O Goberno galego salienta que Galicia conta con 18 dos 34 minerais considerados "críticos" pola UE
Hai catro anos a Xunta publicitou a existencia dun "informe sobre o potencial mineiro de materias primas críticas en Galicia" cuxo contido mantivo en segredo co argumento de que podería dar pé a "movementos especulativos". Este luns o Goberno galego volveu publicitar as conclusións dun novo estudo sobre a presenza no país de minerais que a Unión Europea considera críticos e estratéxicos. E desta volta si fixo públicas as zonas nas que estarían eses materiais, repartidos en cinco grandes "corredores".
Uns recursos minerais que o Goberno galego valora nuns 45.000 millóns de euros e que cualifica como "unha das concentracións máis valiosas de minerais críticos en todo o continente".
Segundo o Goberno galego, o estudo elaborado en colaboración coa USC pretende cuantificar o potencial de Galicia para atender a demanda dos 34 recursos minerais que a UE considera críticos, dos que á súa vez 15 acadan o nivel de estratéxicos. As súas conclusións son que en Galicia hai potencialidade para extraer 18 dos 34 minerais críticos e que o valor das reservas existentes oscilaría entre os 25.000 e os 45.000 millóns de euros.
En pleno aumento do gasto en industrias militares a Xunta fala de "contexto xeopolítico favorable"
"Galicia posúe un potencial moi importante para estes elementos críticos", valorou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Unha intervención na que non só puxo en valor a "potencialidade" dos recursos existentes senón "tamén o contexto xeopolítico favorable", que non detallou. Un contexto no que se está a aumentar o gasto en industrias de armamento que empregan boa parte dos minerais en cuestión. Porén, a conselleira optou por resumir que "é unha oportunidade sen precedentes para a comunidade". [A militarización da economía chega a Galicia impulsada por 183 millóns da Xunta].
As conclusións divulgadas este luns pola Xunta identifican cinco grandes corredores nos que se atoparían os principais minerais:
- Ortegal-Moeche: rico en cromo e elementos do grupo do platino, con 25 quilómetros de lonxitude e 8 de anchura para unha área duns 200 quilómetros cadrados.
- San Fins-Santa Comba: volframio, estaño e bismuto nunha franxa de 45 quilómetros por 18 para unha área de 810 quilómetros cadrados.
- Santiago-Touro-Lalín: cobre, cobalto, zinc, galio, xermanio e indio nunha lonxitude de 80 quilómetros por 15 de ancho nunha área total duns 1.200 quilómetros cadrados.
- Penouta-Forcarei: tantalio, niobio, litio e estaño nunha franxa de 35 quilómetros de longo por 12 de ancho e 420 quilómetros cadrados.
- Vigo-O Porriño-Tui: terras raras nunha lonxitude de 60 quilómetros cunha anchura de 20 e unha área de 1.200 quilómetros cadrados.
O Goberno galego di apostar por explotar estes recursos de xeito "respectuoso coa natureza" e considera que "para que saia adiante é imprescindible que a cidadanía entenda" a súa estratexia. Para acadar ese obxectivo a Xunta defende a lei de recursos naturais que aprobou o pasado ano para regular os beneficios sociais da súa explotación. "Teñen que deixar parte da riqueza no territorio no que se asentan", di o Goberno galego.