A Valedora do Pobo obriga a Educación a desvelar, tras unha petición de transparencia de Praza.gal, o reparto dos fondos, que van dos 600 euros do colexio de Ombre en Pontedeume aos 31.000 do Ponte dos Brozos en Arteixo
Entre as estratexias da Consellería de Educación para facer fronte ao impacto da pandemia da COVID-19 no ensino estivo o aumento das partidas que os centros educativos públicos reciben habitualmente para o seu funcionamento ordinario máis alá das obras ou dos salarios do seu persoal que asume a propia Xunta. Esa dotación extraordinaria para “gastos derivados da pandemia” foi publicitada en varias ocasións polo Goberno galego pero sen facilitar un detalle da mesma, que agora sae á luz despois de que a Valedora do Pobo obrigase a Educación a desvelar, tras unha petición de transparencia de Praza.gal, o que cada centro recibiu do total de 6,5 millóns de euros que destinou a ese fin.
A contestación da Xunta tres meses e medio despois e tras así esixirllo a Valedora do Pobo incumpriu varios preceptos da Lei de Transparencia
A diferenza dos fondos que dirixiu aos centros concertados, 7,3 millóns que incluían a posibilidade de que fosen destinados a aumentar horas de docencia coa contratación de máis persoal, no caso dos centros públicos, cuxo persoal foi reforzado pola propia Xunta onde así o considerou, os fondos extraordinarios dirixíronse fundamentalmente á adquisición de material.
Despois de que Educación publicase no DOG o 18 de novembro a distribución dos fondos a 227 centros concertados, dous días máis tarde este diario formulou unha petición oficial de transparencia á consellería para coñecer o detalle do reparto en cada centro educativo público. Malia que a lei dá á administración un mes de prazo para responder, a Xunta non contestou, como adoita ser habitual nela, e dous meses despois da solicitude formulouse unha reclamación formal ante a Comisión da Transparencia de Galicia, dirixida pola Valedora do Pobo.
Tras pedirlle explicacións á consellería, a Comisión da Transparencia obtivo como resposta de Educación “unha relación na que afirma que figuran os importes achegados a cada centro”, pero a continuación a Valedora reflicte que “o certo é que na relación que envía a Consellería figuran os centros, pero non a dotación económica desagregada”, algo que entende que omitira “por erro”. E, con data 24 de febreiro, reclama a Educación que facilite a información solicitada no prazo máximo de dez días hábiles.
Ao límite dese prazo, e sen cumprir co establecido na Lei de Transparencia que prima que os datos se faciliten en formatos abertos e reutilizables, Educación remitiu un listado en formato PDF de 25 páxinas cos “gastos de funcionamento Covid-19” desagregados para cada centro educativo público de Galicia. Tras converter esa información en datos abertos e reutilizables, este é o reparto dos fondos, que non sempre é proporcional ao número de alumnos e alumnas de cada centro.