A poboación ocupada en Galicia volve a niveis anteriores á pandemia. Os novos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados este martes reflicten que o número de persoas con emprego no país no terceiro trimestre deste ano (1.082.600) situouse en cifras case exactas ás do primeiro trimestre (1.083.000), xusto antes de que a explosión do coronavirus provocase a declaración do estado de alarma, o confinamento domiciliario e o cesamento case total da actividade.
O número de persoas con emprego en Galicia no terceiro trimestre deste ano (1.082.600) situouse en cifras case exactas ás do primeiro trimestre (1.083.000)
As cifras indican, xa que logo, que o número de persoas con traballo en Galicia volve ser case o mesmo --só 400 persoas menos-- que no comezo de ano, o que non quere dicir que todas estean traballando nin que o fagan coa mesma xornada que antes.
A solicitude e aplicación dos ERTE de forza maior durante a primeira vaga da pandemia provocou a suspensión temporal de emprego para milleiros de persoas --máis de 230.000 en Galicia a finais do mes de abril-- con garantía de reincorporación posterior. Pero tamén a súa cualificación como ocupadas nas estatísticas laborais, ao manter a condición de traballador á espera de volver á actividade.
Estes expedientes de regulación temporal por forza maior, ao abeiro das medidas impulsadas polo Goberno central durante a pandemia, abranguen aínda hoxe unhas 20.000 persoas en Galicia, pendentes da reincorporación que xa afrontaron milleiros de traballadores pero tamén dun futuro laboral incerto que afecta ao mesmo tempo as ocupadas --moitas pendentes dunha posible volta a un ERTE-- e as paradas.
Os ERTE por forza maior abranguen aínda unhas 20.000 persoas en Galicia tras superar as 230.000 a finais de abril
Xa que logo, Galicia conta na actualidade con 1,08 millóns de persoas ocupadas, que son 32.200 máis que no segundo trimestre --os tres meses con maior impacto da pandemia e maior perda de emprego-- pero 23.000 menos que hai un ano. E conta, en resumo, coa mesma poboación ocupada que antes da chegada do coronavirus, á espera dun cuarto trimestre que xa adoita supor unha caída no emprego pero que este ano vén condicionado polas restricións e a crise provocada pola covid-19.
En canto ao paro, incrementou no terceiro trimestre en 2.300 persoas respecto ao trimestre anterior, ata un total de 144.800, e 1.300 máis que hai un ano, cunha taxa do 11,8%. O feito de que a cifra no segundo trimestre, o máis afectado pola pandemia, fose aínda mellor que no terceiro débese a que gran parte das persoas ocupadas ou que estaban en procura activa dun posto de traballo daquela pasaron directamente á inactividade, xa que o confinamento impediulles buscar emprego ou non estiveron dispoñibles para traballar por ter que permanecer na casa coidando das persoas dependentes da familia.
Así, e con respecto ao trimestre anterior, o número de persoas activas en Galicia aumentou en 34.500 persoas, mentres que a taxa de actividade medrou 1,5 puntos. Con todo, seguen a ser 21.800 menos que no mesmo trimestre do ano pasado.
Ademais, neste terceiro trimestre de 2020, o número de fogares galegos nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 3.900 unidades e sitúase en 53.200 fogares, un 6,2% máis que hai un ano.
Pola súa banda, o número de fogares con todos os seus membros activos ocupados aumenta en 2.800 unidades, ata 607.800. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 9.700 fogares menos nesta situación, o que supón unha diminución do 1,6% en termos relativos.