O Goberno galego aumenta un 15% o seu teito de gasto “excepcional e irrepetible” para o próximo ano grazas a 1.800 millóns “extraordinarios” que espera obter fundamentalmente de fondos europeos
Con reproches constantes ao Goberno central polo seu atraso en comunicar ás comunidades autónomas con cantos fondos estatais e europeos contarán o ano próximo, este xoves Feijóo informou do teito de gasto non financeiro que terán os orzamentos da Xunta para 2021: 11.664 millóns de euros, un 14,9% máis que os 10.160 millóns deste 2020. A cifra supera por primeira vez os 11.426 millóns de gasto consignados nos últimos orzamentos aprobados polo bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño, os de 2009.
Segundo Feijóo, o aumento do teito de gasto será posible grazas a uns ingresos ordinarios de 9.864 millóns de euros aos que se poderán engadir “1.800 extraordinarios” procedentes dos diversos fondos creados para loitar contra o coronavirus e incentivar a reactivación económica. Serán uns recursos que o presidente asegura que a Xunta destinará de xeito prioritario “a investimento produtivo” e a “conter o desemprego” pero que serán excepcionais porque, dixo, un teito de gasto tan alto "non se vai volver repetir nos próximos exercicios". [A suba do orzamento da Xunta en sanidade e educación aínda non compensou 3.300 millóns de recorte acumulado]
“As nosas previsión de PIB e emprego non están maquilladas”, asegura Feijóo
As estimacións da Xunta sitúan a caída do Produto Interior Bruto (PIB) galego neste 2020 nun -9,7%, que rebotaría o ano próximo a un aumento do 8% con respecto a este. Canto ao desemprego, que segundo a última Enquisa de Poboación Activa (EPA) se sitúa no 11,8%, Feijóo augurou que rematará o ano no 12,3% e chegará en 2021 ao 12,9%, uns niveis que prognosticou que serán mellores en Galicia que no resto do Estado. Feijóo avalou esa afirmación asegurando que “as nosas previsión de PIB e emprego non están maquilladas”, como ao seu ver si o están as do Goberno central.