As empresas de renovables en que participe a Xunta deberán ter nos seus fins "procurar o beneficio social"

Aeroxeradores nun monte galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego contempla a posibilidade dunha participación interposta, a través de sociedades participadas directamente pola administración que á súa vez participen en sociedades “vehiculares” para executar cada proxecto concreto

A nova lei de aproveitamento dos recursos naturais de Galicia, coa que o Goberno galego dará un xiro á súa liña política da última década e media para agora impulsar directamente proxectos de enerxías renovables, prevé incluír como condición expresa para que a Xunta participe nunha sociedade que esta teña “entre as súas finalidades e responsabilidade corporativa” o “obxectivo” de “procurar o beneficio social” e “canalizar” o valor xerado “cara a todo o tecido socioeconómico” de Galicia, “en particular cara ás comunidades locais” que soporten os custos ambientais. 

Tamén contemplará a posibilidade dunha participación pública interposta, a través de sociedades participadas directamente pola administración. Estas, á súa vez participarían en sociedades “vehiculares” para executar cada proxecto concreto.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o seu vicepresidente económico, Francisco Conde, nunha visita a un parque eólico nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras máis dunha década negándose a participar directamente en proxectos de enerxías renovables, o pasado 21 de marzo o Goberno galego anunciou un xiro político nese eido. Dous días despois, o xoves 23, o presidente Rueda pediu tempo para aclarar o alcance da nova iniciativa, pero avanzou que se articularía a través dunha nova lei baseada en dúas grandes patas: por un lado a Xunta dará máis peso nas súas avaliacións ambientais aos beneficios que cada proxecto deixe no territorio no que se asente, e por outro a Xunta e outras administracións interesadas poderán participar directamente en sociedades que impulsen proxectos concretos de enerxías renovables que o Goberno galego considere que teñen un importante retorno social. 

Segundo os detalles da futura lei desvelados pola Xunta, esta será de aplicación aos proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables, ás concesións mineiras e ás concesións de augas para varios usos

Ese xoves 23 o Consello da Xunta autorizou o inicio da tramitación da lei, que terá que pasar por unha moi inicial fase de consulta pública previa na que calquera persoa poderá formular suxestións. Fontes do Goberno galego aseguran que aínda non hai nin un borrador de texto articulado, e esa consulta pública aínda non se abriu dúas semanas despois do anuncio de xiro político. Pero a Xunta si detalla xa algunhas das “principais novidades normativas que suporá o novo texto. 

A nova lei contemplará que a Xunta ou os seus entes instrumentais “poderán participar en sociedades mercantís entre cuxas finalidades e responsabilidade corporativa se encontren as de procurar o beneficio social e económico dos proxectos, no marco das súas operacións industriais, mercantís ou de investimento, de acordo coas normas previstas nesta lei”. Isto é, as sociedades non só deberán contemplar ese “beneficio social” na súa denominada responsabilidade social corporativa (RSC) ou declaración de intencións sobre o seu xeito de actuar ante a sociedade senón que deberán incluílo na súa propia finalidade. 

Detalles da lei de aproveitamento dos recursos naturais que a Xunta aínda comeza a tramitar agora CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego contempla tamén que “as sociedades participadas poderán, pola súa vez, participar nas sociedades vehiculares que se establezan, de ser o caso, para executar os proxectos de investimento”. Isto é, a Xunta e outras administracións poderán participar nunha sociedade matriz que á súa vez teña filiais para cada proxecto concreto.

"As sociedades participadas poderán, pola súa vez, participar nas sociedades vehiculares que se establezan, de ser o caso, para executar os proxectos de investimento"

Pero a Xunta incide no requisito indispensable de que as empresas inclúan na súa finalidade o beneficio social: “En todo caso, para que a Administración participe nas sociedades, entre as súas finalidades e responsabilidade corporativa encontrarase o obxectivo de valorizar os recursos estratéxicos galegos e canalizar este valor cara a todo o tecido socioeconómico da Comunidade Autónoma, en particular cara ás comunidades locais que soportan a maior parte dos custos ambientais da súa explotación”, di o Goberno galego.

Á espera de que se abra a consulta pública previa para que a cidadanía presente suxestións, a Xunta tamén concreta os eidos en que será de aplicación a nova lei, en parte avanzados verbalmente polo presidente Rueda o 23 de marzo. A lei, en principio tanto para a súa pata de participación pública como para a de reforzo do beneficio social na avaliación ambiental, non será só aplicable ás enerxías renovables senón en xeral a calquera aproveitamento de recursos naturais, de aí o seu propio título, Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

Así, será de aplicación aos proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables, aos “dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros” e aos “proxectos que requiren da concesión de augas” para varios usos: produción de enerxía eléctrica, “usos industriais para produción de bens de consumo e industrias extractivas”, “usos agropecuarios e acuicultura” e usos aos que se destinen as concesións de augas que antes fosen de centrais térmicas pechadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.