O Goberno galego remite unha petición oficial de transparencia sobre o número de falecementos en cada centro á web na que só informa do global de mortes en Galicia, 1.191 ata este sábado
“A información vinculada á residencia das persoas falecidas en residencias ou centros sociosanitarios de maiores e dependencia de Galicia implica unha acción previa de reelaboración por parte desta Consellería de Sanidade”. Con ese argumento rexeita a consellería que dirixe Julio García Comesaña unha petición oficial de transparencia que lle reclamaba o número de falecidos con coronavirus en cada residencia de Galicia desde o comezo da pandemia.
A Lei de Transparencia contempla que as administracións poidan denegar peticións de información en varios supostos, entre eles o de que contestar requira reelaborar a información de que xa dispoña o departamento en cuestión facendo uso de diversas fontes de información. A esa excepción recorre Sanidade para rexeitar a petición que lle formulou Praza.gal para coñecer o número de falecidos en cada residencia, ao que a consellería responde remitindo á páxina web oficial do Sergas con datos da pandemia na que só se identifica o número total de falecementos en Galicia, 1.191 ata este sábado, dos que non se detalla a súa orixe máis alá das áreas sanitarias, sen indicar cantos vivían en residencias nin en cales.
A resposta oficial en aplicación da Lei de Transparencia que dá Sanidade é menos detallada que a que divulga a través das súas notas de prensa diarias, nas que dá a cifra global de falecidos en residencias, 506 persoas desde o comezo da pandemia
A información de falecementos totais por COVID-19 recollida na web da Xunta é incluso menos detallada que a que Sanidade divulga a diario a través das súas notas de prensa de balance da pandemia, nas que do total de falecementos identifica a cifra dos que se rexistraron por unha banda nas propias residencias e por outra tras ser as persoas trasladadas delas a hospitais ou residencias integradas. Segundo esas notas, a data deste sábado, do total de 1.191 falecementos foron 212 os rexistrados nas propias residencias e 294 en hospitais ou residencias integradas despois de que esas persoas fosen trasladadas desde as residencias nas que vivían. En total, desde o comezo da pandemia faleceron en Galicia 506 persoas que vivían en residencias.
Por outra banda, o argumento da necesidade de reelaborar os datos para responder á petición do número de falecementos en cada centro evidencia que Sanidade carece dese listado, datos que si foi facilitando nalgún caso a Consellería de Política Social, responsable directa dese tipo de centros.
O secretario xeral de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, é o responsable de asinar as denegacións de transparencia da consellería, cuxa política comunicativa contrasta coa doutras administracións
Á web oficial sobre o coronavirus tamén remitiu Sanidade a mediados de outubro en resposta a outra petición de transparencia anterior formulada por Praza.gal na que se requiría acceso a datos abertos sobre a pandemia, algo que esa páxina non permitía ata esta mesma semana malia así contemplalo a lei galega de transparencia. Praza.gal recorreu aquela resposta de Sanidade ante a Comisión da Transparencia de Galicia, competencia da Valedora do Pobo, e un mes máis tarde a web xa ofreceu datos abertos para libre descarga. Tanto aquela como a nova negativa a facilitar a información están asinadas polo secretario xeral técnico da Conselllería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada.
Foi o mesmo responsable que, en resposta a outra petición de transparencia formulada por unha asociación de pacientes, rexeitou facer público un pacto coa multinacional sanitaria americana Medtronic esgrimindo o respecto á súa propiedade intelectual malia que a propia empresa non puxo impedimentos para divulgalo. Fuentes Losada tamén foi o responsable, a comezos deste ano, dunha circular que intentou vetar a colocación en centros do Sergas de carteis críticos coa política sanitaria da Xunta.
Aos obstáculos ás peticións oficiais de transparencia que vén poñendo a Xunta hai que engadir a ocultación por parte do Goberno galego das listas de espera sanitarias do primeiro semestre deste 2020, as primeiras afectadas pola pandemia e que veñen de coñecerse a través do Ministerio de Sanidade máis de catro meses despois das datas habituais en que o Sergas adoitaba facelas públicas.
A política escurantista da Xunta en materia sanitaria prodúcese malia que a Comisión Europea advertiu aos gobernos rexionais que "deben garantir a transparencia da súa actividade" durante a crise do coronavirus e contrasta coa divulgación de moitos máis datos sobre a pandemia por parte da maioría do resto de comunidades autónomas.