O pasado xoves, o Consello da Xunta deu o seu visto e prace a unha orde de subvencións directas e extraordinarias dotada con 7,3 millóns de euros para que os centros educativos privados que reciben subvencións públicas, o ensino concertado, puidese "afrontar gastos de organización e funcionamento" no actual curso 2020-21 "derivados da COVID-19". Ao día seguinte, o venres 13, a orde quedou redactada e este mércores, día 18, o Diario Oficial de Galicia publica a distribución destes fondos, que chegan a 227 centros de ensino.
A subvención extraordinaria súmase á contemplada nos propios concertos educativos e está encamiñada a financiar contratacións adicionais de profesorado, mercar material e adaptar espazos ás restricións do coronavirus
Indica a Xunta que estas subvencións directas están xustificadas na necesidade destes centros de adaptárense ás medidas como as do protocolo da Consellería de Educación para a COVID-19, baseadas en que "sería practicamente imposible" que nenas e nenos "manteñan a distancia interpersoal de 1,5 metros" e na necesidade de que "poidan socializar e xogar entre eles". Tamén, agrega, a accións como a "semipresencialidade rotatoria", a instalación de anteparos ou "desdobramento de grupos".
"Todo isto -agrega- esixe un aumento de horas de docencia en función do alumnado" e "pode ser necesario adaptar espazos" ou "adquirir material adicional". "A necesidade de dar unha resposta adecuada ás dificultades que pode xerar no funcionamento dos centros docentes privados concertados a adopción destas medidas e a súa excepcionalidade", especifica a exposición de motivos da orde, "determina que sexa imprescindible" e "xustifica" estas subvencións directas e adicionais ás do propio concerto.
Este reparto baséase en dous criterios: "incremento de horas adicionais do profesorado" na ESO e "outros gastos extraordinarios para a adecuación de espazos educativos, a instalación de anteparos e separacións e a adquisición de material hixiénico-sanitario". As contías concretas, indica, son as "resultantes da análise efectuada pola inspección educativa" e contemplan tamén a "distribución de máscaras entre o alumnado matriculado en ensino obrigatorio" e ensinanzas de educación especial, cando teña "rendas baixas", "seguindo o procedemento e criterios que estableza a Consellería".
Dous colexios da Coruña, un de Santiago e outro de Ourense son os que reciben maiores cantidades desta subvención extraordinaria, que chega a 227 colexios concertados
As normas da subvención establecen que o Goberno galego vai achegar anticipadamente o importe do 100% das subvencións -antes da súa xustificación" para "poder levar a cabo as actuacións inherentes" a esta axuda, que se financia nunha parte cos Orzamentos Xerais de 2020 e outra, cos de 2021, que aínda comezarán a vindeira semana o seu trámite parlamentario. As subvencións son compatibles con outras axudas "para a mesma finalidade" sempre e cando non superen o custo xustificado. Malia térenas asignadas, os colexios que o consideren poderían renunciar a elas.
Como amosa a táboa interactiva sobre estas liñas, dous colexios da Coruña, o Fogar de Santa Margarida e o Liceo La Paz, son os que reciben maiores importes destas subvencións extraordinarias, con algo máis de 400.000 e 200.000 euros, respectivamente. Séguenos o colexio La Salle de Santiago e o colexio Santo Ángel de Ourense, ambos tamén por riba dos 200.000. En todos os casos, a subvención distribúese en dúas partes: contratación de profesorado e compra de material [o reparto completo pódese consultar nesta ligazón] e a suma final das achegas é de 7.250.011 euros.