Entre 2012 e 2020 os concellos galegos reduciron notablemente a súa débeda, pasando de 773 a 218 millóns de euros. En 2021, pola contra, o endebedamento municipal aumentou por vez primeira dende o 2012
Entre 2012 e 2020 os concellos galegos reduciron notablemente a súa débeda, pasando de 773 a 218 millóns de euros, un descenso que foi obrigado en boa medida polas restricións orzamentarias impostas dende o Ministerio de Facenda a través da Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira ou a Lei de Racionalización e Sostibilidade durante a pasada década para levar adiante a súa xestión, mantendo baixos niveis de endebedamento e mesmo diminuíndo moito os existentes previamente.
Os datos de 2021, pola contra, revelan que no pasado ano o endebedamento total dos concellos galegos aumentou por primeira vez dende o 2012, ata roldar os 237 millóns de euros. 59 localidades, encabezadas pola Coruña, incrementaron a súa débeda, mentres que outras 102 seguiron a reducila.
Dende o ano 2010 a débeda da Xunta aumentou en 5.526 millóns, unha suba do 89% dende os 6.189 millóns de hai 11 anos
No ano 2021 tamén foron quen de reducir a súa débeda as deputacións provinciais galegas, que pasaron de 20 a 17 millóns de euros, continuando a tendencia iniciada no 2011. Tamén se mantivo a mesma tendencia na Xunta, neste caso de aumento, pois o pasado ano o Goberno galego seguiu a incrementar o seu endebedamento, que se sitúa xa nos 11.715 millóns de euros. Dende o ano 2010 a débeda da Xunta aumentou en 5.526 millóns, unha suba do 89% dende os 6.189 millóns de hai 11 anos.
A Coruña é o concello galego con máis débeda viva, con case 55 millóns de euros, cun aumento de 10,6 millóns dende o 2020, o que o converte tamén na localidade na que máis subiu este indicador
A Coruña é o concello galego con máis débeda viva, con case 55 millóns de euros, cun aumento de 10,6 millóns dende o 2020, o que o converte tamén na localidade na que máis subiu este indicador. Miño, Viveiro, Poio, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Santiago de Compostela, Verín e Ferrol son as seguintes localidades con máis débeda, pero moi lonxe dos niveis da Coruña.
Despois da Coruña, Marín, Ponteareas, Poio, Ares, Outeiro de Rei, Lugo, Valdoviño, A Pobra do Caramiñal e Noia foron as localidades que máis incrementaron no 2021 a súa débeda.
160 concellos non teñen débeda municipal. Entre eles destaca a cidade de Ourense e vilas da importancia de Oleiros, Culleredo, O Porriño, Nigrán, Vilalba, Sarria, Fene ou Bueu. A débeda de Vigo é de mil euros
En cambio, Ferrol, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Mos, Ribeira, Moaña, O Grove, Boiro, Silleda e Redondela foron as localidade que máis reduciron os seus números vermellos.
Un total de 160 concellos galegos non teñen débeda municipal. Entre eles destaca a cidade de Ourense e vilas da importancia de Oleiros, Culleredo, O Porriño, Nigrán, Vilalba, Sarria, Fene ou Bueu. Ademais, a cidade de Vigo ten unha débeda municipal de tan só mil euros.
Vigo pasou de 22 millóns no ano 2014 a mil euros, Ourense de 28,5 millóns a cero euros, Santiago de 42 a 6 millóns, Pontevedra de 16 a 7 millóns e Ferrol de 29 a 6 millóns
Nos últimos anos as cidades galegas reduciron a súa débeda de forma moi importante. Así, Vigo pasou de 22 millóns no ano 2014 a mil euros, Ourense de 28,5 millóns a cero euros, Santiago de 42 a 6 millóns, Pontevedra de 16 a 7 millóns e Ferrol de 29 a 6 millóns. Tamén Lugo e A Coruña rebaixaran este indicador notablemente ata o ano 2020: de 24 millóns a 1 millón no caso lucense e de 76 a 44 no herculino. Porén, no 2021, as súas cifras aumentaron de novo un chisco.
Os Blancos e Miño continúan a ser os concellos con máis débeda por habitante, 5.348 e 3.137 euros respectivamente
En canto aos indicadores relativos á poboación, Os Blancos e Miño continúan a ser os concellos con máis débeda por habitante, 5.348 e 3.137 euros respectivamente. A débeda de Miño segue a ser unha consecuencia da desastrosa construción da urbanización en 2002 de Costa Anácara, renomeada despois como Costa Miño Golf. Porén, no actual mandato municipal o Goberno local foi quen de asinar un acordo cos veciños e veciñas expropiadas para resolver o conflito xudicial aberto hai 17 anos e de pechar un empréstito co Ministerio de Facenda para evitar que a débeda seguise crecendo.
Catoira, Pol, Porqueira, A Mezquita, Nogueira de Ramuín, Viveiro, Allariz, Avión, Vilanova de Arousa e Cerceda presentan tamén importantes contías de débeda por habitante, aínda que en case todos os casos están en proceso de redución. O seguinte mapa amosa as localidades que manteñen aínda maiores débedas vivas por habitante.