Ter un emprego hai tempo que non é garantía de evitar vivir na pobreza. O fenómeno dos e das traballadoras pobres vén medrando nos últimos anos, en paralelo co aumento da precariedade laboral. Postos de traballo cada vez peor retribuídos, con contratos a media xornada e unha gran temporalidade que fan que a persoa que os ocupa non chegue aos ingresos mínimos para vivir con dignidade.
Precariecade, parcialidade e temporalidade definen o mercado laboral, vulnerando "o dereito a un traballo digno", di Cáritas
A Fundación Foessa vén de publicar, en colaboración con Cáritas, o informe Vulneración de dereitos: Traballo decente, que analiza os efectos da precariedade, a temporalidade e a indeguridade no emprego, que definen unha parte importante do mercado laboral español. O informe destaca que máis dun terzo dos traballadores e traballadoras non se atopan "dentro da norma social de emprego", é dicir; que non traballan as horas que lles gustaría nin durante os períodos de tempo que querería, "vendo claramente vulnerado o seu dereito a un traballo digno".
O documento achega datos galegos, sinalando que ao redor do 12,5% das persoas que en Galicia teñen un emprego se atopan en situación de "pobreza relativa", o que representa unhas 130.000 persoas. Ademais, un 2,2% dos traballadores e traballadoras sofren situacións de "pobreza severa".
Case a metade das persoas que traballan a tempo parcial quererían ter un contrato por máis horas
Unha das razóns está nos baixos salarios derivados de contratacións a tempo parcial ou por horas, situación na que se atopa o 13% dos traballadores e traballadoras en Galicia. Case a metade (o 46,2%) traballan a tempo parcial de forma "indesexada". É dicir, quererían traballar a tempo completo, pero non atopan un emprego destas características, ou outras ocupacións (como o coidado de persoas dependentes) non lles permiten acceder a un traballo asalariado a tempo completo.
O informe chama tamén a atención sobre a temporalidade que segue dominando o mercado laboral español, cunha maioría de contratos temporais (unha gran parte de moi curta duración) e menos dun 10% de contratos indefinidos.
A consecuencia é que en Galicia no 13,6% dos fogares o seu "sustentador principal" atópase nunha situación de Inestabilidade Laboral Grave (ILG). É dicir, que ou estivo no paro 3 meses ou máis durante o último ano, ou ben tivo 6 ou máis contratos, ou ben estivo contratado por 3 ou máis empresas ou traballou sen contrato nin prestacións á Seguridade Social. Ese 13,6% representan ao redor de 368.000 fogares en Galicia que sofren importantes dificultades económicas.
Ao redor de 368.000 fogares en Galicia que sofren importantes dificultades económicas
Case a metade deses fogares (o 46%) non pode afrontar gastos imprevistos e unha porcentaxe semellante tivo que pedir cartos a amizades e familia. Case un de cada cinco (o 19,4%) sufriu ameazas de cortes de subministros e case un de cada catro (o 23,4%) non ten cartos suficientes para pagar gastos relacionados coa vivenda (hipoteca, alugueiro, subministros…). De igual xeito, o 6,5% deses fogares tivo dificultades para mercar o material escolar dos seus fillos e fillas. Entre eses fogares nunha situación de Inestabilidade Laboral Grave (ILG), o 24,5% non reciben ningún tipo de axuda ou prestación que compense os seus reducidos ingresos laborais.
Cáritas denuncia que hai un elevado número de persoas "que a pesar de madrugar a diario e dedicar gran parte do seu tempo e enerxías a cumprir no seu emprego, seguen vendo vulnerado o seu dereito a cubrir as necesidades básicas propias e das súas familias"
Cáritas conclúe que nos atopamos "ante un mercado laboral e unha concepción do traballo que non é capaz de asegurar a unha elevada porcentaxe de poboación ocupada o dereito a un traballo decente" e que, como consecuencia, "ve vulnerado o seu dereito á vivenda e a outras necesidades básicas, sen que os sistemas de protección do Estado de benestar estean a reaccionar coa flexibilidade e a adaptación que a realidade require".
A entidade denuncia que no conxunto do Estado español "hai case 2,5 millóns de traballadores pobres que a pesar de estar empregados non logran abandonar situacións de pobreza relativa". É dicir, un elevado número de persoas "que a pesar de madrugar a diario e dedicar gran parte do seu tempo e enerxías a cumprir no seu emprego, seguen vendo vulnerado o seu dereito a cubrir as necesidades básicas propias e das súas familias".
Xa o pasado ano Cáritas alertaba da existencia de amplos sectores da poboación que se movían "no gume da navalla"
Os últimos indicadores de pobreza e exclusión social, correspondentes aos meses anteriores ao inicio da pandemia de coronavirus, xa sinalaban que a taxa de pobreza estaba a aumentar en Galicia, atinxindo o 24% da poboación. A crise económica xerada pola epidemia está a afectar especialmente á mocidade e ás persoas con contratos temporais (nomeadamente a aquelas persoas que traballan no sector servizos), empurrando á pobreza a milleiros de familias vulnerables en Galicia, como alertaba no mes de maio a ONG Igaxes.
Xa o pasado ano Cáritas alertaba da existencia de amplos sectores da poboación que se movían "no gume da navalla", coa posibilidade de que "unha eventual acudida, nunha nova crise" rachase o seu sostén económico. Cáritas subliñaba que o 42% dos galegos e galegas formaban parte da 'sociedade insegura', o que convertía a Galicia na comunidade autónoma con máis persoas "na antesala da exclusión".