O Ministerio de Facenda concedeu ao Concello de Miño un novo empréstito de sete millóns, que servirá para pagar os xuros pendentes de pagamento ás máis de 200 familias que foran expropiadas hai dúas décadas para construír a urbanización Costa Miño Golf e que aínda non recibiran todas as compensacións económicas. O préstamo, que se une aos dous concedidos con anterioridade por un valor de 15 millóns, serve para pechar un conflito que levaba 18 anos aberto, que se moveu polos tribunais e que elevou a débeda do concello ata os 22 millóns de euros.
"Hoxe é un día moi importante. Con este préstamo hoxe remata un conflito de 18 anos no que os afectados foron ninguneados polos sucesivos gobernos municipais, obrigándoos a acudir aos tribunais de xustiza", di o alcalde
"Hoxe é un día moi importante. Con este préstamo hoxe remata un conflito de 18 anos no que os afectados foron ninguneados polos sucesivos gobernos municipais, obrigándoos a acudir aos tribunais de xustiza", destaca o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo (PSdeG-PSOE), que este luns anunciou a concesión do empréstito acompañado polo delegado do Gobierno en Galicia, Javier Losada.
Vázquez Faraldo agradeceu a intermediación de Losada para "axilizar as xestións" dun préstamo a 10 anos que conta con dous de carencia, polo que o Concello de Miño terá que comezar a devolvelo a partir do 2023. Estes cartos servirán para cumprir o compromiso asinado o pasado mes de setembro coas persoas afectadas polas expropiacións.
"Quero agradecerlles o acordo ao que chegaron hai meses co Concello. Foi un acordo de xenerosidade, pois renunciaron a cobrar unha parte da cantidade que lles recoñeceran os tribunais"
A través daquel acordo, o Concello comprometíase a pagar os xuros pendentes antes do 31 de maio de 2020 e, a cambio, os expropiados aceptaron a liquidación de todos os créditos contra a entidade local, derivados do procedemento contencioso-administrativo que se executa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), renunciando a cobrar a recarga de xuros que lles correspondería, ao redor de 8 millóns de euros.
"Quero agradecerlles o acordo de xenerosidade ao que chegaron hai meses co Concello, na que foi a primeira ocasión en que un Goberno municipal de Miño sentaba a falar con eles. Foi un acordo de xenerosidade, pois renunciaron a cobrar unha parte da cantidade que lles recoñeceran os tribunais", sinalaba este luns o rexedor.
"Con isto evitamos que a débeda siga crecendo", indica o alcalde, que anticipa que as negociación con Xunta e Deputación para a achega de fondos que axuden a pagar as cotas do préstamo -uns 700.000 euros anuais- "van por bo camiño". Así mesmo, salientou a importancia do aprazamento de 10 anos no pagamento das débedas anteriores contraídas con Facenda.
A situación chegara a ser practicamente insostible, cunha débeda total para o Concello de máis de 22 millóns de euros, unha cifra que case multiplica por catro o orzamento anual da localidade
A situación chegara a ser practicamente insostible, cunha débeda total para o Concello de máis de 22 millóns de euros, unha cifra que case multiplica por catro o orzamento anual da localidade, de ao redor de seis millóns. Miño é o segundo concello de Galicia (só despois de Os Blancos) con máis débeda viva por habitante, uns 2.529 euros por persoa. A pesar de que a súa poboación é duns 6 mil habitantes, Miño é a cuarta localidade cunha maior débeda viva en termos absolutos, uns 15 millóns de euros, só por detrás da Coruña, Compostela e Ferrol, e por diante de cidades como Pontevedra, Lugo, Ourense ou Vigo.
20 anos de conflito para o Concello de Miño
En 2010 o Supremo declarou ilegal a adquisición dos terreos, condenando o Concello de Miño a indemnizar con 25 millóns de euros aos 500 veciños afectados polas expropiación
A urbanización de Costa Anácara, renomeada despois como Costa Miño Golf, supuña a creación de 1.200 novas vivendas (e un campo de golf) á beira a AP-9. Impulsada inicialmente por Fadesa no ano 2002, foi adquirida en 2006 por Martinsa, que en 2008 presentou a maior suspensión de pagamentos da historia de España. En 2010 o Tribunal Supremo declarou ilegal a adquisición dos terreos, condenando o Concello de Miño a indemnizar con 25 millóns de euros aos 500 veciños afectados polas expropiación. O pasado mes de xullo, debido aos impagos, o TSXG emitiu novas providencias obrigando a engadir un recargo para o pagamento dos xuros xerados.
O pasado ano o socialista Manuel Vázquez Faraldo acadou a maioría absoluta, converténdose en alcalde, despois de décadas de goberno do Partido Popular e, nos últimos catro anos, do tránsfuga Ricardo Sánchez Oroza (que na campaña por carta solicitara aos demais partidos que non falasen da débeda do concello). Dende a súa investidura, Vázquez Faraldo marcouse como obxectivo a procura dun acordo extraxudicial cos expropiados.