O Consello da Xunta aprobou este 20 de novembro os Orzamentos Xerais para 2021. Ao contrario do que aconteceu en anos previos, o Goberno galego non os entrega ao Parlamento ao día seguinte, senón que agarda para facelo ata o vindeiro luns, día 23. Será daquela cando sexan públicas as contas públicas na súa totalidade, con todos os libros cos detalles dos gastos do Goberno galego para o vindeiro ano e mais coa súa lei de acompañamento, o controvertido mecanismo que a Xunta adoita empregar para modificar múltiplas normas dun golpe pola vía rápida. [A Xunta prevé exames distintos para aspirantes a unha mesma oposición]
A relaxación a nivel europeo das normas de austeridade pola pandemia permite á Xunta incrementar o gasto con máis fondos estatais e comunitarios mentres renuncia a máis ingresos vía impostos
Mentres iso non sucede, os únicos números que xa son públicos son os que a propia Xunta decidiu presentar este venres en rolda de prensa do presidente, Alberto Núñez Feijóo, e do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. Como xa avanzara o propio Goberno na aprobación do teito de gasto, o orzamento de 2021 medra e faino ata chegar, en termos absolutos -sen ter en conta o incremento do custo da vida nestes anos- ao maior montante da historia da autonomía, cun total de 11.563 millóns de euros de gasto non financeiro (suma que exclúe gastos como a débeda), un 13,9% máis.
A presentación das contas inclúe 686 millóns extra do Estado e 430 da UE
O Orzamento sobe en plena crise da COVID-19 e faino malia a que o Executivo xa evidenciou unha nova renuncia a incrementar os ingresos pola vía de calquera imposto con independencia do nivel de renda da cidadanía. Deste xeito, o Goberno galego pode contar con máis cartos, en última instancia, grazas á relaxación a nivel europeo das normas de contención do gasto por mor da pandemia. E así, como xa proxectara durante os traballos de elaboración das contas, pode disparar o gasto apoiándose nun incremento dos fondos chegados do Goberno de España e da Unión Europea, ademais de na débeda.
As partidas de sanidade e educación aumentarán, aínda que ambas por baixo do 14% que sobe o conxunto dos Orzamentos
Segundo as cifras feitas públicas ata agora, sen contar a débeda, a Xunta conta con dispoñer de ata 910 millóns de euros máis en 2021 malia ás caídas na previsión de ingresos por impostos indirectos (por exemplo, os ligados ao consumo coma o IVE) en máis de 300 millóns. A razón é que os Orzamentos traerán consigo 685 millóns extra da Administración Xeral do Estado e outros 430 millóns dos fondos comunitarios do programa REACT-EU. Alén disto, outros 685 millóns de débeda completan un montante total de 1.800 millóns "de ingresos extraordinarios", calcula o Goberno galego, que permitirán incrementar o gasto non financeiro nuns 1.400 millóns.
Á espera de coñecer os Orzamentos en detalle tras a súa entrega ao Parlamento e publicación para a cidadanía en xeral, a presentación divulgada pola Xunta este venres xa permite albiscar canto deste incremento irá parar á área que sempre absorbe máis fondos públicos e que na crise da COVID-19 é aínda máis sensible, a sanidade. Segundo o avanzado, as partidas sanitarias sumarán 4.582 millóns de euros, 475 máis que o ano anterior (cando foran orzamentados 4.107 que a pandemia obrigou a incrementar durante o ano).
Os fondos de sanidade e educación estarán xa, en termos absolutos, por riba dos consignados polo Goberno de PSdeG e BNG en 2009, aínda que esta partida e a sanitaria seguen sen recuperarse do recorte acumulado na década pasada
Mentres, as partidas educativas, indica, chegarán aos 2.631 millóns de euros, uns 166 millóns de euros máis que no ano previo e, por segunda vez con Feijóo na presidencia da Xunta, son máis que o destinado no derradeiro orzamento do Goberno de coalición de PSdeG e BNG no ano 2009. Ambas partidas, non obstante, aínda seguen sen recuperarse do recorte acumulado na década pasada e os seus incrementos (arredor dun 11% en sanidade e en torno a un 6% en educación) estarían, de confirmarse estas cifras, por baixo do 14% de suba total do orzamento. [A suba do orzamento da Xunta en sanidade e educación aínda non compensou 3.300 millóns de recorte acumulado]
A presentación divulgada tamén adianta unha suba duns 126 millóns de euros para "políticas sociais", aínda que cómpre agardar á publicación íntegra das contas para coñecer a súa concreación. Asegura ademais o Goberno que parte dos fondos europeos do programa REACT-EU (43 millóns) e outros 72 millóns de fondos propios, 115 en total, quedan reservados para o que a Xunta denomina "Fondo Consenso", destinado a financiar posibles proxectos pactados na comisión de reconstrución do Parlamento ou a atender recomendacións da Comisión de Expertos Económicos que o propio Goberno constituíu ao fío da pandemia.