Miño aínda sofre as consecuencias da desastrosa construción da urbanización en 2002 de Costa Anácara, renomeada despois como Costa Miño Golf. O proxecto de Fadesa, que supuña a creación de 1.200 novas vivendas (e un campo de golf) á beira a AP-9, foi adquirido en 2006 por Martinsa, que en 2008 presentou a maior suspensión de pagamentos da historia de España. A bancarrota do xigante inmobiliario deixou unha urbanización a medio facer e parcelas das que a Sareb (o banco malo creado para xestionar activos tóxicos) aínda tenta desfacerse.
O rexedor pide "eliminar da axenda política o debate do pago da débeda, xa que representa unha carga negativa para a convivencia da veciñanza e o desenrolo armonioso do noso Concello"
Ademais, en 2010 o Tribunal Supremo declarou ilegal a adquisición dos terreos, condenando o Concello de Miño a indemnizar con 25 millóns de euros aos 500 veciños afectados polas expropiacións. O ditame leva a que Miño vaia ser un concello fortemente endebedado durante os vindeiros anos.
De feito, Miño é o segundo concello de Galicia (só despois de Os Blancos) con máis débeda viva por habitante, uns 2.529 euros por persoa. De feito, a pesar de que a súa poboación é duns 6 mil habitantes, Miño é o cuarto concello cunha maior débeda viva en termos absolutos, uns 15 millóns de euros, só por detrás da Coruña, Compostela e Ferrol, e por diante de cidades como Pontevedra, Lugo, Ourense ou Vigo. Dende o ano 2015 a súa débeda viva pasou de de 3,1 millóns a 14,9 millóns (último dato dispoñible, correspondente ao 31 de decembro de 2017).
Esta débeda e a desfeita urbanística das últimas décadas será, de seguro, un dos temas principais das eleccións municipais de maio na localidade. Porén, o actual alcalde, Ricardo Sánchez Oroza, que goberna co apoio do PP, remitiu esta semana unha carta aos grupos políticos da oposición pedíndolles "o compromiso de eliminar da axenda política o debate do pago da débeda, xa que representa unha carga negativa para a convivencia da veciñanza e o desenrolo armonioso do noso Concello". No texto, o rexedor di estar "moi preocupado pola mala imaxe que nestes anos se ten difundido en base a débeda contraída polo noso Concello na actuación urbanística de Fadesa".
"É un tema relevante, e polo tanto é importante que a poboación coñeza que proposta fai cada un para solucionalo", di o voceiro do PSdeG-PSOE
A misiva foi remitida, cando menos, a PSdeG-PSOE e BNG, aos que solicita unha "pronta resposta". De inmediato, os dous grupos cualificaron de "surrealista" a petición, á que non van resposta, e subliñaron que de ningunha maneira van evitar falar da débeda. Manuel Vázquez Faraldo, voceiro socialista, sinala que "non se lle pode furtar á poboación a información e o debate sobre este tema", que é "crucial" neste concello. "Non tanto sobre como se xerou, senón principalmente sobre como se lle vai resposta nos vindeiros catro anos", di.
Hai tres anos o Goberno central emprestoulle ao Concello 14 millóns de euros para facer fronte á débeda e, despois de dous anos de carencia, Miño deberá ir devolvendo ao redor de dous millóns cada ano, comezando no 2018. "Nos últimos anos non se puxeron en marcha medidas para reducir a débeda ou para negociar cos afectados, polo que os intereses foron medrando", denuncia Vázquez Faraldo, que conclúe: "É un tema relevante, e polo tanto é importante que a poboación coñeza que proposta fai cada un para solucionalo".
A operación de Costa Anácara contara co apoio entusiasta do Goberno municipal de Miño, liderado nese momento polo Partido Popular
Os efectos do proxecto de Costa Miño Golf e a débeda xerada foron un dos temas principais da campaña no ano 2015 e o propio Ricardo Sánchez Oroza, que daquela se presentou encabezando a lista de Compromiso por Miño, foi moi crítico co candidato do PP e alcalde saínte, Jesús Veiga. Porén, en xuño de 2015 e para evitar un goberno de esquerdas, o PP deulle os seus votos a Sánchez Oroza, que se converteu en alcalde a pesar de que a súa lista obtivera un concelleiro e 234 votos. En consecuencia, Compromiso por Galicia rexeitou calquera vinculación da súa formación co novo alcalde, que se presentará á reelección baixo o paraugas de Xuntos por Miño.
Unha operación urbanística aprobada polo PP
A operación de Costa Anácara contara co apoio entusiasta do Goberno municipal de Miño, liderado nese momento polo Partido Popular, e a aposta provocou un cambio político na localidade, gañando as elección de 2003 Juan Maceiras, un ex-alto cargo popular que se presentou como independente cun discurso crítico coa macrourbanización. Porén, xa no Goberno, Maceiras mudou a súa postura con respecto ao proxecto de Fadesa e, de igual xeito, reintegrouse no PP para gañar por maioría absoluta os comicios de 2007 e 2011, abandonando o posto no ano 2012.