A débeda dos 313 concellos galegos pasou de 236,7 millóns de euros a 250,4 millóns, no segundo aumento consecutivo despois do mínimo acadado en 2020
Os concellos galegos incrementaron a súa débeda viva no ano 2022, segundo os datos que hai uns días publicou o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas correspondentes ao 31 de decembro do pasado ano. En total, a débeda dos 313 municipios do país pasou de 236,65 millóns de euros a 250,41 millóns, no segundo aumento consecutivo despois do mínimo acadado en 2020.
Entre 2012 e 2020 os concellos galegos reduciron notablemente a súa débeda, pasando de 773 a 218 millóns de euros, un descenso que foi obrigado en boa medida polas restricións orzamentarias impostas dende o Ministerio de Facenda a través da Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira ou a Lei de Racionalización e Sostibilidade durante a pasada década para levar adiante a súa xestión, mantendo baixos niveis de endebedamento e mesmo diminuíndo moito os existentes previamente.
No ano 2022 tamén a Xunta incrementou a súa débeda, que pasou de 11.715 millóns de euros a 11.977 millóns, equivalente ao 17,2% do PIB
No ano 2022 tamén a Xunta incrementou a súa débeda, que pasou de 11.715 millóns de euros a 11.977 millóns, equivalente ao 17,2% do PIB. Os datos do primeiro trimestre deste 2023 amosan que a débeda da Xunta segue a aumentar, situándose xa nos 12.608 millóns, o 17,7% do PIB. Dende o ano 2010 a débeda da Xunta aumentou en 5.788 millóns, unha suba do 94% dende os 6.189 millóns de hai 12 anos.
En cambio, o pasado ano a débeda das deputacións provinciais galegas seguiu a reducirse, situándose en pouco máis de 14 millóns de euros, fronte aos case 17 millóns do ano anterior e moi lonxe das cifras de hai unha década, cunha débeda moi por riba dos 200 millóns.
A débeda dos entes provinciais galegos leva en descenso dende o ano 2010, un tempo no que sobre todo as deputacións de Pontevedra e de Ourense reduciron de forma importante os seus números vermellos
A débeda dos entes provinciais galegos leva en descenso dende o ano 2010, un tempo no que sobre todo as deputacións de Pontevedra e de Ourense reduciron de forma importante os seus números vermellos, que no ano 2014 roldaban os 54 e 37 millóns de euros, respectivamente.
Ao remate do ano 2022 a débeda da Deputación de Pontevedra era inexistente (apenas dous mil euros), o mesmo que a da Deputación da Coruña (376 mil euros). Si presentan débeda a Deputación de Lugo (uns 10,5 millóns de euros) e de Ourense (3,5 millóns), aínda que as dúas administracións están a diminuír estas cifras nos últimos anos. Ademais, os niveis de débeda das deputacións galegas son moi inferiores aos que presentan a maior parte dos entes provinciais do resto do Estado, cunha débeda media superior aos 85 millóns de euros.
Por concellos: dos máximos de Miño e Os Blancos á 'débeda cero' de 138 localidades
A Coruña é o concello galego con máis débeda viva, con algo máis 55 millóns de euros. Miño, Santiago, Viveiro, Poio, Vilagarcía, Pontevedra, Lugo, Verín e Ferrol son as seguintes
A Coruña é o concello galego con máis débeda viva, con algo máis 55 millóns de euros. Miño, Santiago de Compostela, Viveiro, Poio, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Lugo, Verín e Ferrol son as seguintes localidades con máis débeda, pero moi lonxe dos niveis da Coruña.
En calquera caso, falamos da débeda total, o que por lóxica sitúa as cidades e concellos máis poboados nos primeiros lugares da táboa, coa excepción de Vigo, que segue a presentar niveis de débeda moi reducidos (apenas 174 mil euros) e de Ourense (146 mil), que reduciu os seus números vermellos case a cero dende o ano 2015.
Entre as cidades, Santiago e Lugo aumentaron a súa débeda en 2022 e tamén A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense rexistraron unha pequena suba, mentres que Ferrol reduciuna de forma importante
Durante o pasado ano 2022 medio cento de concellos incrementaron a súa débeda e algo máis de cen a reduciron, pero o saldo total foi dun aumento de case 14 millóns de euros. En termos absolutos destaca o aumento da débeda en Santiago (oito millóns de euros máis), Lugo, Lalín e A Estrada. En termos relativos, chama a atención a suba en Baralla, San Amaro, A Cañiza ou A Illa de Arousa.
Entre as cidades, ademais do incremento de Santiago e Lugo, tamén A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense rexistraron unha pequena suba da súa débeda, mentres que en Ferrol se reduciu de forma importante, chegando ao seu mínimo na última década.
Os concellos con máis débeda por habitante son Os Blancos (máis de 5.000 euros por persoa), Miño (máis de tres mil), Catoira e Porqueira (por riba de mil)
Os concellos con máis débeda por habitante son Os Blancos (máis de 5.000 euros por persoa), Miño (máis de tres mil), Catoira e Porqueira (por riba de mil). Pol, Rairiz de Veiga, A Mezquita e Dozón son as seguintes. No caso de Miño cómpre lembrar que nos últimos anos conseguiu xestionar o grave problema de débeda que sufría derivada principalmente da construción da urbanización Costa Miño Golf.
No outro extremo, atopamos 138 localidades que presentan cero euros de débeda e outros 22 por debaixo dos dez mil euros. Entre estes concellos sen débeda hai moitos de pequeno tamaño, pero tamén vilas da importancia de Sanxenxo, A Laracha, Monforte de Lemos, Noia, Arteixo, As Pontes, Fene, Fisterra, Culleredo, Nigrán, Oleiros ou Tui. A débeda por habitante de Carballo (0,13 euros por persoa), Vigo (0,59), Betanzos (0,9), Sada (0,94), Ourense (1,41), Cambre (2,49) ou Narón (3,97) é practicamente nula, igualmente.