Fin do veto ás reunións de non conviventes nas casas mentres a incidencia da COVID segue estable en Galicia

Cribado da COVID-19 no Irixo e mapas de incidencia e de restricións dende o 8 de abril CC-BY-NC-SA Foto: Concello do Irixo | Montaxe: Praza Pública

Dende as 00:00 do sábado, 10 de abril, a Xunta volverá permitir as reunións sociais entre persoas non conviventes no interior dos domicilios e demais espazos privados. O veto quedará levantado catro días despois da fin das normas "de obrigado cumprimento" pactadas polo Goberno de España e as comunidades autónomas para a ponte de San Xosé e mais para a Semana Santa. O Executivo galego decidiu aplicalas tamén do 22 ao 25 de marzo e do 7 ao 9 de abril, malia non estar obrigado a facelo.

Dende esa xornada, poderán reunirse ata 4 non conviventes nos domicilios, suma na que tamén contan as persoas residentes na casa cando se xunta con elas alguén de fóra. En espazos exteriores, o máximo permitido para estes encontros sociais queda en 6 persoas.

A norma xeral para as reunións sociais pasa a ser de ata 4 non conviventes en espazos pechados e 6, ao aire libre

Esta será unha das principais novidades nun marco xeral de medidas contra a pandemia no que antes, dende as 00:00 do xoves, 8 de abril -vinte e catro horas antes do anunciado inicialmente-, varía tamén o nivel de restricións en varios concellos galegos. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmaba este mércores en rolda de prensa o avanzado horas antes polo seu departamento ao abeiro do comité clínico: A Pobra do Caramiñal e O Grove pasan a ser os únicos concellos en nivel máximo de restricións -con peche perimetral, clausura da hostalería e veto ás reunións entre non conviventes, entre outras medidas- e outros 17 concellos sitúanse nos niveis alto ou medio. 

Mentres, dende este xoves en diante reláxanse as medidas en varios municipios. Entre eles, destaca o paso a nivel baixo da cidade da Coruña.

Sen mudanzas previstas no toque de recollida (de 22h a 6h) nin nas normas de capacidade dos locais comerciais ou eventos públicos, Comesaña si adianta que a correspondentes publicacións no Diario Oficial de Galicia tamén axustarán as normas para as viaxes en vehículos privados, que nas últimas semanas propiciaron sancións en varios lugares do país por mor da prohibición de compartir coche entre persoas que non convivan. De agora en diante, volverá estar vixente o permiso para viaxar -portando máscara- con persoas non conviventes no mesmo coche. Outras normas, como posibles mudanzas no uso da máscara ao aire libre, dependerán do decidido no seo do Consello Interterritorial de Saúde (órgano que xunta ás autonomías co Ministerio de Sanidade). 

Mudanzas locais, pero estabilidade xeral na incidencia

O Sergas suma 181 casos novos nun contexto de incidencias acumuladas practicamente planas tanto a 7 como a 14 días

Mentres poñen cada vez máis focos e tamén esforzos do persoal da sanidade pública no proceso de vacinación, dende a Consellería de Sanidade e o comité clínico que a asesora constatan que, alén das variacións puntuais de días concretos, a tendencia xeral da pandemia en Galicia segue sendo, ao contrario que noutros puntos do Estado e de Europa, de estabilidade nos principais indicadores epidemiolóxicos. Atendendo aos datos do último día completo dispoñible (o luns, día 5), a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 7 días rolda os 34 casos e a 14 días, os 68. Ambas taxas experimentan lixeirísimos ascensos e o feito de que a incidencia a unha semana sexa a metade da incidencia a dúas semanas evidencia esa estabilidade ou estancamento.

A fin do descenso, mais tamén a ausencia polo momento dunha repunta significativa -sempre en termos de datos globais para toda Galicia- obsérvase tamén na evolución semanal da coñecida como razón de taxas, isto é, a comparación das incidencias acumuladas a 7 e 14 días cos mesmos indicadores do mesmo día da semana anterior. Esta variable indica que a incidencia aumenta cando o resultado da división está por riba de 1 e que diminúe cando está por baixo. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, dende finais de marzo, as razóns de taxas amosan que tanto a 7 como a 14 días, as incidencias da COVID alternan lixeiras subas con lixeiras baixas, sen mudanzas de tendencias relevantes ata o momento.

Todo isto sucede nunha xornada na que o Sergas engade 181 casos novos do coronavirus ao seu cómputo, os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. Deles, 143 son diagnósticos mediante probas PCR. Nun contexto no que estes rexistros seguen a normalizarse tras o efecto da recente ponte festiva da Semana Santa, a tendencia a sete días dos casos novos e dos novos diagnósticos segue sendo, igualmente, de estabilidade.

Nas áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra-O Salnés, as incidencias a 14 días si son ascendentes

A propia Consellería de Sanidade evidencia que, tal e como amosan os datos, a situación non é homoxénea en todo o país e as tendencias máis claramente ascendentes na incidencia acumulada a 14 días son as das áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra-O Salnés. Na área sanitaria pontevedresa sitúase un dos concellos que pasa a nivel máximo de restricións, O Grove. Noutras áreas, os focos de incidencias máis altas son máis puntuais. É o caso da Pobra do Caramiñal, na área sanitaria de Santiago-Barbanza, en cuxa comarca, non obstante, tamén se aprecian ascensos de incidencia nas últimas xornadas.

Alén deses empeoramentos ou melloras en concellos ou comarcas concretas, os números xerais do mapa mantéñense igualmente estables, con 139 (-3) concellos que non rexistraron casos novos nas últimas dúas semanas e 188 (-1) libres da COVID-19 nos últimos sete días. Sanidade tamén constata que o estancamento é a tónica dominante nas sete principais cidades; nelas, non obstante, consolídase a tendencia que se viña observando nos últimos días e Vigo pasa a rexistrar a maior incidencia a 14 días, superando por pouco a da Coruña (121 fronte a 119). As incidencias máis moderadas continúan sendo as de Lugo, Ferrol e Ourense.

Outra volta, menos de 200 hospitalizacións

As cifras de test PCR procesados -algo máis de 5.000 no último día con datos completos- vanse normalizando tras os días festivos e o mesmo sucede, como era previsible, cos indicadores de hospitalización. Tras varias xornadas por riba, a actualización publicada este mércores (pechada ás seis da tarde do martes) volve deixar o total de pacientes nos hospitais galegos con test positivo da COVID-19 por baixo dos 200. Son, concretamente, 188, nove menos que o mesmo día da semana anterior. Estas cifras rexístranse despois de que, como é frecuente, nos días festivos os hospitais tramitasen menos altas do que é habitual. Os pacientes co coronavirus que precisan atención na UCI son agora 27, seis menos.

Mentres todo isto sucede, o Sergas tamén continúa notificando falecementos de persoas que contraeran a doenza. O cómputo oficial incorpora este mércores 3 mortes e o total chega xa ás 2.360. Nos últimos sete días con datos completos, Galicia rexistra unha media diaria de algo máis de 2 mortes de persoas que contraeran o coronavirus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.