A crise económica provocada pola pandemia da COVID-19 non está a ser igual que a que estoupou tras o crack financeiro de hai unha década, nin polas súas causas nin tampouco polas reaccións das principais institucións internacionais con responsabilidades na materia. Sendo isto certo, non o é menos que o coronavirus fixo saltar polos aires as finanzas públicas e privadas e, no caso do Estado español, o Ministerio de Facenda ten xa listas as primeiras grandes cifras do ano 2020, nas que destacan magnitudes como os os case 30.000 millóns de euros que a Seguridade Social foi abonando en prestacións ligadas á COVID, como os ERTE ou as baixas laborais.
As prestacións da Seguridade Social ligadas á pandemia, como os ERTE ou as baixas, sumaron case 30.000 millóns en 2020
O departamento de Facenda do Goberno de España debulla tamén o impacto da pandemia nas facendas autonómicas -con datos fornecidos polas propias comunidades. No caso de Galicia, destacan dous elementos: só en fondos sociais e sanitarios, o Goberno galego tivo que afrontar algo máis de 315 millóns de euros en gastos provocados pola pandemia en 2020, equivalente ao 0,54% do produto interior bruto (PIB). Nese contexto, tras anos facendo bandeira política do déficit cero -sempre máis ingresos que gastos-, o déficit regresou ás contas públicas galegas.
En termos de impacto sobre o PIB, o gasto sociosanitario extra provocado pola pandemia en Galicia é o segundo máis baixo do Estado
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, en termos de comparación co PIB total, o impacto do gasto social e sanitario extra da Xunta pola pandemia é o segundo máis baixo do Estado, só por tras de Aragón. Na banda contraria sitúanse comunidades autónomas que, entre outras diferenzas, sufriron a primeira vaga con moita máis intensidade. É o caso de Castilla-La Mancha, onde os gastos socio-sanitarios extra pola COVID-19 en 2020 equivalen a máis dun 1% do PIB. En Castilla y León roldou o 0,9% e en Catalunya, Extremadura ou Madrid, estes gastos extra supuxeron arredor do 0,8% do produto interior bruto.
Tras anos esgrimindo a bandeira política do déficit cero, a pandemia provocou que a Xunta rematase 2020 cun desequilibrio de 46 millóns entre ingresos e gastos
Neste contexto, a pandemia veu tamén quebrar o dogma do déficit cero, imposto nos anos da chamada austeridade, criticada por algúns gobernos mais eloxiada por outros, caso do galego. Así, segundo a información autonómica procesada polo Ministerio de Facenda, Galicia foi unha das oito comunidades autónomas que remataron 2020 con déficit a causa da pandemia.
Concretamente, o desequilibro entre ingresos e gastos foi de 46 millóns de euros. Atendendo a estes cálculos, sen o efecto da crise sanitaria, as contas da Xunta finalizarían 2020 con 269 millóns de euros en ingresos por riba do do total de gastos. Nove autonomías, non obstante, si finalizaron o exercicio con números verdes.
Sempre segundo os cálculos de Facenda, este déficit de 2020 equivale a arredor do 0,1% do produto interior bruto galego. Sen a crise sanitaria, estima, os resultados das contas públicas galegas no ano que vén de rematar serían positivos, cunha equivalencia de arredor do 0,5% do produto interior bruto.
Malia á renuncia de diversas partidas de ingresos pola vía dos impostos, o incremento de transferencias do Estado e da UE permitiron á Xunta elevar o seu Orzamento para 2021 ata niveis máximos na historia da autonomía
Todas estas cifras rexistráronse antes da entrada en vigor dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2021, nos que o incremento de transferencias do Estado e da UE permitiron elevar os limiares de gasto público ata os máximos niveis absolutos na historia da autonomía. Sanidade e gastos imprevistos foron as partidas que máis subiron neses primeiros orzamento do Goberno galego marcados pola COVID.
Este regreso á senda do déficit prodúcese tamén despois de anos en que o Executivo que encabeza Alberto Núñez Feijóo evidenciou a súa renuncia a substanciosos ingresos pola vía dos impostos. Así, por exemplo, o pasado setembro o propio presidente da Xunta resaltaba que as rebaixas de impostos que impulsara o ano anterior implicaran unhas perdas duns 111 millóns de euros en ingresos. Eses cartos que, defendeu Feijóo, quedaran "nos petos da familia", supuñan máis do dobre do déficit que, segundo constata agora Facenda, presentan as contas galegas en 2020 a causa da pandemia.