A máscara de protección pasa a a ser obrigatoria en Galicia en todo momento para axudar a previr posibles contaxios do coronavirus. Así o decidiu o Consello da Xunta este venres, seguindo os pasos doutra comunidades autónomas que nos útimos días foron aprobando medidas semellantes, como Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra, A Rioxa, Aragón, Cataluña, Baleares, Murcia, Estremadura ou Andalucía.
A máscara de protección deberá levarse en todo momento sempre que se poida concorrer con outras persoas, tamén ao aire libre e mesmo se podemos manter a distancia mínima de seguridade de metro e medio
Este elemento deberá levarse en todo momento sempre que se poida concorrer con outras persoas, tanto en espazos pechados (onde xa era obrigatorio na maior parte dos lugares) coma ao aire libre. E o seu uso será obrigatorio mesmo se podemos manter a distancia mínima de seguridade de metro e medio.
Só haberá algunhas excepcións para aquelas persoas que teñan problemas respiratorios, para as persoas que vivan xuntas, nos establecementos de hostalería no momento de consumir, e á hora de practicar exercicio ao aire libre, sempre que este sexa individual e non se estea xunto a outras persoas non convivintes. Así mesmo, non será obrigatoria nas praias e piscinas "durante o baño ou cando se permaneza sen desprazarse", polo que si haberá que levala ao camiñar pola praia.
Núñez Feijóo subliñou que "os dous grandes problemas" do coronavirus nestes momentos son "os casos importados e o ocio nocturno"
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo destacou que “todos os expertos coinciden en que o uso xeneralizado de máscaras está a amosarse como unha das medidas máis eficaces para evitar a transmisión do virus”. Núñez Feijóo subliñou a importancia de empregar a máscara "neste tempo, no que vai haber circulación do virus". "Non só en casos autóctonos, que tamén, senón en casos importados", engadiu. "Xa veremos durante canto tempo debemos insistir no uso da máscara", sinalou.
O Consello da Xunta deste venres autorizou unha nova adquisición de material para a loita contra o coronavirus por valor de 6,3 millóns de euros. Entre estes materiais atópanse preto de 4 millóns de máscaras cirúrxicas, 130.000 máscaras FFP2/FFP3, arredor de 20 millóns de luvas de exame de nitrilo e vinilo ou 25.000 pantallas de protección facial.
O perigo do ocio nocturno e das festas nas casas
Núñez Feijóo recomendou "a diminución das festas nas casas" e lembrou que "está prohibido o botellón"
O presidente da Xunta en funcións subliñou que "os dous grandes problemas" do coronavirus nestes momentos son "os casos importados e o ocio nocturno". Neste senso, lembrou, así mesmo, que está prohibido "o consumo de alcohol en xardíns: o botellón", estando unicamente permitido o seu consumo en terrazas. "O botellón sería nestes momentos un disparate, pois vai en contra de calquera plantexamento de uso da máscara", engadiu.
Así mesmo, Núñez Feijóo recomendou "a diminución das festas nas casas". "Sabemos que non podemos prohibilas, porque iso suporía atentar contra o dereito á reunión, así que imos recomendalo", indicou, sinalando que "non ten sentido que aquilo que non se permite facer nun local de hostalaría se faga nunha vivenda".