aceptara.
Tras esa resposta formulouse unha reclamación ante a Comisión da Transparencia que xestiona a Valedora do Pobo, que a estimou por considerar os datos “información pública” e pediu a Política Social que os facilitase despois de abrir o trámite legal de consulta a terceiros afectados, que tiñan 15 días para presentar as súas alegacións.
Política Social non abriu ese período de alegacións ás residencias privadas ata o 1 de marzo e superado amplamente o prazo de 15 días este diario presentou unha nova petición formal para que a consellería resolvese o procedemento como lle reclamara a Valedora do Pobo. Un día despois Política Social contestaba coa antedita resolución na que sinala que as alegacións que recibiu das residencias “non son suficientes para xustificar unha denegación do acceso á información”, pero condiciona este a que no prazo de dous meses non se presente recurso contencioso administrativo contra a súa decisión por parte das residencias.
Ao contrario que outros departamentos da Xunta, Política Social non revela os nomes das entidades que se opuxeron a que se coñeza o número de mortos en cada centro
Ao contrario que noutras resolucións similares doutros departamentos sobre peticións de transparencia nas que terceiras empresas implicadas formulan alegacións contrarias, neste caso Política Social non revela os nomes das entidades que se opuxeron a que se coñeza o número de mortos en cada centro, despois de que polo que foi transcendendo nalgún momento da pandemia os grandes centros como os que controla DomusVi, principal empresa do sector, fosen dos máis afectados.