"Os maiores que viven nunha residencia precisan falar e seren escoitados. Non son un coche ao que deixamos aparcados. Aumentando o ratio de persoal habería máis tempo para atendelos, pararse con eles e collelos da man... Non son pavos de engorde". Emocionada, Sonia Jalda, portavoz de Trega (Traballadores de Residencias de Galicia) puxo voz ás reivindicacións do persoal destes centros durante unha nova xornada na Comisión sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19 que se desenvolve no Parlamento.
Representantes dos traballadores e familiares e usuarias de residencias relataron as precarias condicións e as "carencias" dun modelo de residencias "desprezable"
Ela e Paulino Campos, presidente da Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE), trazaron un duro relato sobre as "carencias" e condicións precarias nas que, na súa opinión, viven moitas persoas nestes centros de maiores, agravadas polo coronavirus. Denunciaron o desleixo da Xunta e reclamaron un novo modelo fronte ao "desprezable" actual, máis e mellores inspeccións e máis persoal que permita unha mellor asistencia nunhas instalacións que, en moitos casos, "son un negocio máis que lucrativo" para moitas empresas que priorizan "o negocio puro e duro" fronte á "dignidade" dos maiores.
"As administracións públicas son os seus mellores clientes e gañan moito; comprendemos que o gañen, pero as normas e esixencias deben ser para todos iguais", engadiu Jalda en alusión a polémicas declaracións como as de Josefina Fernández, conselleira delegada de DomusVi, na mesma comisión.
"É a maior catástrofe humana en Galicia despois da guerra civil; moitos anciáns morreron en condicións miserables, abandonados á súa sorte"
Esta empresa foi unha das máis sinaladas por ambos comparecentes, que advertiron de que moitos anciáns "morreron en condicións miserables desde un punto de vista asistencial" na primeira vaga da pandemia. "Abandonados á súa sorte", dixo Campos, que alerta de que, en 15 días, as cifras de mortos nestes centros na segunda onda superará ás producidas entre marzo e o verán. "É a maior catástrofe humana en Galicia despois da guerra civil", insistiu tras anunciar a presentación de varias demandas por homicidio por imprudencia profesional grave por parte de varias familias nos vindeiros días contra empresas do sector e a propia Xunta.
Os representantes de Trega e REDE pintaron un panorama duro e escuro sobre a situación de moitas residencias privadas en Galicia logo de que "proliferasen nos últimos anos fondos voitre que compraron grandes operadoras para sacar o máximo beneficio co mínimo persoal, tarifas desorbitadas e calidade asistencial mínima".
"A pandemia fixo que se visibilizasen as carencias que arrastramos desde hai anos e das que xa avisamos", dixo Sonia Jalda, que non puido conter as bágoas en varios momentos ao relatar experiencias de persoal e persoas usuarias nalgúns centros. "Non se estaba preparado en marzo, pero tampouco na segunda onda", advirte quen asegura que se teñen creado "protocolos con calidade de certificado pagado" pero que "na práctica non supuxo que se fixese nada".
"A pandemia fixo que se visibilizasen as carencias de hai anos", denuncia Sonia Jalda, que advirte de que en moitos centros non se cumpren os protocolos COVID
"Non se aplican porque iso implica máis contratacións, pero tampouco se forma para traballar con EPIs ao persoal, nin este ten coñecemento dos circuítos", engade, tras denunciar que hai casos nos que se "rachan bolsas con roupa infectada con covid" ou nos que "non se respecta a segregación de traballadores" nas residencias para evitar contaxios.
"Ao non haber persoal de reforzo, os traballadores van dun lado para outro do centro, fanse mal as cousas e iso provoca contaxios masivos", insisitiu quen alertou dun "cambio a peor no servizo" das residencias desde 2012 ou de incumrpimentos dos convenios laborais e da calidade de servizo malia as reclamacións do persoal. "Levamos tempo manifestándonos cada quince días diante da sede de DomusVi en Vigo e non pasa nada", lembrou.
Trega e REDE sinalan a falta de inspeccións por parte da Xunta, "ou as que actúan de parte", como parte fundamental do problema no modelo de residencias
Así, Jalda denuncia a "constante vulneración de dereitos marcados no convenio" en moitas residencias: "non se abona ou se abona mal o plus de nocturnidade, realízanse traballos que non corresponden co categoría do persoal, cámbianse as carteleiras a capricho das xerencias ou fante traballar de 8 a 10 días seguidos sen librar". "Denúnciase pero non pasa nada, os problemas persisten e perpetúanse", di.
Por iso, tanto ela como Paulino Campos insistiron en incrementar e mellorar as inspeccións por parte da Xunta. "As non inspeccións ou as que actúan escandalosamente de parte son clave no problema deste desprezable modelo de residencias, onde prima o negocio puro e duro, os ingresos e a ganancia en detrimento do coidado e da dignidade dos maiores", dixo o presidente de REDE.
Jalda puxo o foco tamén na Xunta, por "ter a obriga e os medios para vixiar que se cumpra coa lexislación". "O sistema de inspeccións non funciona e a Administración di que sempre se cumpre todo ou nega a evidencia", denunciou aludindo ás múltiples eivas que, segundo di, o Goberno galego atopou nas residencias intervidas por brotes de coronavirus. "Ábrense expedientes que quedan no saco dos olvidos", engadiu.
"Prima o negocio puro e duro, os ingresos e a ganancia en detrimento do coidado e da dignidade dos maiores"
Precisamente, e case ao mesmo tempo, a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciaba o reforzo do sistema de inspeccións en todas as residencias sociosanitarias través dun "programa intensivo de auditorías". Advertiu de que se faría "nun prazo récord de 15 días" para comprobar que se está cumprindo cos protocolos e o establecemento de medidas para plantar cara ao virus e “minimizar ao máximo os riscos de que a covid-19 entre" nestes centros. Ademais, os cribados nestas instalacións pasarán a ser semanais e non cada quince días.
"Se nas residencias públicas hai camas ortopédicas e articuladas, por que na privada non? Se unhas teñen toma de osíxeno, por que as outras non? Se as públicas cumpren as presenzas contratando persoal para cubrir ausencias, por que noutras non?", preguntouse Jalda tamén, que insistiu xunto a Campos en pedir un urxente "cambio de modelo".
Política Social anunciou a posta en marcha dun "programa intensivo de auditorías" a través de inspeccións en todas as residencias de Galicia
Así, ambos reclamaron o aumento de persoal nas residencias ou a presenza física dun médico nas quendas de mañá e tarde. E Campos avogou por unha lei de residencias "moderna e rigorosa" que garanta uns ratios de traballadores "dignos".
"A Xunta nunca nos escoitou"
Tamén avogou pola vixilancia dun funcionario público que nos centros controle o cumprimento dos protocolos ou dos circuítos, maior participación das familias e dos traballadores ou a colaboración entre a sanidade pública e as residencias. "Agora existe certa interlocución pero antes non existía, eran dous mundos illados cando estes centros non teñen medios, nin persoal nin moitas veces ganas", asegurou.
"Galicia necesita saber que está a acontecer nas residencias e por que a falta de acción entre a primeira e a segunda vaga", insistiu quen cre que o verán era "o tempo para as solucións" e non para "pensamentos egoístas".
"As cousas non melloran, senón que empeoran. E ou non se sanciona ou non se fai o suficiente ou a algúns élles máis barato pagar a sanción que cumprir coa lexislación", rematou Jalda, coincidindo con Campos en sinalar o desleixo que sentiron por parte da Xunta: "Nunca nos escoitou".