Dende o 19 de xullo de 2020, unha semana despois das eleccións galegas, a Xunta aplica a obriga xeral de uso de máscara fronte ao coronavirus aínda que sexa posible gardar distancia de seguridade con outras persoas, mesmo ao aire libre e sen distincións entre espazos rurais e urbanos. Nestes meses, nesa obriga xeral só foron matizadas algunhas excepcións -caso dalgunhas prácticas deportivas-, en ocasións para flexibilizalas e noutras, para endurecelas.
A primeira versión da norma fixaba a obriga de uso de máscara cando non se puidese gardar a distancia de seguridade, pero a Xunta estendeuna mesmo nese caso. Agora, tras as emendas aprobadas no Senado, o endurecemento incorpórase á lexislación estatal
Naquela altura, a decisión do Goberno galego supuxo ir alén do esixido nas regras estipuladas polo Goberno de España no seu plan para a chamada nova normalidade, no que a máscara era obrigatoria sempre e cando non puidese manterse a distancia de seguridade (inicialmente, de 2 metros e despois, de metro e medio). "Todos os expertos coinciden en que o uso xeneralizado de máscaras está a amosarse como unha das medidas máis eficaces para evitar a transmisión do virus", defendera Alberto Núñez Feijóo para a aprobación da medida.
As normas estatais da nova normalidade ficaran plasmadas en xuño de 2020 nun Real Decreto-Lei que, como tal, tivo que ser referendado polo Congreso dos Deputados. Nese punto, o Goberno de España logrou unha ampla maioría absoluta aceptando, entre outras medidas, que fose tramitado como un proxecto de lei, proceso que permite un debate máis prolongado e a introdución de emendas. E foi nese proceso de emendas, concretamente nas engadidas no Senado, no que a obriga xeral de uso de máscara que segue rexendo en Galicia e noutras autonomías pasou a incorporarse á lexislación estatal, tal e como reflicte o Boletín Oficial do Estado deste 30 de marzo de 2021.
O texto orixinal estipulaba a obriga de usar máscara "na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público", pero "sempre que non resulte posible garantir o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal de, cando menos, 1,5 metros". Pero na súa tramitación no Senado, tal e como quedou reflectido no Boletín Oficial das Cortes, cando menos dous grupos (PSOE e Ciudadanos) defenderon mediante emendas manter a obriga xeral da máscara, con independencia da distancia interpersoal.
A modificación, coa redacción promovida polo PSOE, pasou o filtro do Senado por folgada maioría (144 a prol, 99 en contra e 12 abstencións). A continuación, quedou ratificada no Congreso xunto con outras emendas, igualmente nunha ampla votación favorable (199 a prol, 91 en contra, 57 abstencións). E así chegou ao BOE.
Ata agora, a norma galega veu fixando excepcións como a permanencia en praias e piscinas sen moverse ou algunhas prácticas deportivas, entre outras
Segundo o artigo 6 do texto legal que estará en vigor dende este 31 de marzo de 2021, en todo o Estado segue sendo obrigatorio o uso de máscara para toda a poboación de 6 ou máis anos "na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público", sen a excepción da distancia de seguridade. Tamén nos medios de transporte público, agás nos camarotes dos barcos ou en vehículos privados nos que viaxen persoas conviventes.
O apartado das excepcións mantén a exención para persoas en situación de discapacidade ou dependencia que "non dispoñan de autonomía para quitar a máscara" ou a poboación con enfermidades incompatibles co seu uso. "Tampouco será esixible no caso de exercicios de deporte individual ao aire libre" ou en "supostos de forza maior".
Ademais destas. na normativa da Xunta consolidada a 29 de marzo de 2021 detállanse como excepcións, ademais dalgunhas prácticas deportivas, as "praias e piscinas, durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse. Todo, sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal". Especifica tamén as normas para locais hostaleiros e outras situacións.
O Goberno de España admite que a norma nace desfasada e ábrese a incorporar mudanzas decontado
Malia levar meses en tramitación e semanas con estas emendas xa aprobadas, a publicación definitiva da norma no BOE suscitou ampla polémica política e mediática. Neste contexto, tras o Consello de Ministros, segundo transcendeu, o Goberno de España admitiu que, tras meses de percorrido parlamentario, a norma nace desfasada, polo que está aberto a modular e variar os termos da norma en coordinación coas comunidades autónomas. Así, segundo informa eldiario.es, o Executivo especificou que o Consello Interterritorial de Saúde revisará os posibles desfasamentos que arrastre esta norma polo tempo transcorrido ao tramitarse e as novas evidencias a respecto dos contaxios.
Tras a publicación da nova redacción da norma, a Xunta foi cuestionada ao respecto e só manifestou discordancia por non recibir unha comunicación previa máis ampla antes da aprobación definitiva. A respecto do contido, en rolda de prensa tras a reunión do comité clínico, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, expresou o seu acordo cun precepto que non muda o groso do xa vixente en Galicia.