Este martes o Ministerio de Facenda publicou os datos completos da débeda viva das distintas administracións locais do Estado correspondentes ao conxunto do ano 2019. A estatística amosa como un ano máis os concellos galegos seguiron diminuíndo as súas débedas, como veñen facendo dende o ano 2012, pasando de 773 millóns a 225 millóns, a terceira parte. A redución foi especialmente significativa no caso das sete cidades, que só entre 2015 e 2019 rebaixaron esta cifra en case 150 millóns.
Un ano máis os concellos galegos seguiron diminuíndo as súas débedas, como veñen facendo dende o ano 2012, pasando de 773 millóns a 225 millóns, a terceira parte
En paralelo, tamén as catro deputacións provinciais galegas reduciron de maneira moi importante as súas obrigas financeiras. Os máis de 277 millóns de débeda do ano 2011 convertéronse en só 22 millóns no ano 2018, unha cifra que se incrementou lixeiramente no último ano, ata os 28 millóns.
Pola contra, neste tempo a Xunta de Galicia non deixou de incrementar a súa débeda, que pasou de 6.000 millóns de euros en 2010 a máis de 11.000 no ano 2017; dende entón, a cifra está practicamente estabilizada, e tras un leve incremento en 2018, mesmo se reduciu un chisco no ano 2019.
Neste tempo a Xunta non deixou de incrementar a súa débeda, que pasou de 6.000 millóns de euros en 2010 a máis de 11.000 no ano 2017
Cómpre ter en conta, iso si, que a redución da débeda das entidades locais foi obrigada en boa medida polas restricións orzamentarias impostas dende o Ministerio de Facenda a través da Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira ou a Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local. Con todo, isto revela tamén os obstáculos que as administracións locais tiveron que superar nos últimos anos para levar adiante a súa xestión, mantendo baixos niveis de endebedamento e mesmo diminuíndo moito os existentes previamente.
Pola súa banda, o incremento da débeda da Xunta tivo, ademais, consecuencia, incrementando as partidas orzamentarias que o Goberno galego debe destinar ao pagamento da débeda da Administración autonómica. Nos orzamentos do ano 2018 esta partida representaba o 40% dos fondos totais, un 300% por riba do que significaba no ano 2009.
Os datos da débeda viva dos concellos no ano 2019 amosan unha redución xeral e de feito hai xa 134 localidades que non presentan débeda ningunha. Entre os que si teñen debe, destacan A Coruña (48 millóns), Miño (14), Viveiro (10), Ferrol (9), Cangas (7) e Santiago de Compostela (7), en termos cuantitativos. Son on concellos cunha débeda maior, aínda que as grandes cidades como A Coruña, Ferrol e Compostela reduciron as súas cifras notablemente nos últimos anos, o mesmo que Ourense, Lugo, Vigo ou Pontevedra.
A localidade que máis se endebedou foi Cerceda, que pasou de non ter débeda ningunha a sumar máis de 2,6 millóns
No último ano, con todo, A Coruña si incrementou un chisco a súa débeda (pasou de 46 a 47,5 millóns) e tamén o fixeron Rianxo, Boiro, A Estrada, Verín, A Pobra do Caramiñal, Valga e Poio. A localidade que máis se endebedou foi Cerceda, que pasou de non ter débeda ningunha a sumar máis de 2,6 millóns.
No extremo contrario, os concellos que máis reduciron a súa débeda foron Santiago de Compostela (-13 millóns), Pontevedra (-3,5), Cangas (-1,6), Vilagarcía de Arousa (-1,4) e tamén Ribeira, Mos, Ferrol, O Grove, Moaña, Chantada ou Outeiro de Rei, que rebaixaron ao redor de un millón de euros en todos os casos.
Con todo, hai concellos que sen ter as cifras máis importantes, si presentan unha débeda significativa en función da súa poboación. Neste caso, Os Blancos é a localidade con máis débedas por habitante, pois os números vermellos da administración local superan os 3,8 millóns de euros para unha poboación de tan só 766 persoas, o que significa unha débeda de cinco mil euros por habitante.
O Concello de Miño, o segundo con máis débeda por habitante, pechou nos últimos meses o conflto xudicial produto da urbanización de Costa Anácara en 2002 e que estaba na base da súa débeda
O seguinte concello con máis débeda por habitante é Miño, con 14 millóns de euros (2.245 euros por persoa), produto da desastrosa construción da urbanización en 2002 de Costa Anácara, renomeada despois como Costa Miño Golf. En 2010 o Tribunal Supremo declarou ilegal a adquisición dos terreos, condenando o Concello de Miño a indemnizar con 25 millóns de euros aos 500 veciños afectados polas expropiacións. O pasado mes de setembro, o goberno local asinou un acordo cos veciños e veciñas expropiadas para resolver o conflito xudicial aberto hai 17 anos e que constituía un importante lastre para as contas públicas do Concello. Ademais, este mes de marzo o Concello pechou un empréstito co Ministerio de Facenda que serviu para rematar o conflito e para evitar que a débeda seguise crecendo.
Catoira, Porqueira, Nogueira de Ramuín, Viveiro, Petín e A Bola presentan tamén importantes contías de débeda por habitante, aínda que en case todos os casos están en proceso de redución