As familias xa beneficiadas da axuda para material escolar non terán que facer nada, pero o resto deben formular unha solicitude condicionada a rendas inferiores a 6.000 euros por persoa ou determinados colectivos
A finais de agosto Goberno central e comunidades autónomas acordaron que todo o alumando maior de 6 anos debería levar máscara nas aulas durante o curso escolar que comezou nas seguintes semanas, o 10 de setembro en infantil, primaria e educación especial e nos seguintes días no resto. Dous meses máis tarde, e tras negarse inicialmente, este venres a Xunta publica no Diario Oficial de Galicia o procedemento e os criterios de distribución de máscaras entre o alumnado de primaria, secundaria obrigatoria e educación especial en centros públicos e concertados de Galicia.
As familias xa beneficiadas da axuda para material escolar non terán que facer nada para acceder ás máscaras, pero o resto deben formular unha solicitude condicionada a que a súa renda per cápita sexa inferior a 6.000 euros (límite para as axudas de material) ou que o alumnado estea matriculado en educación especial ou teña unha discapacidade igual ou superior ao 65 %. A Xunta dáse tres meses a partir de agora para tramitar o procedemento.
A propia Xunta argumenta no DOG que “a pandemia causada pola COVID-19 supón no presente curso 2020/21 un gran reto, ante a necesidade de cumprir cos obxectivos educativos e de sociabilidade necesarios para o desenvolvemento equitativo do alumnado, e facelo aplicando as medidas de prevención e control da COVID-19 para dispoñer de centros educativos seguros”. Para iso, di, distribuirá agora máscaras entre o alumando de “familias cunha renda per cápita igual ou inferior ao limiar de 6.000 euros, que foi o limiar de referencia no curso 2020/21 para ter dereito á axuda para adquirir material escolar”.
O resto de familias só poderán acceder ao reparto de máscaras se non foron beneficiadas da axuda para material “por diferentes circunstancias” pero cumpren igualmente o requisito de ter unha renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros ou o alumnado está matriculado en educación especial, ten unha discapacidade igual ou superior ao 65% ou está suxeito a tutela ou garda da Xunta (nese caso é a propia administracion a que o tramita).
“Corresponderalles aos centros docentes incluídos no ámbito desta orde tramitar as solicitudes e realizar os demais actos de xestión”, di a Xunta
O DOG especifica a documentación necesaria para formular a petición e sinala que “corresponderalles aos centros docentes incluídos no ámbito desta orde, a través da aplicación informática, tramitar as solicitudes e realizar os demais actos de xestión”, engadindo que “o prazo máximo para tramitar o procedemento será de tres meses” contados a partir deste mesmo venres. Transcorrido ese prazo sen resposta da administración, “a solicitude poderá entenderse desestimada por silencio administrativo negativo”.