Os froitos da reforma laboral: traballadores pobres e parados ao límite da exclusión

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

"Nin rematou coa dualidade na contratación, nin xerou emprego, nin axudou a mellorar os índices de desemprego nin achegou nada á competitividade e á produtividade das empresas, -como prometían aqueles que a defenderon- e aínda a defenden a pesar do seu demostrado fracaso". Así de contundente se mostra UGT-Galicia, que vén de presentar un novo informe sobra as consecuencias da reforma laboral aprobada polo goberno do PP en 2012. 

A análise dos datos revela, segundo UGT, que a reforma laboral "nin xerou emprego, nin reduciu o paro" pero si aumentou a precariedade e temporalidade

O documento, Catro anos de reforma laboral: desigualdade e pobreza, céntrase en datos estatísticos que, segundo aclara o sindicato, demostran que a reforma "nin xerou emprego, nin reduciu o paro e o que si fixo foi incidir nun empeoramento da calidade do emprego e do propio desemprego".  "A reforma laboral creou un novo status de pobreza para os traballadores e sitúa ao límite da exclusión aos desempregados", resume. 

Atendendo á EPA, o emprego descendeu en 47.900 persoas (-4,4%) entre o cuarto trimestre de 2011 e o último de 2015 e a temporalidade continúa por riba do 25%, ademais de medrar a parcialidade (ata alcanzar o 13,7%) e a parcialidade involuntaria, que case chega ao 70%. 

A análise de UGT-Galicia repara que a reforma laboral foi especialmente negativa entre os mozos menores de 25 anos e os maiores de 55, con "efectos devastadores" derivados do "denánimo". A taxa de paro entre os máis novos sitúase no 42,5% a finais de 2015 -catro puntos máis que antes da reforma- e do 13,6% nos máis veteranos, 1,5 puntos máis. 

Nos catro anos de aplicación da reforma laboral, Galicia perdeu 65.000 persoas activas e acumulou 16.200 inactivas máis

Ao tempo, en catro anos o mercado laboral galego perdeu 65.000 persoas activas e acumulou 16.200 inactivas máis, cunha taxa de actividade que apenas supera o 53%. Ademais, o desemprego alóngase e faise de longa duración, con "situacións límite para moitas persoas e familias, incluso ao borde da exclusión social e pobreza". Así, a porcentaxe de parados con máis de dous anos sen traballo supera o 45%, case 20 puntos máis que antes da reforma laboral. 

 

Máis temporalidade e máis precariedade

Nin que falar da temporalidade e da precariedade. No mesmo período analizado, a contratación temporal medrou nun 31,6% e no pasado ano, o 92,6% dos contratos asinados foron nesta modalidade. Ademais, son moitos -demasiados- os contratos que se fan para un máximo de sete días. No pasado mes de marzo o 34,2%, cando hai uns catro anos a porcentaxe roldaba o 21%. 

O auxe destes contratos a xornada parcial "foi un dos grandes obxectivos cumpridos pola reforma laboral"

Ademais, tal e como destaca UGT, o auxe destes contratos a xornada parcial "foi un dos grandes obxectivos cumpridos pola reforma laboral". Así, o número deles medrou un 54,2% dende a reforma, 34 puntos máis que a contratación a tempo completo.

Por outra banda, outra das máis graves consecuencias tanto da reforma laboral como de posteriores normativas do Executivo de Rajoy foi a cobertura dos parados. A causa, como di o informe, é o "endurecemento das condicións de acceso ao sistema de prestacións", en especial polo Real Decreto Lei 20/2012 que, "de xeito drástico", reduciu a contía da prestación por desemprego, suprimiu a redución que se aplicaba na cotización a cargo do traballador desempregado e endureceu o requisito de carencia de rendas, entre outras modificacións. Como resultado, se en 2011 case o 70% dos desempregados rexistrados tiñan acceso a unha prestación, agora a cobertura sitúase en arredor do 53%.

O número de contratos a xornada parcial incrementouse un 54,2% desde a reforma laboral

O número de beneficiarios de prestacións cae un 28,2 por cento pero é que só no caso dos beneficiarios de prestacións contributivas a caída é en picado, de 43,6 puntos, lembra UGT. 

En materia salarial, por outra banda, se o peso da remuneración dos asalariados no total da renda en Galicia xa era baixo, aínda diminuíu máis. En 2011 era do 46,7% e situábase no 2014 no 44,6% (último dato dispoñible). Ademais, máis do 30% dos asalariados cobra menos ou igual que o salario minimo, unha situación que afecta uns 300.000 traballadores. O soldo medio, para engadir aínda máis prexuízos, descendeu ata menos dos 18.000 euros. 

 

"Os datos non menten"

Con todas estas condicións laborais, como analiza UGT, as condicións de vida dos fogares empeoraron tamén en altos niveis. Con máis familias con todos os seus membros en paro e moitas máis casas sen perceptores de ingresos, ao pasar de 24.000 ás 32.800. Ademais, a taxa de pobreza, sitúase xa en máis do 16%. 

"Hai menos emprego e o que hai é máis precario. Hai máis paro e con menos protección. Caeron os salarios e aumentaron as desigualdades e a pobreza"

En canto ao emprego público, en Galicia perdéronse 2.460 traballadores, ao pasar dos 89.000 antes da reforma aos 86.382 en xullo de 2015. Na Administración, tamén se "instalou dun xeito máis incisivo" a temporalidade, con 15.667 empregos eventuais fronte aos 10.700 de catro anos antes. Os traballadores temporais xa representan máis do 18% na Xunta. 

"É evidente, que os datos non menten. Hai menos emprego e o que hai é máis precario. Hai máis paro e con menos protección. Caeron os salarios e aumentaron as desigualdades e a pobreza. A negociación colectiva está bloqueada. O equilibrio nas relacións laborais esnaquizouse, a favor dos empresarios. E o dereito laboral quedou degradado ata niveis insospeitados", resume UGT-Galicia.

José Domingo Barros, de UGT, presenta o informe © UGT-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.