Os centros galegos de maiores e discapacidade quedan sen positivos da COVID entre residentes e persoal

Unha traballadora do Sergas, durante un cribado da COVID-19 en Forcarei en xaneiro de 2021 © Concello de Forcarei

O pasado mércores, 14 de abril, foi o día con máis casos novos da COVID-19 rexistrados en Galicia dende o pasado 24 de febreiro, cun total de 243. A actualización realizada polo Sergas este venres, 16 de abril, incorpora ao cómputo 229 casos, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves, o que supón o maior nivel nese período de vinte e catro horas dende mediados de marzo.

O pasado mércores foi o día con máis novos casos da COVID-19 rexistrados en Galicia dende finais de febreiro

Este relativo empeoramento da situación prodúcese nun contexto que presenta tamén unha diferenza substancial a respecto de anteriores vagas da pandemia. Ningún destes positivos se rexistrou en residencias de persoas anciás ou con discapacidade, onde o groso da vacinación contra o coronavirus concluíu a mediados de febreiro. Este venres, Sanidade confirmaba que todos estes centros quedan sen casos tras superar a infección un traballador dunha residencia de Oleiros, o único que aínda figuraba como positivo.

No último trimestres, estes centros pasaron de quintuplicar a incidencia do virus que se rexistraba no conxunto da poboación galega a igualala e despois, estar por baixo. Dende finais de marzo non rexistraron novos brotes e ademais, os dous últimos (en senllas residencias de maiores en Silleda e Xinzo) foron moito menos virulentos. Tras a vacinación, as persoas residentes nestas instalacións pasaron de supoñen máis do 40% das mortes coa COVID-19 en Galicia á contorna do 6%, porcentaxe que segue a descender.

O reflexo da Semana Santa nos datos xerais

Esta significativa mudanza no impacto do virus nas residencias -onde se flexibilizan un chisco as restricións dende este mesmo venres- prodúcese cando os datos epidemiolóxicos xerais xa reflicten os contaxios que se produciron durante a Semana Santa. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, Galicia pasou de rexistrar menos dun cento de casos novos ao día na comezos de abril a superar os 200 nas últimas xornadas

O incremento no número de casos rexistrados prodúcese cando os datos xa reflicten os contaxios da Semana Santa; a suba é, non obstante, moi inferior ás de anteriores vagas

En termos absolutos, destacan as cifras de novos casos das áreas sanitarias máis poboadas. Pero en termos de incidencia (casos novos por cada cen mil habitantes) destaca sobre as demais a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, cuns 125 casos novos por cada cen mil habitantes nas dúas primeiras semanas de abril. Na banda contraria están as áreas de Lugo e Ferrol que, malia trazar lixeiros ascensos nos últimos días, seguen por baixo dos 50 casos novos por cen mil habitantes a 14 días [Podes consultas nesta ligazón máis detalles da incidencia por áreas sanitarias]

As maiores incidencias, na costa e no sur de Lugo e Ourense

Alén da foto fixa da xornada, a tendencia á alza da incidencia da COVID no conxunto de Galicia segue sendo contida e, sobre todo, heteroxénea xeograficamente. Como amosa o mapa que acompaña esta información, os concellos coas maiores incidencias acumuladas sitúanse na costa, especialmente nas Rías Baixas e, en maior medida, na contorna da ría de Arousa. Tamén destacan os incrementos de incidencia na Mariña, en municipios da Ribeira Sacra lucense e do sur da provincia de Ourense

A incidencia acumulada a 14 días para o conxunto do país segue por baixo dos 80 casos novos por cada cen mil habitantes 

En liña con estes incrementos, boa parte dos concellos sobre os que pesarán restricións da Xunta de nivel medio, alto ou máximo concéntranse arredor das Rías Baixas. No que atinxe ás sete principais cidades, a estabilidade segue sendo a tónica xeral no que atinxe á incidencia a 14 días, con Vigo como urbe galega coa incidencia máis elevada, na contorna dos 127 casos novos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas.

Estas diferenzas xeográficas seguen permitindo, en todo caso, que os datos globais galegos continúen en niveis moderados. A incidencia acumulada a 14 días para o conxunto do país segue por baixo dos 80 casos por cada cen mil habitantes e o indicador a 7 días rolda os 45. O feito de que a incidencia acumulada a unha semana vista sexa superior á metade da incidencia a 14 días si apunta, non obstante, a que a tendencia é ascendente e que ese ascenso, polo momento lixeiro, continuará nas vindeiras xornadas.

O feito de que estes incrementos nas cifras de casos rexistrados se produza tras un prolongado período de estabilidade propicia que, con lixeiras subas, o número de novas infeccións detectadas comece a ser superior ao de altas de cada xornada. Este é o motivo polo que nos últimos días tenden a aumentar os positivos considerados como activos, que na última actualización do Sergas chegaban a 2.523. Hai unha semana eran 2.333.

Neste escenario, o indicador que si tende con máis claridade ao estancamento, mesmo con lixeiras subas nas últimas xornadas, é a hospitalización. O número de pacientes co coronavirus ingresados nos hospitais galegos é agora de 195, 13 máis que o día anterior e case unha trintena máis que o mesmo día da semana pasada. Deles, 26 precisan asistencia en unidades de coidados intensivos, unha cifra idéntica á de sete días antes.

A hospitalización non experimenta melloras substanciais nos últimos días mentres outro indicador vinculado, o da mortalidade, si continúa acougando. A media diaria de falecementos de persoas coa COVID-19 en Galicia na última semana xa é inferior a un, toda vez que nos últimos sete días naturais con datos completos (ata o mércores) houbo tres nos que o Sergas non notificou mortes de pacientes que contraeran esta doenza. O total sitúase agora en 2.371 falecementos ligados oficialmente á pandemia en Galicia.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.