Os concellos galegos aumentan a súa debeda, que se dispara na Deputación de Pontevedra

Evolución da débeda das administracións locais no ano 2024 ©

O pasado ano a débeda total dos concellos galegos pasou de 264 a 296 millóns de euros. Porén, foron máis as localidades que reduciron a súa débeda (108) que os que a aumentaron (64)

Os concellos e deputacións galegas levaron a cabo un notable proceso de redución da súa débeda entre 2010 e 2020. As regras da austeridade impostas pola UE e polo Goberno central marcaron un camiño de redución de gasto e investimentos que tivo entre os seus efectos a diminución da débeda total de 773 a 218 millóns de euros no caso dos concellos e de 277 a 20 millóns de euros nos entes provinciais. Nesa década a débeda da Xunta de Galicia practicamente se duplicou: dende os 6.188 ata os 11.538 millóns de euros.

A pandemia de COVID obrigou a deixar atrás algúns dos dogmas da austeridade e levou en 2021 a un incremento da débeda dos concellos por primeira vez dende 2012. Dende entón, esta débeda -moito máis limitada que a existente nos anos anteriores- vén incrementándose de forma paseniña, segundo revelan os datos correspondentes a 2024, publicados esta semana polo Ministerio de Facenda.

Nos datos de 2024 chama a atención a evolución da Deputación de Pontevedra, que pasa de ter unha débeda case inexistente (ao redor de dous mil euros) a presentar un total de case 22 millóns no primeiro exercicio completo de xestión do novo Goberno do PP

O pasado ano a débeda total dos concellos galegos pasou de 264 a 296 millóns de euros. Porén, foron máis as localidades que reduciron a súa débeda (108) que os que a aumentaron (64). 144 concellos non presentaron cambios e un total de 152 non presentan ningún tipo de débedas.

Nos datos de 2024 chama a atención, iso si, a evolución seguida pola Deputación de Pontevedra. O ente provincial pasa de ter unha débeda case inexistente (ao redor de dous mil euros) a presentar unha débeda total de case 22 millóns de euros no primeiro exercicio completo de xestión do novo Executivo do PP, que en maio de 2023 arrebatou o control da Deputación ao bipartito de PSdeG e BNG, que gobernara nos oito anos anteriores, un periodo caracterizado pola redución da débeda.

As outras tres deputacións galegas ou ben non presentan débedas (como é o caso de Ourense) ou estas son case inexistentes ou manteñen unha tendencia de redución

As outras tres deputacións galegas ou ben non presentan débedas (como é o caso de Ourense) ou estas son case inexistentes (179 mil euros no caso da Deputación da Coruña) ou manteñen unha tendencia de redución, coma no caso da Deputación de Lugo, que pasou de 15 a 7,5 millóns de euros entre 2019 e 2024.

Pola súa banda, a débeda da Xunta reduciuse un chisco no último exercicio, pasando de 12.169 millóns de euros a 11.936 millóns. A cifra practicamente se duplicou dende o ano 2010, aínda que o groso do aumento corresponde ao período 2010-2017. 

Nos orzamentos da Xunta para o ano 2025 destaca o aumento de máis dun 16% nos fondos destinados ao pagamento da débeda

Nos orzamentos da Xunta para o ano 2025 destaca o aumento de máis dun 16% nos fondos destinados ao pagamento da débeda, que en conxunto chegan a 1.763,49 millóns de euros. Dentro deles aumentan tanto os que teñen como destino o pagamento de xuros (de 188 a 214 millóns) coma os encamiñados a amortizar endebedamento, que pasan de 1.322 a 1.549.

Os Blancos, concello con máis debeda por habitante

Os Blancos é o concello máis endebedado en relación á súa poboación, con 5.385 euros por persoa

En canto aos concellos, aínda que a cidade da Coruña é a localidade con máis débeda total (uns 56 millóns de euros), a súa cifra de débeda por habitante está moi lonxe do máximo que marca o concello ourensán de Os Blancos, con 5.385 euros por persoa.

A localidade ourensá encabeza ano tras ano unha lista na que segue Miño (2.723 euros por habitante), concello coruñés que segue a loitar contra o grave problema de débeda que arrastra derivada principalmente da construción da urbanización Costa Miño Golf. Dende o ano 2020 vén reducindo a contía total e alongando os períodos para facer fronte a esta cantidade.

No outro extremo, atopamos 152 localidades que presentan cero euros de débeda

Pol, Catoira, Rairiz de Veiga, A Gudiña, Porqueira, Cuntis, Ares, A Pobra do Brollón, A Cañiza, Ribeira de Piquín, Quiroga, Xunqueira de Ambía, Vilanova de Arousa e Antas de Ulla figuran tamén entre os concellos galegos con máis débeda por habitante.

No outro extremo, atopamos 152 localidades que presentan cero euros de débeda. Entre estes concellos sen débeda hai moitos de pequeno tamaño, pero tamén vilas da importancia de As Pontes, Bueu, Caldas de Reis, Fene, Foz, Melide, Nigrán, Outes, Padrón, Porto do Son, Tui, Cambre, Moaña, Oleiros, Vilalba, Noia, Cambados, Carballo, Arteixo ou Gondomar.

No último ano destaca a redución da débeda levada a cabo por Ponteareas, A Cañiza, Xinzo de Limia, Cangas, Vimianzo ou Sarria (con descensos superiores ao millón de euros)

No último ano destaca a redución da débeda levada a cabo por Ponteareas, A Cañiza, Xinzo de Limia, Cangas, Vimianzo ou Sarria (con descensos superiores ao millón de euros) e tamén por Catoira, Salvaterra de Miño, Viveiro, Cabana de Bergantiños, Miño ou A Illa de Arousa.

En canto ás cidades, destaca a situación de Vigo, practicamente con débeda cero (175 mil euros) e as baixas cifras de Ourense (684 mil euros, apenas seis euros por persoa).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.