O Concello de Miño deberá indemnizar inmediatamente os veciños e veciñas que foron prexudicados polas expropiacións realizadas por Fadesa para a construción da macrourbanización Costa Miño Golf, que foron declaradas ilegais. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de rexeitar o recurso presentado polo Goberno municipal, que polo tanto deberá facer fronte a estes pagamentos, uns xuros que roldan os 8 millóns de euros, unha cifra que supera o propio orzamento da localidade, ao redor de 6 millóns. E tendo en conta ademais, que a localidade xa arrastra unha débeda de 15 millóns.
Miño debe pagar de inmediato 8 millóns de euros, cun orzamento que rolda os 6 millóns e unha débeda de 15
Miño é un dos concellos máis endebedados do país, cunha débeda viva situada nos 2.529 euros por persoa. Ademais, viuse obrigado a solicitar dous préstamos dunha contía total de 14 millóns de euros, precisamente para facer fronte ás indemnizacións aos 500 afectados polas expropiacións, a quen deben abonar uns 25 millóns de euros.
No seu recurso, o Concello alegaba non poder pagar estes xuros, ao atoparse a institución "nunha situación de absoluta asfixia financeira". Porén, o tribunal rexeita este argumento e dá un prazo de 15 días para saldar estas obrigas. De non facelo, os afectados poderían recorrer á vía penal para que o Concello cumpra coa sentenza.
Esta decisión xudicial coincidiu coa carta remitida á oposición polo alcalde da localidade, Ricardo Sánchez Oroza (Xuntos por Miño), que goberna co apoio do Partido Popular, na que pedía que na campaña electoral non se falase da débeda para non danar "a imaxe" da vila. A petición foi rexeitada por PSdeG-PSOE e BNG. O voceiro socialista, Manuel Vázquez Faraldo, destacou que "non se lle pode furtar á poboación a información e o debate sobre este tema", que é "crucial" neste concello.
Vázquez Faraldo (PSdeG) critica que dende o 2015 Sánchez Oroza e o PP "non puxesen en marcha medidas para reducir a débeda ou para negociar cos afectados, polo que os intereses foron medrando"
Vázquez Faraldo criticou, sobre todo, que dende o 2015 Sánchez Oroza e o PP "non puxesen en marcha medidas para reducir a débeda ou para negociar cos afectados, polo que os intereses foron medrando". O voceiro socialista acusa a Sánchez Oroza e ao Partido Popular de colocar a Miño "nunha situación desesperada" pola falta de accións e de previsión e de querer, así mesmo, ocultar a verdadeira situación económica da localidade. Nos vindeiros anos, ademais, Concello deberá facer fronte á devolución dos prestamos que lle foron concedidos por parte do Estado.