Trece novos casos de coronavirus en Galicia coa ollada posta nos brotes

Datos actualizados covid CC-BY-SA Praza Pública

A letra grosa da actualización da Xunta sobre a evolución da pandemia do coronavirus en Galicia di este venres, 17 de xullo, que o total de "positivos activos" descende en tres casos e queda en 224, mentres que as "curacións" son 16 máis e chegan ás 11.034. Non obstante, unha ollada máis detida permite calcular que, segundo eses mesmos datos, foron rexistrados 13 casos novos -cifra que o Sergas non ofrece directamente- nunha xornada na que as olladas seguen postas nos diversos brotes, a comezar polo da Mariña.

Tras as aclaracións sobre as discordancias dos datos e a actualización deste venres, o total acumulado de persoas afectadas polo brote da Mariña chegaría a 239, con 95 persoas xa de alta

Despois de que o propio departamento sanitario do Goberno galego dese en admitir que os casos do brote da Mariña son máis dos inicialmente comunicados a través de diversas notas da Consellería de Sanidade, este venres o Sergas actualizou cifras que apuntan a dous novos positivos nese abrollo. Deste xeito, tendo en conta catro novas altas, os "positivos activos" do brote da Mariña quedarían en 138 e as persoas "curadas", en 95.

Atendendo ás actualizacións a través de comunicados e ás posteriores aclaracións verbais, a cifra acumulada de persoas afectadas polo brote da Mariña sería de 239 -incluíndo as altas-. Mentres, indica a Consellería, as persoas en seguimento domiciliario na zona por teren contacto con persoas que deran positivo son 485, 39 menos que un día antes. [A Xunta liga a un erro nos datos das altas a publicación de menos positivos dos reais no brote da Mariña]

O brote da Mariña é o principal, mais non o único. A ausencia dunha base de datos pública, así como dunha serie aberta que permita consultar a evolución da pandemia en Galicia con criterios homoxéneos, provoca que sexa necesario atender aos datos divulgados dende cada área sanitaria, ás declaracións puntuais dende a Xunta e mesmo á información difundida dende concellos en particular para obter unha imaxe global. Este venres, alén da Mariña, séguense tamén con atención, cando menos, outros brotes en Betanzos e Vilalba.

En Betanzos o brote elévase ás 10 persoas e e en Vilalba polo momento afecta a 4, segundo a información ofrecida dende diversas fontes este venres

No caso de Betanzos, este venres coñecíase un novo positivo que elevaría a 10 as persoas afectadas por un brote que, segundo a Xunta, todo apunta a que tivo a súa orixe nun caso "importado" dende Catalunya. Mentres, en Vilalba, o Concello sinalaba este venres a través da súa alcaldesa, Elba Veleiro, que os casos detectados son xa 4. Non obstante, en declaracións da rexedora que recolle El Progreso, o goberno local traballa coa hipótese de que agromen máis casos, porque o Sergas segue a rastrexar contactos e a realizar probas para tentar dar por controlado un brote que tería a súa orixe nun xantar familiar.

Estes son os principais puntos de atención da pandemia nunha xornada na que, segundo o Sergas, o número de persoas hospitalizadas en Galicia con test positivo da covid-19 segue sendo de 7, unha delas na UCI. Mentres, as illadas a domicilio serían 217, 3 menos. A suma das devanditas 13 altas provoca que o número de "positivos activos" nas diferentes áreas sanitarias apenas se mova: son 5 menos na área de Santiago  e 1 menos na de Pontevedra, mentres as demais teñen os mesmos datos que o día anterior.

O Ministerio notifica dez novos diagnósticos en Galicia

Mentres,  o parte diario do Ministerio de Sanidade reflicte este venres un total de 10 novos diagnósticos para Galicia. Dado que o parte do Goberno central e o do Sergas son pechados a horas diferentes, os 13 novos casos da Xunta e os 10 que indica o Goberno central non son comparables en sentido estrito. Tampouco porque, ademais, algunhas das "curacións" que suma a Xunta son persoas que deron positivo en test de anticorpos pero sen síntomas e nunca foron "positivos activos", casos que o Ministerio non suma.

Esta actualización do Ministerio rebaixa notablemente o número de casos diagnosticados en Galicia nas últimas dúas semanas (59) e deixa os diagnósticos das últimas dúas semanas en territorio galego en 228. A situación en Galicia é peor que na fin do desconfinamento, pero é notablemente mellor que noutros territorios do Estado onde o avance dos brotes virou xa en rebrote da propia pandemia, caso de Catalunya ou Aragón, onde as autoridades xa teñen sobre a mesa a posibilidade de medidas de confinamento máis severo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.