O pasado febreiro a Xunta confirmaba que viña de poñer en marcha ao proceso para incorporar ao Banco de Terras leiras abandonadas ou de propiedade descoñecida. Concretamente, a Consellería do Medio Rural ratificaba que, ao abeiro da lei de Recuperación da Terra Agraria, xa comezara coa "investigación da propiedade dos terreos de donos descoñecidos coa finalidade de incorporalos" ao Bantegal é dicir, para alugalos e poñelos a producir.
Esas investigacións, conforme á lei, poden comezar por iniciativa da propia Administración galega ou "por comunicación ou denuncia". Mentres se desenvolve, o propio Goberno galego ten a posibilidade mesmo de incorporar os predios "transitoriamente" ao Banco de Terras. En síntese, supón aplicar e mesmo ir máis alá dos preceptos cos que naceu o Bantegal de man do Goberno de PSdeG e BNG nun tempo no que o PP galego, xa con Alberto Núñez Feijóo, atacou con dureza a medida por, dicían, considerala comunista.
Segundo os populares, o Executivo de coalición ía aplicar unha "sovietización encuberta" de consecuencias "gravísimas" no agro galego. Galicia, advertían, non era "un país pertencente ao extinto pacto de Varsovia". "Coidadiño co sentido da propiedade", esixían ao daquela conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal (BNG), a quen acusaban de impulsar unha "incautación de terras". O actual conselleiro, José González (PP), defende que incluír terras abandonadas no Bantegal supón "poñelas en valor" e mesmo evitar incendios.
Tras xirar para asumir como propio o Banco de Terras e mesmo levalo máis alá do previsto polo Goberno de PSdeG e BNG, o PP agora encabezado por Rueda vira o rumbo na enerxía eólica para prometer a participación pública da que aprobou "prescindir" nada máis retornar á Xunta hai década e media
Nesa vertente da política agraria hai xa anos que o Goberno do PP xirou cara ás posicións que atacou con dureza mentres estivo na oposición (2005-2009). Aínda que con máis demora, neste 2023 vén de executar outra viraxe semellante no que fora outro dos eixes de máis duros ataques contra o Goberno da esquerda: a participación pública da Xunta en proxectos de enerxía eólica.
Esa participación pública era unha das claves do concurso eólico da Xunta de coalición, concretamente da Consellería de Industria daquel Goberno, que dirixía Fernando Blanco (BNG). Nada máis retornar a Xunta en 2009, o Goberno do PP comprometeuse a anular aquel concurso e así o fixo. Ao tempo, aprobaba unha nova lei para o sector que incluía entre os seus preceptos "prescindir da participación pública como criterio de valoración nas autorizacións". Incluír a participación pública na ecuación dos novos parques eólicos, defendía o daquela conselleiro de Industria, Javier Guerra, era un "atentado contra a liberdade de empresa recollida na Constitución", unha ilegalidade. No seu lugar crearon o canon eólico, un tributo sobre os parques que xera uns 22 millóns anuais de recadación.
Andando o tempo, sucesivos pronunciamentos xudiciais avalaron a legalidade do plan eólico do Goberno de coalición. A participación pública era legal e a decisión do Goberno do PP supuxo o pagamento de indemnizacións millonarias.
Con todo este pano de fondo, despois da recente autorización ambiental de 77 parques eólicos -que continúan trámite-, en pleno desenvolvemento da eólica mariña e coas enerxías renovables no centro do debate público e social, o actual presidente da Xunta escenificaba esta semana o cambio de rumbo. O Goberno do PP, anunciaba o presidente Rueda, vai impulsar a creación dunha empresa mixta (público-privada) para participar en proxectos eólicos e doutras renovables.
A intención política da medida, dixo Rueda, é "garantir que a sociedade galega no seu conxunto asuma un papel protagonista na transición enerxética" e que "o rendemento económico dos recursos naturais de Galicia se reinvista en Galicia". O decreto eólico de 2007, no que se sustentaba o concurso do bipartito, indicaba que a participación pública buscaba que "a sociedade galega no seu conxunto se poida beneficiar de maneira directa dos rendementos xerados por estas instalacións".
Rueda admite que aínda non está claro se a Xunta será ou non maioritaria na nova empresa para participar en proxectos enerxético. Pero onde antes sinalaban un "atentado contra a liberdade de empresa" agora afirman: "Canta máis capacidade de decisión poida ter a Xunta, mellor"
Apenas dous días despois do anuncio, o pasado xoves o propio Rueda deixaba entrever que no seu plan hai aínda máis incógnitas ca certezas. Aínda non está claro se a Xunta será socia maioritaria ou minoritaria nesa nova empresa para procurar unha participación pública que tamén estará "aberta" a outras administracións -caso dos concellos, por exemplo- e que tamén abre a porta a participar no sector mineiro, non limitándose ás renovables.
"Veremos como é esa sociedade", di Rueda, que pide tempo para concretar o que, en calquera caso, ninguén nega na Xunta que é un xiro político en toda regra. "Canta máis capacidade de decisión poida ter a Xunta, mellor", resume o titular do Goberno galego. Do mesmo Goberno que abrazou a "sovietización encuberta" na terra e agora, semella, fai o propio no aire co "atentado contra a liberdade de empresa".