A Valedora do Pobo apercibe ao Goberno galego por irregularidades na tramitación de peticións de transparencia que evidencian como o peso do sector asistencial privado en Galicia, ao que a lei prevé consultar, condiciona a súa actuación
Máis de tres meses despois de recibir unha petición expresa de transparencia, período no que deu varias respostas previas negativas ou incompletas e omitiu varios trámites legais, a Xunta decidirá agora se desvela ou non cantas persoas morreron con diagnóstico positivo por coronavirus en cada residencia de Galicia tras consultar aos centros privados por se afecta aos seus dereitos ou intereses. Un proceder contemplado na Lei de Transparencia que evidencia o peso do sector asistencial privado en Galicia ata o punto de que se a Xunta só desvelase os datos dos centros que son de titularidade pública estes só abarcarían a 4.600 prazas fronte ás 17.500 existentes en centros privados, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística.
A negativa da Xunta a facilitar o detalle de cantos falecementos se produciron en cada centro de maiores ou discapacidade de Galicia desde o comezo da pandemia vén traducíndose en todo tipo de respostas a similares peticións formais de transparencia que están a recibir diversos apercibimentos por parte da Comisión da Transparencia, o órgano dependente da Valedora do Pobo encargado de velar pola aplicación desa lei. Tras unha primeira petición formal en novembro de Praza.gal á Consellería de Sanidade esta respondeu amparándose nunha das excepcións que contempla a lei para non facilitar datos, a de que estes requirían dun proceso de reelaboración.
A Valedora considera que a información, "adquirida pola Consellería de Política Social no exercicio das súas funcións, debe considerarse que é pública, tendo o interesado dereito a que se lle proporcione"
Unha posterior petición idéntica á Consellería de Política Social, da que dependen os centros, foi respondida por ese departamento de xeito distinto ao de Sanidade, resolvendo “conceder o acceso á información” solicitada “por estar no ámbito de aplicación” das leis estatal e galega de transparencia e sen establecer ningún matiz ao respecto. Porén, a propia consellería de Política Social incumpriu a súa resolución e só facilitou o total de falecidos e non o detalle de “cada unha das residencias”, como sinalaba a petición que ela mesma aceptara.
Tras esa resposta formulouse unha reclamación ante a Comisión da Transparencia que xestiona a Valedora do Pobo que agora vén de ser estimada. Na súa resolución refírese tamén a unha terceira petición de transparencia doutra persoa que tamén reclamaba coñecer os falecementos “desagregados por centro” e que tamén tivo amparo por parte da Comisión da Transparencia fronte á Xunta ao estimar que “a información que se solicita é información adquirida pola Consellería de Política Social no exercicio das súas funcións, polo que debe considerarse que é información pública, tendo o interesado dereito a que se lle proporcione”.
A Xunta di que xa consultou ás residencias privadas o 8 de xaneiro, pero malia que estas tiñan 15 días para responder e ela mesma outros 10 días para resolver, mes e medio despois aínda non respondeu á petición de transparencia
A Comisión da Transparencia admite que a Xunta, como prevé a Lei de Transparencia, debe consultar previamente ás residencias privadas por se a información solicitada afecta aos seus “dereitos ou intereses”. Pero esa posibilidade contemplada na Lei de Transparencia non foi argumentada ata agora nas respostas formais que recibiu Praza.gal nin de Sanidade nin de Política Social, polo que agora a Comisión lembra á Xunta que “nos casos nos que se abra o trámite de audiencia, debe comunicárselle o mesmo ao solicitante [...], comunicación que neste caso non figura no expediente e que debeu facerse”. A Comisión da Transparencia considera que a resposta dada por Política Social facilitando só o dato total de mortes pero non o detalle por centro como ela mesma accedía a facer é incorrecta e debe “proceder á retroacción do expediente” para consultar antes ás residencias privadas.
A Comisión da Transparencia remata instando a Política Social “a que unha vez finalizado o trámite de audiencia [ás residencias privadas], no prazo máximo de 10 días hábiles, responda á petición de información solicitada” e lle remita a ela mesma unha copia. Segundo lle admite a propia Xunta á Comisión de Transparencia, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade xa notificou aos centros privados a apertura do trámite de audiencia de "15 días hábiles" con "data de 08/01/2021". Mes e medio despois Política Social aínda non emitiu a súa resolución.