A pasada semana o goberno local de Miño asinou un acordo cos veciños e veciñas expropiadas de Fadesa Inmobiliaria (ao redor de 500) co obxectivo de achegar a resolución do conflito xudicial aberto hai 17 anos e que constitúe ademais un importante lastre para as contas públicas do Concello, un dos máis endebedados de Galicia por mor desta causa. Ao acto, cualificado polo alcalde como "fito decisivo para o futuro de Miño" asistiu a totalidade do Goberno municipal, outorgándolle á sinatura un carácter transcendental.
O acordo achega a solución para un conflito iniciado hai 17 anos e que elevou a débeda do Concello ata os 22 millóns de euros
Por unha banda, o Concello comprométese a xestionar, con cargo ao Fondo de Ordenación 2020 do Ministerio de Facenda, a achega dos xuros xerados polo atraso de máis de 15 anos no pagamento dos terreos. Establécese como data límite para facelo efectivo o 31 de maio de 2020. A cambio, os expropiados aceptan a liquidación de todos os créditos contra a entidade local, derivados do procedemento contencioso-administrativo que se executa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), renunciando a cobrar a recarga de xuros que lles correspondería, ao redor de 8 millóns de euros.
A situación chegara a ser practicamente insostible, cunha débeda total para o Concello de máis de 22 millóns de euros, unha cifra que case multiplica por catro o orzamento anual da localidade, de ao redor de seis millóns. A urbanización de Costa Anácara, renomeada despois como Costa Miño Golf, supuña a creación de 1.200 novas vivendas (e un campo de golf) á beira a AP-9. Impulsada inicialmente por Fadesa no ano 2002, foi adquirida en 2006 por Martinsa, que en 2008 presentou a maior suspensión de pagamentos da historia de España.
Os veciños afectados aceptan a liquidación de todos os créditos contra a entidade local e renuncian a cobrar a recarga de xuros que lles correspondería
En 2010 o Tribunal Supremo declarou ilegal a adquisición dos terreos, condenando o Concello de Miño a indemnizar con 25 millóns de euros aos 500 veciños afectados polas expropiación. No ano 2016 o Goberno central emprestoulle ao Concello de Miño 14 millóns de euros para facer fronte á débeda. Uns cartos que dende o pasado ano, Miño debe ir devolvendo ao redor de dous millóns cada exercicio.
O pasado mes de xullo, debido aos impagos, o TSXG emitiu novas providencias obrigando a engadir un recargo para o pagamento dos xuros xerados. Miño é o segundo concello de Galicia (só despois de Os Blancos) con máis débeda viva por habitante, uns 2.529 euros por persoa. A pesar de que a súa poboación é duns 6 mil habitantes, Miño é o cuarto concello cunha maior débeda viva en termos absolutos, uns 15 millóns de euros, só por detrás da Coruña, Compostela e Ferrol, e por diante de cidades como Pontevedra, Lugo, Ourense ou Vigo.
No acto de sinatura o alcalde disculpouse ante a veciñanza afectada polo trato que recibiron do Concello desde o inicio deste longo proceso, no ano 2002. "Sodes afectados, e non culpables", dixo
O pasado mes de maio o socialista Manuel Vázquez Faraldo acadou a maioría absoluta, converténdose en alcalde, despois de décadas de goberno do Partido Popular e, nos últimos catro anos, do tránsfuga Ricardo Sánchez Oroza (que na campaña por carta solicitara aos demais partidos que non falasen da débeda do concello). Dende a súa investidura, Vázquez Faraldo marcouse como obxectivo a procura dun acordo extraxudicial cos expropiados, á vez que mantiña xuntanzas con Goberno central, Xunta e Deputación para buscar fondos que lle permitisen pagar canto antes as débedas coa veciñanza afectada.
Vázquez Faraldo salienta que a sinatura deste acordo coa veciñanza expropiada supón "un fito decisivo" para "o futuro de Miño". O acordo, segundo o rexedor, é "un primeiro paso, decisivo, para a resolución do conflito". Ademais, destaca que "é a primeira vez que un alcalde miñense se reúne co colectivo dos expropiados desde o inicio do proceso para chegar a un acordo e consegue levalo a termo". E engade que "nos últimos anos non se puxeran en marcha medidas para reducir a débeda ou para negociar cos afectados, polo que os intereses foron medrando".
"É unha barbaridade facer á veciñanza de Miño partícipe das neglixencias institucionais"
"É unha barbaridade facer aos veciños de Miño partícipes das neglixencias institucionais, e temos a responsabilidade de reverter a situación", afirma Vázquez Faraldo, que no acto de sinatura se disculpou ante a veciñanza afectada polo trato que recibiron do Concello desde o inicio deste longo proceso, no ano 2002. "Sodes afectados, e non culpables", dixo.
A operación de Costa Anácara contara co apoio entusiasta do Goberno municipal de Miño, liderado nese momento polo Partido Popular, e a aposta provocou un cambio político na localidade, gañando as elección de 2003 Juan Maceiras, un ex-alto cargo popular que se presentou como independente cun discurso crítico coa macrourbanización. Porén, xa no Goberno, Maceiras mudou a súa postura con respecto ao proxecto de Fadesa e, de igual xeito, reintegrouse no PP para gañar por maioría absoluta os comicios de 2007 e 2011, abandonando o posto no ano 2012.
"Este era un dos obxectivos prometidos no noso programa electoral: falar e negociar para resolver os problemas de Miño, e empezámolo a demostrar. En apenas tres meses reunímonos, escoitei aos veciños e entre todos acadamos un acordo que é beneficioso para todas as partes”, destaca o rexedor.
"Creo que co esforzo engadido de Goberno Central, Xunta e Deputación, podemos encarrilar o tema", afirma o rexedor
"Os propietarios expropiados ao fin cobrarán todo o debido polos seus terreos, e o Concello acaba coa débeda histórica que tiña con eles, polos cartos e pola falta de respecto que en moitas ocasións amosou á hora de dirixirse a este colectivo”, afirma. E engade que "remata así a sangría dun proceso xudicial enmarañado, que custou máis dun millón e medio de euros ás arcas municipais, entre avogados, procuradores e custas xudiciais derivadas de caso Fadesa".
Vázquez Faraldo di ser "optimista" con respecto ao futuro da importante débeda que aínda ten Concello. "Creo que co esforzo engadido de Goberno Central, Xunta e Deputación, podemos encarrilar o tema, para facilitar ao Concello de Miño que cumpra son as súas obrigas financeiras sen deixar de atender as necesidades dos veciños".