A Xunta disponse a publicar no Diario Oficial de Galicia [aquí podes consultalo xa] as mudanzas nas restricións pola COVID-19, que entrarán en vigor ás cero horas do luns, 12 de abril. Ademais dos cambios no nivel de restricións en varios concellos -Carballeda de Valdeorras súmase á Pobra do Caramiñal e ao Grove no nivel máximo-, a Consellería de Sanidade introducirá matices na obriga xeral de portar máscara. Faino tras a corrección, no seo do Consello Interterritorial de Saúde, da normativa estatal xeral que, segundo a redacción definitiva da lei da nova normalidade, implicaba ter que mantela posta en todo momento en espazos como as praias, aínda que houbese distancia de seguridade.
A norma galega seguirá sendo máis dura que a estatal coa obriga de levar máscara para o deporte na vía pública por onde transite a xente, pero a Xunta introduce a excepción para o "deporte individual en espazos ao aire libre" con distancia de seguridade
Na liña do anunciado, a intención da Xunta é que dende o vindeiro luns, en Galicia a norma de uso da máscara sexa máis restritiva que o obrigado na lei estatal. Así, adianta Sanidade que "deberá usarse máscara na práctica de deporte nas vías públicas como rúas, avenidas, paseos, prazas e camiños de tránsito público" ou "outros lugares" de "circulación habitual de viandantes e polos que circulen de feito nese momento". Ademais, tamén a mantén nas actividades "que supoñan un esforzo físico de carácter non deportivo equiparable a este", unha das exencións na lei xeral.
Ademais da que agora é excepción en todo o Estado -praias, piscinas e lugares semellantes "mentres se permaneza nun espazo determinado" e con distancia e durante o baño-, o Goberno galego só concede outra. "A obriga de uso de máscara non será esixible no caso de deporte individual en espazos ao aire libre", só "durante a realización da práctica deportiva" e cando "a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar" permita estar a un mínimo dun metro e medio doutras persoas. Tamén seguen sen cambios as excepcións para fumar ou comer pola rúa, sen moverse e con distancia doutras persoas. [Interactivo: mapa de restricións por concellos vixente dende o 12 de abril]
146 casos novos mentres segue a estabilidade xeral
O Goberno galego introduce estas variacións na normativa de uso da máscara mentres os datos fornecidos polo Sergas seguen apuntando a unha estabilidade xeral dos principais indicadores epidemiolóxicos. Sanidade sumou este venres 146 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. Deles, 122 son diagnósticos mediante PCR. Nos últimos sete días, a media diaria de diagnósticos mediante este tipo de test, o máis habitual, segue trazando unha liña practicamente horizontal, na contorna dos 110.
A incidencia da COVID-19 a 14 días rolda os 68 casos novos por cada cen mil habitantes para o conxunto de Galicia e o indicador a 7 días sitúase arredor dos 32
Neste contexto, os indicadores de incidencia acumulada tanto a sete como a catorce días mantéñense igualmente estancados, alén de mínimas variacións á alza ou á baixa en días puntuais. Cos datos do último día completo dispoñible (o xoves, 7 de abril), o indicador a 14 días rolda os 68 casos novos por cada cen mil habitantes e o dato a sete días sitúase en 32. O feito de que a incidencia acumulada a sete días sexa un chisco inferior á metade do dato a 14 indica unha tendencia moi lixeiramente descendente.
Tamén segue estable, en liñas xerais, o número de concellos sen novos casos detectados. É o que sucede nos últimos catorce días en 144 municipios (-2). En ata 188 (-2), non houbo casos novos rexistrados nos últimos sete días. Como en días anteriores, concellos das Rías Baixas e do Barbanza concentran boa parte dos municipios con maiores incidencias acumuladas. Tamén sucede, pero en menor medida, en puntos da provincia da Coruña e do sur de Lugo, e en concellos puntuais de Ourense. Así se reflicte no novo mapa de restricións, que podes consultar nesta ligazón.
Neste contexto e ao contrario que na pasada semana -condicionada polas xornadas festivas da Semana Santa-, por segunda xornada consecutiva destaca tamén o descenso no número de pacientes con test positivo da COVID-19 que están ingresados nos hospitais galegos. Agora son 167, 6 menos que un día antes e 45 menos que o mesmo día da xornada anterior. 28 deles están na UCI, dous menos que un día antes. [Podes consultar aquí a serie completa de datos de hospitalización]. Ao tempo, os datos do Sergas incorporan catro novos falecementos -ningún deles das vinte e catro horas previas- e o total chega a 2.367 mortes de persoas que contraeran o coronavirus.
33.000 doses máis de vacinas e 20% da poboación con polo menos unha
Mentres se rexistran estes datos, continúa o proceso de vacinación, marcado esta semana polo incremento no número de doses recibidas e, en liña con isto, a administración mediante puntos de vacinación masiva. Segundo os datos actualizados este venres polo Ministerio de Sanidade, correspondentes ao xoves, o Sergas puxo 33.029 vacinas nesa xornada -a primeira coa suspensión da vacina de AstraZeneca para poboación menor de 60 anos-. Con este novo avance, o 20% da poboación do país ten posta cando menos unha dose (472.331 persoas) e 185.443 persoas, algo menos do 8% da poboación, xa ten a pauta completa (dúas doses).
A porcentaxe da poboación galega de 70 a 79 anos que xa recibiu unha dose pasa do 1,9% ao 11% en vinte e catro horas
Con estes datos, en Galicia foron administradas ata o xoves o 83,6% das doses recibidas (algo menos de dous puntos por baixo da media do Estado). Entre a poboación maior de 80 anos, o 91,4% xa recibiu polo menos unha dose -exactamente a mesma porcentaxe que na media estatal-. Nesta xornada destaca, tamén, o incremento da porcentaxe de poboación de entre 70 e 79 anos á que lle foi administrada unha dose de vacina, pasando do 1,9% ao 11% en vinte e catro horas.
Durante a fin de semana, o Sergas ten previsto administrar unhas 52.000 doses, segundo informou a Consellería de Sanidade este venres. Unhas 27.000 persoas están citadas para poñer a vacina de Pfizer-BioNTech e arredord e 25.000, a de AstraZeneca.