Mantense o peche de Galicia pola peor situación doutras comunidades e fanse máis flexibles as visitas nas residencias
Desde este venres 16 de abril o toque de recollida pola COVID-19 pasará en Galicia das 22 ás 23 horas e ata esa mesma hora poderán abrir algúns restaurantes que cumpran determinados requisitos, mentes que o resto de locais de hostalería deberán seguir pechando como ata agora ás 21 horas. Esas, xunto cunha nova flexibilización das visitas nas residencias, son as principais medidas do seguinte paso da desescalada das restricións anunciadas este mércores polo presidente Feijóo, á espera de que se concreten no Diario Oficial de Galicia. Entre as restricións que non mudan está o peche perimetral de Galicia pola peor situación doutras comunidades.
Horas antes de deixar que fose Feijóo quen fixese o anuncio da nova desescalada, no que puxo especialmente o foco na hostalería como “un sector especialmente querido” polo Goberno galego, a Xunta xa fixera pública unha nova revisión da lista de concellos que estarán en cada nivel de restricións tamén a partir do venres, con A Pobra do Caramiñal, O Grove e Carballeda de Valdeorras no nivel máximo.
“Levamos concatenados unha serie de acertos constantes desde que levamos xestionado a pandemia nesta última parte da mesma”, asegura Feijóo sobre si mesmo
Segundo Feijóo, “estamos nunha situación boa, sen dúbidas, tendente á estabilización e na que cremos que debemos avanzar na apertura progresiva”. “Levamos concatenados unha serie de acertos constantes desde que levamos xestionado a pandemia nesta última parte da mesma”, chegou a valorar o presidente sobre a súa propia xestión, e avanzou que “imos a seguir tendo maior interacción, maiores horarios, maiores servizos”. Estas son as novidades para este venres 16 de abril:
Toque de recollida ás 23 horas
A partir do venres o toque de recollida que desde o Nadal estaba fixado nas 22 horas pasará ás 23 horas, exercendo así a Xunta a posibilidade que lles deu o Goberno central ás comunidades autónomas de variar lixeiramente as horas.
Ampliación do horario da hostalería
Para poderen abrir ata as 23 horas e non só ata as 21 como ata agora os locais de hostalería deberán contar con licenza de restaurante, manter un rexistro de clientes e garantir a calidade do aire no interior
Salvo nos concellos en máximo nivel de restricións, que teñen pechada por completo a hostalería, no resto de concellos determinados restaurantes poderán abrir ata as 23 horas cumprindo en cada caso as restricións de capacidade ou lugares de atención (só terraza ou tamén no interior) propias de cada concello. Poderán facelo os locais de hostalería que conten con licenza de restaurante (non os bares), deberá atenderse con cita previa e os establecementos deberán manter un rexistro de clientes, e deberán garantir a calidade do aire no interior do local con controis de CO2 ou aparellos de renovación do aire. Os locais que non cumpran estes requisitos deberán seguir pechando ás 21.
Feijóo matizou que aínda que aos establecementos se lles permita a apertura ata as 23 horas, as persoas usuarias deberán cumprir co toque de recollida e estar nos seus domicilios ás 23 horas. Tamén engadiu posteriormente que a Xunta está aberta a ser flexible na aplicación da medida se os establecementos teñen dificultades para dotarse do equipamento técnico preciso para garantir a calidade do aire.
A comparecencia de Feijóo focalizouse tanto na hostalería que non soubo contestar cando foi preguntado expresamente sobre se a ampliación ata as 23 horas do toque de recollida e da apertura de restaurantes tamén implicaría que o comercio poida abrir ata máis tarde das 21.30 horas a que quedou limitado o 17 de febreiro. “Non teño a resposta neste momento”, contestou, remitindo a posteriores aclaracións da Xunta.
Residencias
Se ata agora as persoas usuarias de residencias de maiores só podían recibir visitas de dúas persoas de referencia, agora poderán recibir a visita de calquera persoa co único requisito de pedir cita previa. As persoas residentes poderán agora saír dos centros ata tres días á semana.